Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A POLÉMICA DO GONZÁLEZ GARCÉS

Un blog é un libro? Ábrese o debate

Estévez e Lama defenden as súas posturas, ao tempo que os autores máis novos reflexionan sobre os cambios que Internet abre na literatura.

Marcos S. Pérez - 19:20 24/09/2008

"Concorrer a un premio deste xeito é concorrer coas cartas marcadas". Un día despois de facerse público que a súa impugnación ao premio de poesía González Garcés, Xavier Lama mantense firme na súa postura, e considera que o feito de que Eduardo Estévez publicase, co seu nome e co mesmo título, algúns dos textos cos que despois gañou o premio converte a obra presentada en 'non inédita', incumprindo ademais o necesario anonimato dos aspirantes a facerse do galardón. Pola súa banda, Eduardo Estévez afirma que "o xurado actuou con boa fe, non coñecía o blog e non rexeitou o libro" e ademais cre que "as decisións do xurado deberían ser inapelábeis". Estévez critica ademais que Xavier Lama "actuou con pouca elegancia" e que "só pretende obter nos despachos o que en boa lide literaria non lle fora concedido".

Días despois do anuncio de que o xurado anunciase o gañador, Lama puxo en mans do xurado a documentación referente ao blog de Estévez, no que o poeta fora publicando o proceso de creación do poemario, "coñecía perfectamente o blog, porque naquel momento estaba facendo unha investigación sobre webs e blogs de poesía", dixo en declaracións ao Diario Cultural da Radio Galega. Iso si, ambos os dous coinciden en que se abre un debate interesante sobre os novos formatos e soportes da literatura, a influencia da rede, e as súas consecuencias nos certames literarios.

Un texto nun blog é un texto editado?
Autores como Mario Regueira, Antía Otero, Marcos S. Calveiro ou Francisco Castro concordan con Estévez e tamén con Miro Villar, Fran Alonso ou Fernán Vello, que elaboraron senllos informes técnicos avalando o carácter inédito da obra. Calveiro é, ademais, especialmente crítico coa actitude de Xavier Lama e cre que non se debe gañar nunha impugnación o que non se puido gañar coa obra literaria: "mira que perdín eu premios e nunca protestei", di. Eli Rios apunta mesmo a un choque xeracional: "asistimos, mais unha vez, a unha vella reclamación da denominada xeración dos noventa: a renovación das formas, dos contidos, e novos espazos para a poesía. E asistimos, mais unha vez, á oposición dos centros literarios que temen morrer a mans dos fillos".

O difícil anonimato
Un tema máis discutíbel pode ser o do anonimato. Para Mario Regueira, "consideralo como un libro editado creo que é un grande erro e que senta un precedente moi negativo; o caso de Eduardo trátase dun blogue, nen sequera dun libro dixital". Porén, Regueira engade: "se cadra sexa máis problemático o caso de consideralo un libro anónimo: sería doado para claquera persoa do xurado saber de quen era ese libro". Así e todo, concede que "iso non é unha novidade no sistema literario galego, non é o primeiro caso dun libro que gaña un premio tendo algún dos poemas na rede, en revistas, ou sendo recitados moitas veces; polo demais resulta igual de doado recoñecer o estilo dalgún autores que xa levan moito publicado".

Tamén pensa do mesmo xeito Marcos S. Calveiro: "O 'González Garcés' e o resto dos premios que hai en Galicia non son o Planeta, non hai 500 orixinais. Aquí todos coñecen o estilo de moitos dos autores que se presentan, e sobre todo as persoas que integran os xurados". E a este respecto, Eduardo Estévez recorda que "o ano que quedei finalista do premio, que finalmente gañou Ramiro Fonte, un dos poemas de Ramiro xa o coñecia, porque o lera nun encontro de escritores, no que ademais estaban presentes moitos dos membros do xurado".

Os blogs e os premios literarios
"A rede revoluciona todo", di Francisco Castro. Tamén a literatura e os premios literarios: "Van ter que revisar as bases de todos os concursos literarios", di Antía Otero, e nisto coincide co resto dos autores consultados. "Vou ter que ter coidado co que escribo no blog", di Calveiro, que engade unha reflexión: "Non son xa os poemas ou textos que publiques, senón tan só se escribes que se che ocorreu unha idea para un libro ou así, pódenche impugnar un premio por incumprir o anonimato. E dá igual que o borres, mira que se alguén mira a cache de google, ou gardou as páxinas do blog, ou presentan a declaración xurada de catro persoas que aseguren que viron o texto no blog, pódenche retirar un premio". Movémonos pois, nun escenario novo, fronteirizo e moi ambiguo, e non recollido nas bases de case ningún premio literario do país. Calveiro é moi crítico: "Que queren, que non publiquemos blogs? Que non falemos dos procesos de creación? Que sexamos uns kafka ou uns pessoa, pechados na casa todo o día, escribindo".


Ligazóns

4,43/5 (7 votos)

Comentarios (4)

onofresabate #1 25/Setembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Eu lin, antes de se presentar a concurso, polo menos un verso do poemario de Xavier Lama. Así que deberían tamén retirarlle o premio. Vexan o título e seguro que lles soa. Pois nada hai orixinal ate ese punto.
Haise que ir actualizando. Deveriamos ser máis valentes. O poemario de Eduardo Estévez é moi actual, mesmo na súa elaboración. Así que deixémonos de criterios de hai dous séculos, e asumamos os novos tempos. O criterio de ¿que é un libro? de Xavier Lama para presentar o recurso é, polo menos, unha das cousas máis anticuadas que levo visto no mundo da cultura nos últimos tempos. E mira que hai, ¿eh?

eli #2 25/Setembro/2008 eli
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

a finais do século pasado Rafa Villar, entre outros, comezou unha innovadora proposta para a poesía galega do momento, que se materializou na famosa frase de matar ao pai. Hoxe en día moitos destes autores xa conseguiron unha parte do lugar que lle corresponde na "historia". Sen embargo continúan a ter os mesmos problemas que no seu día: dificultades á hora de publicar, direitos non recoñecidos ou unha precariedade que os convirte en traballadores a tempo parcial non remunerado(ningún poeta dos noventa vive de escribir). Aínda así todos continúan activos e moito! como formadores das xeracións seguintes ofrecendo obradoiros, como escritores que non se anquilosan no éxito e buscan novas vías e recursos de experimentación ou como exemplos éticos, é dicir, só con datos estadísticos podemos comprobar como no obradoiro de Estévez este ano pasado tres dos seus alumnos conseguiron premios poéticos, premios aos que ninguén dos que formaron esa primeira "revoluzom literaria" se apresentou. Non só existe unha formación e achegamento aos productores mais novos senón un apoio constante e solidario porque eles xa pasaron por esas e seguen pasando... porque lembremos que o debate que agora se xera non o "destapa" un escritor de 18 anos. Nese sentido é que iam as palabras de "choque xeracional". Un choque que comezou nos noventa e que ainda agora segue a pedir ou reivindicar que a producción poética non fique relegada ao tempo dos dinosaurios e xa era hora de pararse a pensar sobre o que é un libro.

cousas #3 26/Setembro/2008 cousas
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Pódese coñecer o texto do recurso de Lama? Onofresabate parece que o coñece. Onde o leu? Infórmenos por favor.
E de paso infórmenos do que para vostede é un libro, que se cadra non coincide co que se pide nas bases habituais dos concursos poéticos. Daquela haberá que pedir que se cambien as bases, pero de momento as que hai son as que se aceptan cando un se presenta e se non as cumpre corre o risco de que o descalifiquen.
É moi interesante todo o que fixeron e están a facer moitos poetas do 90 pero igual tamén se pode escribir boa poesía sen ser un activista no mundiño literario, digo eu. Ou só hai un modelo de poeta aceptable e políticamente correcto? Por aí dicía alguén que a ver se van ter que escribir os poetas metidos nun tobo como Pessoa e Kafka... Claro que non, pero, polo que se ve dos tobos tamén poden saír Pessoas ou Kafkas, así que cada quen que escriba dende onde queira e como queira. Calquera opción debera ser respetable.
Por outra banda, divagar sobre se realmente un libro que parte de poemas publicados nun blog é un inédito ou non, ou se a esixencia de presentación baixo plica impón un necesario anonimato ou non, parece inútil porque esas son cuestións sobre as que xa se pronunciaron os xuristas e polo que se ve o que decidiron, a pesar das alegacións acompañadas dos coñecidos informes que presentou Estévez, foi que este non cumpria as bases e que o xuri tiña que volverse xuntar para unha nova decisión.
Pois haberá que intentar que no futuro as bases dos premios sexan máis abertas aos novos formatos, ás reutilizacións de materiais coñecidos, ao recoñecemento aberto da autoría, mesmo aos experimentos de autoría en certa medida colectiva. Daquela todos os que queiran presentarse saberán claramente o que hai e todos concorrerán en igualdade de condicións, dentro do posible. Se non, é normal que alguén alucine se se presenta cinguíndose ás bases e ve que gaña alguén que non o fixo. E daquela que ten que facer? calar e outorgar? Como polo que se ve iso de protestar é tan pouco elegante... Aínda estamos naquelo de non levantar a man na clase porque todos os compañeiros te miran mal. Hai que calar e como mínimo pasar desapercibido, que se non os líderes cos seus corriños vante crucificar no patio.

-Xavier #4 27/Setembro/2008 -Xavier
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

eli #2:

que mania tendes algumas pessoas em acastrapar o Galego! É "matar o pai", e não "matar Ao pai" (a maiúscula é minha para destacar o acastrapamento). Uma cousa são os erros habituais que acontecem em todos os idiomas, e especialmente na escrita rápida no PC, e outra cousa o acastrapamento sintactico, léxico, fonético, e isso que não entro em tocar o tema ortográfico (que conste).

Veja-se o ponto 24 de "A POESÍA: IMPRESIÓNS DIXITAIS", relatório lido no Encontro de Escritores/as Novos/as a 7 de Dezembro de 1996, e publicado nas páginas 85-92 do nº 23 da revista 'DORNA' (1997):

24. Teoría das xeracións poéticas (2)
"Matar o pai". Esnaquizalo e enterralo con cal vivo, para que a única lembranza que nos deixe sexan os versos que nos unxiron.

Saúde e Língua!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: