Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NA "PEDRERA"

Traballos e praceres na Venecia moderna

Mentres Giaccomo Casanova estaba detido en Barcelona, a súa cidade seguía a facer da decadencia o seu grande atractivo.

Lito Caramés - 22:00 19/12/2007

La Pedrera-Fundació Caixa Catalunya ofrece unhas 130 obras para aproximarnos á arte e á vida da Venecia moderna en Passió i Negoci. L'Art a la Venècia dels segles XVII i XVIII. Por iso se poden contemplar debuxos, gravados, esculturas, libros e pinturas, para que as visitas capten o cotiá da república adriática que xa levaba uns séculos en decadencia económica e política. As obras proceden de máis de corenta museos, institucións e coleccións particulares.

Seguindo coa súa tradición de mostrar arte no centro da vila barcelonesa e de balde, La Pedrera déixase encher de paixón pola creación artística e de negocio amoroso-sedutor. Ou é ao revés?

Un veneciano escribiu no século XV, cando a súa vila era a capital mercantil de Europa, que Venecia semellaba máis un mundo enteiro ca unha cidade -frase que de certo moitas persoas subscriben falando das súas respectivas vilas-, expresión indicativa do concepto que deles mesmos tiñan os moradores da cidade de illas e canais que celebraba un carnaval de varios meses de duración. Entre máscara e máscara, Venecia ben debeu ser a cidade invisible utópica próxima ao Edén e, por contra, a metrópole construída de costas ao inferno, aínda que a comezos da Idade Moderna non coñecesen o refrán xaponés que sentencia (máis ou menos): “vila pequena, inferno grande".

Para invitar á visita, aí van algúns dos nomes que firman as pezas presentadas: Tintoretto, Veronese, Canaletto, Longhi, os Tiepolo, Guardi, Canova, entre moitas e moitos outros.

Venecia, república de donas?

Como no piso que habitaron os señores Milà (o Principal da Pedrera, uns 1.200 metros cadrados de nada) quérese presentar a vida e a cultura de Venecia, en varios dos ámbitos nos que se reparte a mostra hai obra de mulleres venecianas. Os estudos históricos confirman que as mulleres en Venecia gozaron dunhas liberdades que eran impensables noutros lugares de Europa. Os viaxeiros que se acercaban á cidade da lagoa sorprendíanse da autonomía feminina en temas como a arte, o sexo, a vida. Non ha estrañar pois que se vexan creacións de pintoras. Tal é o caso de Rosalba Carriera, pintora entre o XVII e o XVIII, de quen se pode ver un Autorretrato, no que a artista se presenta con toda a dignidade e a forza dunha muller dona de si mesma. Segundo as crónicas da época, non había palazzo veneziano que non se gabase de ter a lo menos unha obra desta pintora.

Coa Contrarreforma católica a república de Venecia especializouse na edición de libros, mormente relixiosos. Na Pedrera hai uns cinco gravados de Isabella Piccini, monxa especializada en gravados de temática relixiosa e de feitura excelente. Polo que se conta e se traslé na exposición, os conventos eran lugares privilexiados da cidade, centros de devoción católica que ao tempo servían para a busca de amantes. Emporios celestinos, va.

Estas mulleres que gozaron de liberdade e autonomía persoal e laboral, tiveron predecesoras por toda Italia. Baste lembrar a Artemisia Gentilleschi (1593-1653), unha discípula do gran Caravaggio. É preciso subliña -aínda que pertenza ao anecdotario- que por primeira vez en Catalunya aparece unha pintura de Gentilleschi (Xudite e Holofernes) na lista de obras de arte das que a rapazada ha examinarse nas probas de selectividade (as PAAU) para acceder ás universidades. Todo parece indicar que a forza do lenzo e a violencia con que a muller degola a Holofernes é un xeito de repudio e xenreira de Artemisia contra o pintor que a violou. Ah! E tamén por primeira vez, nesa lista de obras da selectividade, hai outra peza de Frida Kahlo (El Marxismo sanará a los enfermos, 1954). Mudan os tempos?

Vedute, o turismo emerxente.

Nos séculos que reflicten as obras que se poden ver na Pedrera, Venecia era sombra da gran potencia que fora douscentos anos antes. A finais do XVII e en todo o XVIII artistas venecianos deciden facer da decadencia o xermolo do éxito. E así comezan a elaborar a veduta, unha vista parcial da cidade para mostrar no estranxeiro, ou para vender a visitantes. A postal inicia o seu andar. O curioso é que as vedute de Canaletto, de Guardi e de moitos outros case nunca reproduce prazas, canais e rúas tal e como eran e son na realidade. Sempre "inventan" rúas unha miga máis largas e prazas moito máis amplas. O negocio turístico. Así Venecia foi unha das paradas obrigadas do Gran Tour que as persoas con máis posibles de Europa facían polas urbes que consideraban máis atractivas do continente. A este atractivo reclamo acudiron mulleres, homes, artistas e vividores. Un deles foi William Turner que lle dedicará gravados, óleos e acuarelas.

Ver agora esta ampla e múltiple exposición pode ser un bo pretexto para rematar viaxando a Venecia en meses vindeiros.

EXPOSICIÓN: Passió i Negoci. L'Art a la Venècia dels segles XVII i XVIII

La Pedrera, Provença, 265 (Barcelona)

Até o 27 de xaneiro

Entrada de balde.

Horarios: todos os días, de 10 a 20 horas.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Retorn del Bucentaure el dia de l’Ascensió", Canaletto (detalle)
"Retorn del Bucentaure el dia de l’Ascensió", Canaletto (detalle)
"Homenatge a un putxinel·li coronat", Tiépolo (detalle)
"Homenatge a un putxinel·li coronat", Tiépolo (detalle)
"Le pont du Rialto à Venis", F. Guardi
"Le pont du Rialto à Venis", F. Guardi
"La Festa della Sensa in Piazza S. Marco", 1775, F. Guardi (detallle)
"La Festa della Sensa in Piazza S. Marco", 1775, F. Guardi (detallle)