Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VISITAS AO PATRIMONIO

A Universidade de Santiago ábrese ao turismo

Con máis de cincocentos anos de historia, a universidade compostelá amosa os seus edificios máis emblemáticos.

Isabel G.Couso - 09:30 11/08/2008

Como antes o fixeran as universidades inglesas de Oxford ou Cambridge, agora a Universidade de Santiago ábrese ao gran público. Non é para menos, porque a institución conta coa propiedade da meirande parte dos edificios da zona histórica da cidade. Un patrimonio rico e interesante, mais descoñecido para moitos e só accesible á comunidade universitaria.

O programa 'Universidade Viva' pon en marcha as visitas guiadas por este importante patrimonio arquitectónico, artístico, científico e documental, nunha viaxe que percorre a historia da universidade e o seu vencello coa cidade. Son percorridos de unha hora e media, realízanse catro veces ao día e o seu prezo é de 7 euros por persoa, se ben a primeira visita para os estudantes da USC é gratuíta e hai prezos especiais para grupos organizados. Ademais, existe a posibilidade de realizala en varios idiomas e conta con folletos explicativos en galego, catalán, vasco, portugués, español, inglés, alemán, francés, italiano e xaponés.

Polas rúas de Compostela
A rota comeza no Colexio de Fonseca, primeira sede da institución e edificio que na actualidade acolle a Biblioteca da Universidade. A figura de Alonso III de Fonseca, arcebispo renacentista que proxectou un espazo universitario que dotase ao Reino de Galiza dun centro de estudos superiores, guía aos visitantes por unha historia imbricada na cidade de Santiago. O percorrido continúa na Biblioteca América, única no mundo pola súa especialidade temática. 22.000 volumes sobre o continente americano doados por Gumersindo Busto á institución, e aos que só poden acceder investigadores. Alí pódese ver tamén o 'libro de Horas' de Fernando I de León, datado en 1.055 e considerado o libro máis antigo de Compostela.

A sede do Colexio de San Xerome , a actual Reitoría na Praza do Obradoiro ou a Praza de Mazarelos son outros dos espazos da visita. Seguidamente, o viaxeiro trasládase ata á actual facultade de Xeografía e Historia. A súa igrexa, a biblioteca ou o Paraninfo amósanlle ao visitante unhas estancias cargadas de historia. E o remate final, a modo de epílogo, é a visita aos tellados da devandita facultade. Dende alí, pódese gozar dunha das máis fermosas e elevadas vistas da cidade e dos seus monumentos máis característicos.

Esta é unha das opcións para o visitante que, sen embargo, tamén pode preferir o patrimonio natural ao arquitectónico. Noutra destas posibilidades podémonos achegar á natureza da universidade, mediante visitas guiadas á exposición permanente do Museo de Historia natural 'Luis Iglesias' e aos xardíns do Campus Sur.


Ligazóns

4,17/5 (6 votos)



Crónica dunha visita ao patrimonio da USC

Imaxe do Libro de Horas, en Fonseca
Imaxe do Libro de Horas, en Fonseca
Vistas da cidade de Santiago dende a Facultade de Historia
Vistas da cidade de Santiago dende a Facultade de Historia
Biblioteca da Facultade de Historia
Biblioteca da Facultade de Historia