Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Presénatse en Compostela

A Academia Galega da Língua Portuguesa comeza a súa andaina a vindeira semana

No evento participarán personalidades da vida cultural, universitaria e política de Galiza, e representantes da Academia das Ciências de Lisboa e da Academia Brasileira das Letras.

Redacción - 18:00 02/10/2008

A vindeira segunda feira, 6 de outubro, a partir das 9:30 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Compostela, desenvolverase a sesión inaugural da Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), entidade que, presidida polo profesor José-Martinho Montero Santalha, se constituíu legalmente o pasado 20 de setembro.

Quedan, deste xeito, cumpridas as arelas da Associação Cultural pró AGLP, a Associaçom Galega da Língua (Agal) e da Associação de Amizade Galiza-Portugal e de varias persoas (entre eles avogados, docentes, editores, empresarios ou escritores), que durante anos pelexaron porque esta institución fose creada. "É un feito único como non vai acontecer outro nos vindeiros 50 anos", díxolle a Vieiros Ângelo Cristóvão, presidente da Associação Cultural pró AGLP, quen estivo presentando esta Academia na Assemblea da República, o pasado mes de abril, xunto co presidente da Agal, Alexandre Banhos.

Un amplo e simbólico programa
O programa inaugural está cheo de actividades. Xa dende pola mañá darase a coñecer a listaxe de académicos e académicas fundadoras, despois farase unha homenaxe floral aos Galegos Ilustres, que descansan en San Domingos de Bonaval, acompañados de música tradicional, con algunhas pezas como o Himno do Batallón Literario.

Polas 10:30 horas presentarase oficialmente a Academia no CGAC, coas intervencións do escritor mozambicano João Craveirinha; o vicepresidente da Classe de Letras da Academia das Ciências de Lisboa, o profesor Artur Anselmo; o profesor Malaca Casteleiro, tamén da ACL; o profesor Evalindo Bechara, da Academia Brasileira de Letras; o reitor da Universidade Aberta, Carlos Reis; o vicerreitor da USC e presidente da Associação Internacional de Lusitanistas, Elías Torres; o secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta, Xoán Antón Pérez Lema, o presidente da Academia e catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Vigo, Montero Santalha; e o presidente Associação Cultural pró AGLP, Ângelo Cristóvão.

Despois deste acto presentarase o primeiro número do Boletim da AGLP, onde se inclúe, entre outras cousas, a primeira parte da suite para guitarra "Deu-la-deu", composta por Rudesindo Soutelo especialmente para a AGLP. Esta peza interpretarase acto seguido, ademais de varias composicións para guitarra nun concerto que pechará o acto de presentación oficial desta Academia.


Ligazóns

3.94/5 (33 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: