Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BLOGS E LITERATURA

A resaca do 'González Garcés': Ábrese o débate (II)

A polémica aberta pola retirada do premio a Eduardo Estévez debe servir para a reflexión sobre os novos formatos e a influencia da rede na literatura.

Marcos S. Pérez - 13:30 25/09/2008

Eduardo Estévez reafírmase en que non se arrepinte de publicar o blog enconstrucion: "de pensar que incumpría algunha base, teríao borrado". Iso si, Estévez é moi crítico con que, ao seu xuízo, o xuri confundise obra e proceso creativo: "son dúas cousas completamente distintas". "Enconstrucion foi unha experiencia moi positiva, por novidosa e porque serviu para abrir barreiras" di, e engade que "a literatura debe andar cos tempos" e que "tarde ou cedo os libros van desaparecer, por antieconómicos e antiecolóxicos". De feito, Eduardo Estévez vai poñer en marcha en CulturaGalega.org unha nova experiencia de creación en rede, de cara ao público e contando coa participación dos lectores.

Para Fran Alonso, a apertura pública do proceso creativo que levou a cabo Eduardo Estévez foi "unha iniciativa sorprendente e desconcertante, por novidosa, pero orixinal e valente, na medida en que fai público o proceso creativo, cunhas características definitorias propias que o distancian significativamente do resultado final". Tamén Marcos S. Calveiro seguiu o blog mentres Eduardo Estévez estaba creando a súa obra "pero non participei demasiado, así que non podo valoralo moi polo miúdo", aínda que engade que "como experiencia e como formato foi fantástico". Si participou, no final do proceso, Mario Regueira, que cualifica o experimento como "moi innovador, e tamén moi arriscado; non sei se eu sería capaz de expoñer un proceso de creación dese xeito". Para Regueira, enconstrucion "rompía o egolatrismo do autor convencional, xa que os comentarios estaban para deixar opinións ou reflexións que influían sobre o texto final".

Experiencia pioneira
Aquela experiencia na que Estévez amosou o proceso de creación dun poemario, dando entrada aos lectores na súa construción, a través dos comentarios, foi pioneira en Galiza. A pesar de que ducias de autores contan con cadanseu blog, no que publican algunhas das súas creacións e reflexións persoais, no que se comunican cos seus lectores e encetan debates con outros autores e outros blogueiros, a rede aínda non foi demasiado utilizada como instrumento para a creación ou a experimentación literaria. No mundo literario anglosaxón si que atopamos moitos exemplos deste tipo de experimentos, pero en Galiza o máis parecido foi a iniciativa de Estévez e a proposta de Camilo Franco de elaborar relatos a partir de ideas suxeridas polos lectores.

Mario Regueira concorda que neste sentido de contemplar o proceso de creación dun libro 'convencional' non se poden atopar moitos exemplos en Galiza, "aínda que si hai moita creación na rede (e moi boa)". Regueira critica, ao fío disto, que "segue habendo un determinado concepto de subalternidade no referente a este tipo de publicacións, e tampouco non existe unha aceptación para parte doutras partes do sistema literario, por exemplo, da edición dixital apenas se publican críticas literarias, invisibilízase frecuentemente".

Francisco Castro destaca que para editar en papel normalmente hai que pasar uns filtros (os da editorial) que na edición dixital non existen: "a edición electrónica permite non depender do editor, desaparecen os intermediarios". Para Regueira, "o dos filtros é relativo, porque habería que ver quen e como se compoñen eses filtros editoriais, é dicir, que como xa dicía Bourdieu hai moitos elementos que inflúen no sistema, aínda que despois ese sistema se nos vende como 'puramente literario'".

Está mudando a rede a forma de escribir?
Para Regueira, os blogs "concretan parte dos experimentos que se desenvolveron no último século, aínda que tamén dependen moito dos autores: hai experiencias que están na rede e máis en formato físico que non aportan practicamente ningunha novidade a este último, pero tamén hai casos nos que é todo o contrario". Para Marcos S. Calveiro Internet, e a súa escrita, por exemplo a que se fai nos blogs, si inflúe no estilo predominante na literatura contemporánea: "a novela fragmentaria, a estrutura en forma de diario de anotacións, iso cada vez imponse máis", mais o autor aclara que isto "non é algo novo, estes recursos de estilo están aí dende a xeración beat, ou os postmodernistas norteamericanos". Para Francisco Castro "é obvio que os blogs están influíndo na nosa forma de escribir; obríganos a ser máis breves, máis directos, e provocan unha escrita máis fragmentaria e cunha presenza moi importante do hipervínculo, mais isto non quere dicir que modifique a forma de escribir unha novela, por exemplo".

Mentres, Manuel Bragado opina que a escritura na rede vai provocar cambios nos contidos, producindo a aparición dunha nova textualidade. Algo que xa se podería estar vendo na fragmentación narrativa presente na meirande parte das novelas contemporáneas. En Galiza, por exemplo, apunta que estamos asistindo a obras poéticas que teñen unha existencia previa na rede, sobre todo nos blogs, unha tendencia que tamén existe en Portugal, onde gran parte da poesía que se publica está dispoñíbel en internet.

A este respecto, Manuel Gago salienta a relación que se estabelece entre autores e lectores a través dos blogs dos primeiros, nos que, ás veces, até se pode prolongar o discurso iniciado nas obras. Por outra banda, Calveiro destaca o poder dos blogs para xerar estados de opinión "como ocorreu agora co tema de Steiner". Salienta tamén que funcionan "como unha referencia para a crítica literaria, é unha canle máis. Eu fágolle o mesmo caso a unha crítica que aparece nun blog ou nun xornal".


4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: