Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iolanda Díaz

Outro urbanismo (II)

09:31 29/11/2007

A primeira Lei do Solo, a de 1956, acertaba no enfoque xeral (cualificar e clasificar o solo, edificar nas zonas permitidas, obrigar a cesións ) e proclamaba as boas intencións, as de recuperar para a comunidade política as plusvalías obtidas no proceso urbanizador, mais tivo dende o inicio un pecado orixinal: aínda sendo o ente planificador público, o axente urbanizador acostuma ser un promotor privado, beneficiario da súa propia actuación. Supoñía facer deixación da facultade pública de executar o planeamento, que noutros países frenara abusos, aínda que menos nos últimos anos liberais.

Este pecado orixinal levounos á progresiva degradación do territorio, xa ampliamente recoñecida, e á corrupción urbanística, compañeiros dun desenvolvemento do sector da construción que enmascara a decadencia doutras ramas da industria.

Mais as cousas sempre poden empeorar. A Lei 6/1998 sobre Réxime do Solo e Avaliacións, e o posterior Real Decreto- Lei 4/2000 de medidas urxentes de liberalización do sector inmobiliario, dúas fermosas perlas do aznarato, estabeleceron a necesidade de xustificar, non onde se pode edificar, senón onde non se pode. Agora, o solo non protexido expresamente polo planeamento é territorio libre de caza para a especulación.

Razonan os liberais que canto máis solo dispoñamos máis barato será. A realidade amosa o falaz do razoamento, que fai do mercado o factor único do prezo das cousas. Mais os solos ben situados seguen a ser igual de caros. Un solo soamente se abarata polas súas eivas: por estar mal comunicado, por tratarse dunha zona perigosa ou insalubre, polo abrupto do terreo e o caro de urbanizalo...xa que logo, solo barato pode querer dicir dúas cousas: lugar onde desterrar a quen non pode pagar outro mellor, ou solo que se vai encarecer no proceso urbanizador ao dotalo de infraestruturas e servizos. Os custos poden ser diferidos no tempo e recaerán no usuario: transporte privado, tempo perdido en desprazamentos. En definitiva, son gastos que eliminarán a vantaxe inicial, a non ser...

O beneficiario especulador
A non ser que o beneficiario especulador non pague esas consecuencias, que as pague outro: o concello cando arranxe as deficiencias, o comprador da vivenda que terá que se desprazar, o tráfico creado artificialmente que precisará novas estradas... Iso que adoitamos chamar externalización de custos, e que socialmente é simple desbalde.

De xeito paradoxal, nunca houbo tanto solo protexido como con esta lexislación. Os tipos e motivos de protección multiplicáronse. Ao estudar os máis recentes plans xerais obsérvanse boas análises do territorio, crecente racionalidade e detalle ao definir os usos permitidos e prohibidos, protección de áreas naturais, arqueolóxicas ou de valor paisaxística. Xunto a isto, o que en tempos foi solo rústico e logo solo non urbanizable converteuse en solo non protexido do proceso enladrillador, porque é urbanizable todo o solo non específicamente protexido.

Ouvimos dicir a un personaxe, responsable do PXOM de Vigo, que nunca houbo nesa cidade tanto solo protexido. Iso dito dun Concello que cualifica como para edificar outro tanto do xa construido! O certo é que nunca houbo tanto solo ... desprotexido, aínda que o protexido estea máis adornado de estudos que nunca.

Non hai xeito de diminuir o prezo do solo sen sobresaturar o mercado? Pois sí. Hai medidas fiscais, como o imposto sobre solares sen edificar. Hai prazos obrigados de execución, prezos tasados, expropiacións por razón de utilidade pública ou interese social. Mais para o liberal, non. Serían medidas perigosas, que producirían falla de interese e fuga de capitais. Neste planeta tan mal globalizado, hai que atraer con privilexios non xa ao capital foráneo senón ao noso, ao nacional, patria del mesmo, para que non fuxa onde o poidan cebar mellor. Imos listos.

Anterior: Outro urbanismo (I)

3,78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »



Anteriores...