Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVIDADES EDITORIAIS

2008: O que vai vir na literatura galega

Nos primeiros meses do ano de Álvarez Blázquez, cunha ducia de títulos sobre o autor, chegarán ás librarías as novelas de Xosé Miranda, Xosé Carlos Caneiro ou Ramón Caride.

Redacción - 09:32 13/01/2008

Novelas e traducións
Nos primeiros meses de 2007 Sotelo Blanco publicará O frío azul, de Ramón Caride Ogando, Premio Lueiro Rey de novela. Tamén editará Para dicir Abril, de Xosé Vázquez Pintor. En Xerais, Xosé Miranda publicará Vestio nos primeiros meses do ano, unha novela de terror. Tamén en narrativa Xerais editará Venus de cristal, de Chelo Suárez e as novas obras de Carmen Blanco ou María Reimóndez. Pola súa banda, Laiovento publicará Dos alimentos terrestres, de André Gide.

Finalmente, Galaxia editará o último traballo de Xosé Carlos Caneiro, A vida nova de Madame Bovary, así coma a obra gañadora do Premio Torrente Ballester, Chuvia do Mundo, de Xosé Manuel Pacho Blanco. Finalmente, no primeiro trimestre tamén chegará ás librarías Obxectos antigos de orixe ignorada, de Antón Risco.

A grande aposta de Galaxia para os primeiros meses de 2008 son as traducións, encabezadas pola do derradeiro libro de Harry Potter, que o 21 de febreiro se editará en galego, ao mesmo tempo que en castelán. Entre as restantes novidades en materia de tradución figura Camposanto, libro póstumo do alemán W. G. Sebald. Tamén se publicarán O castelo branco, primeira novela do Premio Nobel Orhan Pamuk traducida para o galego, A pista de area, de Andrea Camilleri, que ven de ser publicado en Italia e que chega con adianto respecto do resto das linguas do mundo, Da beleza, de Zadie Smith (Premio Novela Europea 2007 do Casino de Santiago) e O retorno, de Bernhard Schlink. Ademais, Galaxia editará Tres contos, de Flaubert, As mágoas do mozo Werther, de Goethe e O ruído e a furia, de William Faulkner.

2008, ano de Álvarez Blázquez
Galaxia vaise centrar moi especialmente na homenaxe a Álvarez Blázquez, coa edición de seis libros, catro deles do propio autor homenaxeado. Así, verá a luz a reedición de Canle Segredo, así como unha Antoloxía da Poesía Medieval e unha Antoloxía da Poesía dos Séculos Escuros. Tamén se editará un libro de contos do propio Álvarez Blázquez, A pega rabilonga e os ruíns. Finalmente, Galaxia publicará A vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, de Carlos Bernárdez, e Memoria de Pai, un libro de memorias realizado polo seu fillo, Xosé María Álvarez Cáccamo.

Mentres, Xerais publicará dúas obras: Vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, escrito por Darío Xohán Cabana e a reedición dun poemario do propio homenaxeado, Roseira do teu Mencer. Finalmente, Toxosoutos editará nos vindeiros días Xosé María Álvarez Blázquez, 1915-1975, unha biografía realizada por Clodio Rodríguez.

Ensaio
Outra das apostas de Xerais para o primeiro semestre son as obras de ensaio e divulgación, comezando por O Carnaval en Galicia, de Felipe Cocho e continuando por dúas obras moi ambiciosas: Guía de Galicia, de Xosé Miranda, e a Guía de Plantas de Galicia. Ademais, Xerais publicará en febreiro o Dicionario de Freseoloxía da lingua galega, unha obra de referencia. Mentres, Galaxia editará en febreiro dúas obras de Camilo Nogueira sobre a construción europea: Europa, o continente pensado, e Galiza na Unión Europea, Erguida vontade. E un libro de memorias de Neira Vilas, centrado nos anos que pasou na Arxentina.

Espiral Maior publicará Da palabra no tempo, unha escolma de ensaios e artigos teóricos de Darío Villanueva, o primeiro que edita en galego. E en xaneiro estará lista a reedición Por unha Galiza liberada, a colección de estudos políticos e económicos publicados por Beiras en 1984, pero revisada e ampliada con novos traballos. Pola súa banda, Ir Indo publicará unha biografía de Álvaro Cunqueiro, realizada por Francisco Fernández del Riego, e outra de Claudio Movilla, escrita por Perfecto Andrés Ibáñez.

Entre os lanzamentos máis destacados de Laiovento está a Carta ao señor futuro, de Eduardo Galeano, un libro inédito do autor uruguaio, así como Xoán Xesús González, un precursor do soberanismo, de Heitor Picallo prologado por X.L. Méndez Ferrín; e O mito da alma, de Gonzalo Puente Ojea, antigo embaixador de España no Vaticano. Finalmente, en Sotelo Blanco chegará un traballo de Margarita Barral sobre Montero Ríos.

Poesía
En xaneiro Espiral Maior publicará cinco novos libros de poesía: Vestíbulo de devastación (Rosa Enríquez), Poesía en ruta (Xerardo Quintiá), Miño (Francisco Fernández Naval), Amor Deshabitado (Ánxeles Pena), ademais do Dicionario do estrecemento de Fernán Vello. En marzo, ademais, Espiral Maior presentará en marzo en Madrid a colección de poesía Spiralia, na que publicarán as traducións ao castelán de importantes obras da poesía galega das últimas décadas, entre elas unha antoloxía de Manuel Rivas, que incluirá poemas inéditos, unha antoloxía de Lois Pereiro, unha antoloxía da poesía galega dos anos 50, e Códice Calixtino, de Luz Pozo Garza.

Finalmente, Edicións Positivas publicará catro poemarios: Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos de Moncho Iglesias, Cantáteis, Canto elegíacos de Amozade, de Chico César, Ouveo de Allen Ginsberg (traducido por Daniel Salgado) e as Obras completas de Safo de Lesbos (traducido por Raúl Gómez Pato).

Infantil e teatro

Para os lectores máis novos, Sotelo Blanco ofrecerá novos títulos na súa colección Branco de Cores: Hora de correo (Miguel Vila Pernas) e A rebelión das rúas (Ana Boullón e Pere Tobaruela). Pola súa banda, Edicións do Cumio editará Florenta, a gata poeta (de Pilar Mayoralas con ilustracións de Mónica Cañete); As fábulas de Leonardo (con ilustracións de Rossana Casano) e Para cantar e xogar, (de Luís Prego Fernández con ilustracións de Sergio Cobos).

En teatro, Espiral Maior publicará o Teatro Breve reunido de Raúl Dans. E Laiovento editará tres pezas de Manuel Lourenzo, baixo o título conxunto de Eléctricas, así como As moscas, de Jean Paul Sartre, traducido por Xosé Manuel Beiras. Finalmente, en setembro chegará unha boa nova: Sotelo Blanco reabrirá a súa colección de teatro con varios títulos.


4.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ramón Caride Ogando
Ramón Caride Ogando
Portada do último libro de Harry Potter, á venda en galego en febreiro
Portada do último libro de Harry Potter, á venda en galego en febreiro
Espiral Maior publicará unha colección de ensaios de Darío Villanueva
Espiral Maior publicará unha colección de ensaios de Darío Villanueva