Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iolanda Díaz

A revolución e o retorno do ficticio ao real

13:50 27/06/2007

A revolución consiste nun retorno do ficticio ao real (Os miserables, Víctor Hugo)

Non é xusto. A planta de gas é un desafío á xustiza. E cando un recoñece a torva faciana da inxustiza e resulta interpelado polo argumento moral xa non pode deixar o combate; combate que, quede ben claro, nos impoñen. O exercicio racional léganos deberes ineludibles por máis que o curto alento do oportunismo nos convide a calar e aceptar a tiranía da forza e dos cartos.

Como non será a cousa que non hai gobernante no noso país – dos que manteñen os recursos diante das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia – que non recoñeza que a ubicación da planta é mala; laio que non ven acompañado das medidas que parecen de rigor nestes casos: se a ubicación é mala polo perigo que supón para a nosa seguridade, cambiese. Porén o que temos ante nós resulta pouco aleccionador: recórrense sentenzas como expediente para dilatar os prazos e darlle a planta de gas tempo para a súa política de feitos consumados e máis argállanse caracteres estratéxicos para xustificar o inxustificable: pór en perigo vidas humanas por milleiros e comprometer a riqueza produtiva da ría en troques dun beneficio que van colleitar uns poucos.

Unha non pode deixar de matinar baixo que imperativo moral se reparten paus a unha cidadanía que exerce os seus dereitos democráticos por orden do delegado do goberno e da autoridade portuaria. Nos miolos unha dalle volta a canto hai de renuncia interesada nos nosos gobernantes cando recoñecen que a planta non está ben situada e non fan nada para cambiala. Forza bruta e renuncia sen razóns conforman unha praxe política dun conformismo alarmante cos poderes económicos.

Ameaza perpétua
Reganosa resume a ameaza perpetua que pende sobre o poder político democrático por parte do poder económico: caer na subordinación a intereses privados opostos aos públicos. Democracia minúscula e falaz que hoxendía a globalización capitalista constrúe, na cal o mercado o pode todo e a él hai que subordinar calquera outro criterio; mercado que se configura como o eixo reitor de todos os eidos da vida social, nunha praxe que reduce a política a un guetto no que apenas hai algo máis que un baleiro de contidos e unha elección deturpada das elites gobernantes.

Fronte a Reganosa hai outra concepción da política, a que a entende como ferramenta de transformación social nun sentido de xustiza, igualdade e liberdade. Unha praxe pedagóxica na que o diálogo, as razóns, a legalidade, a mobilización social e cidadá constrúen un bloque social quen de defender os intereses de tod@s. Hai outros emprazamentos e tempo para facer ese traslado ao porto exterior, lugar onde ía radicar na orixen esta infraestrutura. Defender o que din os tribunais e o que recollen as directivas europeas en materia de seguridade debe ser unha tarefa de todo aquel que non se reduza á condición de obsecuente capataz do poder económico. Sen avaliación de impacto ambiental, con dúas sentenzas en contra, coa mobilización cidadá denunciando a súa ubicación, hai que razoar que non é xusto o que nos impoñen aos habitantes de Ferrolterra, non e xusto o que se lle quere impor ao país: cartos para catro, perigo e destrucción da riqueza da ría para milleiros.

A dignidade moral – que xungue ética e política nun intre inescindible – está da nosa parte, da man chea de organizacións que constitúen o Comité de Emerxencia e que van seguir a manter unha batalla coas núas mans da razón e a mobilización. Con cazolas, nas lanchas, nas tribunas institucionais, nas aulas e nas rúas... imos proseguir unha loita xa de anos para vencer o espellismo – feito de cartos e libelos – angosto e asoballador e para facer emerxer unha realidade de razón e xustiza coa planta fora da ría.

3,29/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »



Anteriores...