Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
COMEZA A FEIRA DO LIBRO

A bandeira galega ízase este mércores na Habana

Chegou o día. A capital da cultura galega é dende este mércores e até o 24 de febreiro unha illa caribeña...

Redacción - 09:00 13/02/2008

... a mesma na que viviron Curros, Cabanillas ou Neira Vilas, a mesma na que naceron o himno e a bandeira galegas e a Real Academia. A Feira Internacional do Libro da Habana, unha das máis importantes do mundo, inaugúrase este mércores con Galiza como país convidado. Ás sete da tarde, hora cubana (cinco horas máis en Galiza), na Praza de San Francisco, terá lugar a apertura oficial, nun acto oficial no que intervirá Ánxela Bugallo.

A seguir actuará na mesma praza Mercedes Peón. A música galega continuará a ser protagonista da noite na praza da Catedral, na que se celebrará un coctail de benvida, con música do noso país en directo.

Actos para o xoves 14
A actividade da Feira comeza en realidade o día 14, coa apertura dos stands de institucións e editoriais e a apertura dos pavillóns dos países representados no evento. Por parte de Galiza, destaca a conferencia que ofrecerá Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, baixo o título "Una conferencia para un país". O acto terá lugar no Teatro Nicolás Guillén e Villares estará acompañado de Ánxela Bugallo e de Miguel Barnet.

Ademais, presentaranse varios libros, como a reedición de 16 poemas galegos para Ernesto Che Guevara contra a súa morte, La vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca, de Cunqueiro ou o Dicionario de Mulleres, de Aurora Marco. Tamén haberá música, coa actuación de Mercedes Peón, Dios ke te Crew e a Real Filharmonía de Galicia. E un apartado dedicado ao audiovisual, cunha mesa redonda sobre documental e memoria histórica no que participarán Margarita Ledo e Belkis Vega.

E para complementar o primeiro día, a participación en conferencias, encontros e obradoiros doutros representantes da nosa cultura, como Chus Pato, Antón Lopo, Víctor Lopo, Xosé María Álvarez Cáccamo, Helena Villar Janeiro, Xavier Rodríguez Baixeras ou Cesáreo Sánchez.


Documentos

4,71/5 (17 votos)

Comentarios (6)

Tino #1 13/Febreiro/2008 Tino

De novo, nos comezos dun século, mentres en Hespaña desprezan o noso país e o noso idioma (Marianico el corto-de-mente, Pepiño blanco escribindo en español nun xornal galego...) Galiza ten que ir alén mar pq akí nos impeden desenvolvernos na nosa cultura.

Xabi1 #2 13/Febreiro/2008 Xabi1

Pois debeu sair caro. Por certo, desde que se inventou a videoconferencia porqué hai que gastar tanta pasta en enviar aos mesmos de sempre?

ecoe #3 13/Febreiro/2008 ecoe

Quénes os mesmos de sempre? Os mesmos que cándo?

Xabi1 #4 14/Febreiro/2008 Xabi1

Vaia, Ecoe, non creo que resulte moi descoñecido un escritor como Manolo Rivas nen como Susu de Toro quen, por certo, xa escribía e pedía cartos cando gobernaba o camarada Pérez Varela. Hai que repasar as listas de persoeiros galegos enviados por aí durante a longa noite de pedra do PP e tamén as listas de "conferenciantes preferidos" da Consellería de Cultura de cando andaba alí Pérez.
Por outra banda, basta con consultar os nomes das persoas que estan na Habana na web da Consellería de Cultura para comprobar que, sí, efetivamente, tamén viaxou Ramón Villares e Neira Vilas con Balbino ao lombo. En fin, non digo que non se fagan actos de promoción da cultura galega, digo que, Ecoe, aparecen case sempre os mesmos nomes (por certo, averiguamos se hai máis presencia de autores dunha editorial?), hoxe e antes.

Gaviotero #5 14/Febreiro/2008 Gaviotero

Una vergüenza el colaboracionismo de la izquierda gallega con una de las dictaduras más longevas del mundo. Apoyando dictaduras y negándose a condenar el nazismo, como hacen PSOE y BNG, uno se retrata perfectamente.

Sr_J #6 14/Febreiro/2008 Sr_J

A Xabi1: Dios Ke Te Crew, tamém som "os de sempre"? Gente como Chus Pato, era "conferenciante preferida" de Pérez Varela? por que che parece mal que vaia Neira Vilas, que leva trabalhado arreo pola cultura galega em Cuba (com Balbino e sem Balbino)? Nom os vou citar a todos mas creo que está claro que nom é como ti dis... em quanto ao que dis de Suso de Toro, "xa escribía e pedía cartos cando gobernaba o camarada Pérez Varela", mi madrinha, agora vai resultar que é delicto escrever quando governa o PP... que cabrom o Suso de Toro, bem podia ter gardado "Polaroid" numha gaveta e a esperar a publicá-lo a que houver um governo nacionalista! Por certo, que dis que nom cres que resultem moi desconhecidos Suso de Toro ou Manolo Rivas; aqui nom, mas em Cuba nom sei eu se serám tam famosos... em fim, um pouco menos de ánimo destrutivo, por favor!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: