Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iolanda Díaz

Outro urbanismo III

11:25 27/12/2007

O urbanismo actual proponse ordear un crecemento sen fin. Hai cincuenta anos da primeira lei do solo, pensada sobre todo para organizar novos desenvolvementos. As súas sucesoras non variaron neste aspecto de forma substancial.

Tenden os plans, aínda os menos expansivos (os de reforma interior ) a autofinanciarse; o habitual é logralo ao crear novo tecido urbano. Na programación e estudo económico-financeiro hai sempre un modelo baseado no crecemento do concello.

Porén, o crecemento indefinido é inviable. Nas condicións, que serían as desexables, de equilibrio demográfico, un concello crece se outros decrecen. As entidades locais, estados en miniatura que fan os plans, obríganse a competir, como os Estados auténticos, na poxa por atraer inversores: podes dar facilidades ás industrias que se instalen no territorio, servir de cidade dormitorio a entidades maiores, loitar con outras para se converter en centros turísticos ou en cidades cun atractivo comercial...

En ocasións están dispostas a acoller industrias nocivas ou perigosas. Aínda que unha comunidade ou Estado poidan obrigalas a soportar instalacións pouco atractivas en atención ao interese xeral, son as veces as autoridades locais ou un sector da poboación as que as buscan como forma de revitalizar unha localidade declinante. Chegouse a ver a algún alcalde ofrecerse para instalar no seu concello un cemiterio nuclear.

¿Hai algunha alternativa de desenvolvemento urbano sen crecer a toda costa? A idea, xa tópica, dun desenvolvemento sustentable só se pode defender se se entende por desenvolvemento algo distinto do crecemento vexetativo: o desenvolvemento humano.
O termo humanización emprégase xa para referirse á reforma nos espazos públicos, reforma que da prioridade ás persoas fronte ás facilidades ao tráfico. Case sempre o cambio limítase a peonalizar rúas, ensanchar as beirarrúas... e exportar a incomodidade a outras zonas. Mais se queremos humanizar de verdade, hai que afrontar en serio limitar o emprego privado de vehículos.

Humanización
Isto supón simultanear a humanización con alternativas de transporte eficaces e á vez atractivas. Para percorridos longos, transporte público cunha rede suficiente e xerarquizada (trens, metros lixeiros, autobuses, taxis, nesta orde). Para os curtos, fomento da bicicleta. Mais ante todo hai que facer agradable o andar. Nesto prazas, parques e xardíns xogarán un papel fundamental.

Así sería a cidade desexable. Habería unha rede de transporte xerarquizada, baseada nos vehículos non privados. Outra rede peonil ben diferenciada da anterior tería que incluir vías de circulación, prazas, xardíns, parques. Os edificios públicos (sanitarios, asistenciais, educativos, de lecer... ) repartiríanse con racionalidade, esto, é, preto dos seus usuarios, xerarquizados en función do número de habitantes aos que servisen (dotacións de toda a cidade, de distrito, de barrio...); así non restaría poboación desatendida.

As vivendas construiríanse en función das verdadeiras necesidades da poboación, nunca na capacidade de mercalas como ben para especular. Son bens de uso, non unha vía de investir. Limitaríase o seu número e taxaríase o prezo, con preferencia para a vivenda pública, en venda ou renda limitada, castigándose de xeito exemplar os abusos.

A planificación urbana contará con solo industrial, pero sempre en función das necesidades reais e non de expectativas esaxeradas. Nun futuro non remoto racionalizarase a produción, adaptándoa ao consumo próximo. A falla de enerxía encarecerá o transporte e irá eliminando o de longa distancia. Industrias e cultivos producirán para o entorno. A planificación rexional cobrará novo pulo, desbotando esta mala globalización que é quen de traernos a froita dende as antípodas.

O urbanismo utópico doutras épocas preveu modelos semellantes. Non hai que inventalos. Só necesitamos auténtico realismo. E vontade política.

3,19/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »



Anteriores...