Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iolanda Díaz

Outro urbanismo (I)

11:15 20/11/2007

En gran  parte de Europa o planeamento é, foino sempre, unha actividade materializada no solo público. As administracións, estatais ou locais, deciden usos, graos de ocupación, volumes e ordenanzas a aplicar; a urbanización é potestade comunitaria, aínda que despois poda cederse a particulares a titularidade perpetua, ou só o uso temporal.

Xa que logo hai capacidade para actuar segundo as necesidades sobre un solo que xa era propio ou que se merca ou expropia segundo sexa preciso. Un crecemento moderado non desbordará a capacidade de xestión.

Nos anos 50 había en España expectativas de desenvolvemento que ían requerir ordenamento. Tamén había bos urbanistas, que previron de xeito correcto a necesidade do solo. Mais faltaba capacidade económica, nun país arruinado, para pór en práctica políticas públicas de actuación, e ante todo non había vontade política para enfrontarse ao interese dos posuidores.

A única forma de obter terreos era dar contrapartidas que estimularan aos propietarios; darlles a oportunidade de obter  grandes plusvalías. Aínda que o poder  de decidir usos e aproveitamentos o mantería a administración, o proceso urbanizador consolidábase como actividade privada.

Ao conservar o poder decisorio, a administración tería forza para esixir a cesión obrigatoria do solo, imprescindible para viais, equipamento e o que se chamou sistemas xerais. A filosofía subxacente era que a cesión rescataba as plusvalías obtidas polo axente urbanizador dándoas á colectividade. Pero de ser completo o rescate, ¿que interese tería un axente movido polo afán de lucro en colaborar?.

Reparto xusto
A partires daquela lei do solo de 1956 elaboráronse procedementos para o reparto xusto dos beneficios e das cargas  entre os propietarios. Loxicamente quedaban á marxe dese xusto propósito os non propietarios. Un propietario tiña máis xustiza se tiña máis solo.

O que seguiu amosou a inxenuidade de crer no reparto xusto nas condicións reais do mercado. Quen ten moito solo faise sempre co control do proceso. E quen ten moito capital atopa o xeito de adquirir, con discreción, solo a baixo prezo a propietarios menores descoñecedores dunha información que el adoita ter. Faise, enton, o negocio. O reparto de cargas despraza asemade aos insolventes.

A facilidade para enriquecerse máis do que xa era rico é enorme. Non falemos da capacidade corruptora, amosada ao subornar aos encargados da xestión dos plans, urbanistas ou concellos. Suponse que os casos descubertos son só unha parte dos que hai.

Iniciouse,entón, o proceso de desenvolvemento urbano máis devastador coñecido na historia, con resultados que firen a nosa ollada.

Os mellores solos agrícolas, perdidos; as costas, esnaquizadas; bosques talados; ocupación de barrancos e zonas inundables, que provocaron logo danos previsibeis. As disfuncións causadas fan despois necesarias grandes obras de infraestrutura.

Os causantes deses problemas non teñen que responder. Tiveron até a bendición das autoridades e consideráronse creadores de riqueza.

Actividades correctoras
Agora, o peor do sistema urbanístico é a dificultade para acadar o financiamento das actividades correctoras, necesarias para remendar  as nosas cidades. Porque segundo este modelo o financiamento conquírese mediante máis desenvolvementos especulativos, que deixaran aos concellos soamente un anaco das plusvalías obtidas polos promotores.

O sistema, máis cedo que tarde, ten que colapsar. Hai que tomar conciencia antes de que o dano sexa maior, e atreverse a lanzar propostas lúcidas e radicais, lonxe do desenvolvemento faraónico, que cura os problemas creando outros.

Propostas que de xeito obrigatorio teñen que apuntar ao cerne deste modo de producción capitalista, motor que, xunto con outras cousas, produciu tamén estas difíciles cidades.

3,96/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »



Anteriores...