Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India (15)

Reprime e marxinarás

Na India a homosexualidade está prohibida (soa absurdo pero así é, e unha persoa pode acabar no cárcere). Crónica de María Reimóndez.

María Reimóndez - 09:30 27/08/2007
Tags:

Na súa propia voz
Cando abro os ollos xa Kutti Revathi está na sala de estar, o seu tren chegou a iso das cinco e media. Esa muller pequena desprende enerxía rebelde polos catro costados. Vén uns días a Tiruchy facer un traballo e aproveitamos para roubarlle algo de tempo. Falamos do libro de poetas galegas e tamiles que está para saír no outono, da literatura galega e tamil e do que fai coas mulleres rebeldes o sistema literario.

Cando nos reunimos co grupo a súa voz é firme: conta na súa propia voz como é que a poesía se paga. Kutti Revathi leva tres anos vivindo case na clandestinidade, tivo que cambiar o teléfono catro veces polas chamadas obscenas que recibía, os correos con pornografía, os comentarios da crítica literaria sobre as súas tetas despois de publicar “Muzhaigal” (“Tetas”, o seu libro maldito), o cal non puido evitar traerme ao recordo a crítica feita a unha amiga e poeta galega sobre a súa vulva... Pero Kutti Revathi é firme. A crítica non fai máis que reafirmar que cómpre seguir escribindo o que a sociedade non quere oír. Porque a poesía é capaz de remexer e provocar un cambio.

Tempo rápido
O grupo do Vanakkam segue coñecendo as persoas que forman parte da miña vida. Para min non podo evitar que sexa unha sensación estraña, esa sorpresa continua ante a miña normalidade. E ao tempo unha certa satisfacción de comprobar que outras persoas valoran o traballo ben feito, un traballo do que eu formo parte moi modestamente pero que me fai crer cada día que o mundo pode ser un lugar mellor e que somos as persoas as que marcamos a diferencia.

Reprime e marxinarás
O xoves dedicamos algo de tempo a coñecer outro dos proxectos que PDI ten en Tiruchy, o de prevención da SIDA. Falamos con educadoras e educadores de rúa e tamén cun grupo de homes homosexuais que levan se cadra a máis difícil das vidas, ocultando a súa orientación sexual (a maioría están casados, levan unha dobre vida na que a prostitución está presente).

Na India a homosexualidade está prohibida por lei (soa absurdo, claro, pero así é, e unha persoa pode acabar no cárcere por tal “delito”), o cal crea unha marxinación social que supera en dimensións atroces a nosa discriminación tamén existente. Os homes homosexuais, que se coñecen habitualmente como “eunucos” (aínda que esta palabra non ten o sentido que nós lle damos), son unha comunidade que vive o maltrato policial, a prostitución como forma de manter a súa dobre vida e ao tempo o apoio doutros “eunucos” e de organizacións como PDI que ademais de implicarse no traballo contra a SIDA buscan cambiar a súa situación legal e social.

O mero feito de traballar con certos colectivos aquí xa supón un desafío mesmo para as persoas que integran o proxecto. Bobby, que coordina o proxecto, fálanos de como moitas traballadoras tiveron que ocultar ao principio en que traballaban ante as súas familias. Mais agora senten orgullo do traballo feito e non é para menos.


Crónicas anteriores:


3.5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O grupo do Vanakkam coa mocidade
O grupo do Vanakkam coa mocidade
Kutti Revathi e María Reimóndez
Kutti Revathi e María Reimóndez