Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTREA ESTE VENRES, NA RÚA

'Pradolongo': o cinema normalízase

Trátase da primeira longrametraxe rodada integramente en galego dende 2002, e a sexta en toda a historia.

Redacción - 09:20 14/03/2008

En Pradolongo, Ignacio Vilar conta a historia de tres amigos da infancia, Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto, que veñen de cumprir 18 anos. No filme os dous mozos compiten polo amor da rapaza, mentres observan a posíbel venda da louseira propiedade dun deles. Así, os conflitos persoais mestúranse coa realidade da Galiza rural en proceso de venda e despoboamento. Filme iniciático, polo tanto, no que os protagonistas descóbrense a si mesmos á vez que redescobren o mundo que os arrodea.

A película ten outros moitos atractivos, como o uso da variante lingüística do galego empregado en Valdeorras, a fermosura das paisaxes (por exemplo as existentes nos arredores de Pena Trevinca), ou a continua homenaxe que realiza a Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro. Ignacio Vilar afondou na figura de Chano Piñeiro no documental Sempre Xonxa en Petín, e de feito Pradolongo rodouse nalgúns escenarios exteriores e interiores nos que tamén o fixo aquel filme. Cómpre salientar igualmente o traballo de procura de actores mozos que Vilar realizou nos institutos da comarca de Valdeorras.

Finalmente, non se debe esquecer a calidade da música que acompaña o filme, gravada especialmente para a ocasión pola Orquestra Sinfónica de Galicia, e que mesmo inclúe unha nova versión do Quen puidera namorala, regravada por Luís Emilio Batallán para formar parte da banda sonora do filme.

Primeiro filme rodado en galego dende 2002

A película, producida por Vía Láctea Films, foi realizada por un grupo de traballo integramente galego e considérase a sexta cinta que se grava integramente en galego na historia do cine no país, despois de Sempre Xonxa (1989) de Chano Piñeiro, Urxa (1989) de Xosé A López Piñeiro e Carlos G. Pinal, A metade da vida (1994) de Raúl Veiga, e Era outra vez (2000) e Días de voda (2002) de Juan Pinzás. A estrea mundial do filme terá lugar este venres no Cine Avenida da Rúa, coa presenza da Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. Nos vindeiros meses o filme proxectarase en institutos de todo o país, acompañado de charlas e coloquios.

Dáse a circunstancia de que este xoves estreouse na Coruña O menor dos males, película de Voz Audiovisual. O filme ofreceuo seu primeiro pase á vez en galego e castelán, en dúas salas paralelas. Así mesmo, a última cinta do director coruñés, Xavier Bermúdez, ‘Rafael' vai participar na sección oficial da 11ª edición do Festival de Cine de Málaga. Esta cinta, gravada na súa versión orixinal en galego, será proxectada con subtítulos en castelán no certame.

Imaxes da rodaxe de 'Pradolongo'


4.79/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: