Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iolanda Díaz

A violencia dos inquisidores

13:50 23/08/2007

"La tolerancia es la pasión de los inquisidores"
Silvio Rodríguez

Non resulta doado ignorar no fragor da loita política cando se traspasan  os umbrais  da decencia moral.  Na loita política  caben as pugnas, as liortas e até os enfrontamentos máis duros, pois a nosas  sociedades acollen intereses contrapostos e até antagónicos, intereses que non admiten síntese algunha. Mais hai fronteiras que cómpre non rebasar para non deixar nesa andaina a dignidade que nos debemos uns a outros como cidadanía.

No eido da cultura a expresión dos antagonismos resulta especialmente reveladora. A cultura é  campo magnético onde  cada pequena alteración necesita dunha extraordinaria acumulación de forzas, e onde se amosa cunha enorme virulencia as liñas de fractura dos campos ideolóxicos, que malia os agoreiros interesados da fin das ideoloxías  seguen a indicarnos  tanto as liñas de avance e progreso como as de retroceso.

Cómpre non esquecelo para explicármonos diante de bastardas  polémicas artificiais, que nos indican as liñas que non debemos traspasar so pena de perdérmonos xiróns innegociables da nosa dignidade. Na palestra política non vale todo, non debe valer todo. Nestes días houbo unha polémica  na miña cidade que retratou sen misericordia as liñas de fractura entre dereita e esquerda no que atinxe a cultura.  A dereita política ouveou improperios e alentou coa súa campaña até ameazas, obstinada en reducir a creación artística a unha plantilla do políticamente correcto, onde non cabe outra cousa que a repetición sen alma dun vello e desgastado cliché: a louvanza acrítica do herdado, da peor herdanza, a que tenta seducir ou rendirse obsecuentemente ao mercado. Censurar a letra dunha canción onde se fala do criminal Carrero Blanco ( golpista contra a legalidade de paz e esperanza republicanas );   condear unha obra pictórica como dexenerada por retratar de xeito expresionista o egoísmo da burguesía de entreguerras; ou non publicar unha novela por consignar escenarios conflitivos... impedir a libre creación artística apelando a pantasmas  evidencia o carácter reaccionario e irracional dos herdeiros políticos de Fraga.

Predicando a apocalipse
A miseria moral da dereita política pode consignarse cando para facer a crítica das festas teñen que falar de ETA.  Perdeu a nosa novelística algún magnífico escritor truculento entre os ideólogos do PP, que non cesan de predicar a apocalipse en forma dunha España rota e vermella. Hai máis de tres anos que ao fondo de calquer  crítica que se fai dende o PP o fantoche que aparece e a ETA.  Espantallo de morte que sirve para botar fóra do espazo político cuestións que sí son fundamentais para o noso porvir como sociedade: a política cultural,  as políticas de emprego, a igualdade real entre mulleres e homes, o fenómeno migratorio...
    
Nos arrabaldos romanos ou nos de calquer  cidade galega incúbase un fondo malestar social por anos e anos de políticas neoliberais, co seu cortello de desemprego, precariedade e siniestralidade; as listas de espera sanitarias, ou a política  educativa dun ensino vampirizado polos concertos...  políticas de dereitas, exemplos dabondo da existencia dunha divisoria dereita – esquerda que só dende as ringleiras da dereita téntase agochar. As políticas de esquerda teñen que ser quen de rachar as inercias e alzar - de xeito participativo – novidades que supoñan melloras nos vieiros de igualdade e liberdade que aínda nos restan por facer, andaina cívica que non atura censuras ou autos de fe. ¡ seus son, non os queremos ¡

4,27/5 (37 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »



Anteriores...