Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Vizoso balance de triunfos este ano

Os mellores triatletas do país, xuntos en Compostela

Vieiros puido falar con Xabier Gómez Noya, Iván Raña e Óscar Vicente, dous campións e unha promesa desta disciplina deportiva. Vexan o vídeo no interior.

Redacción - 09:30 11/10/2008
De esquerda a dereita, Iván Raña, Óscar Vicente, Ánxela Bugallo e Xabier Gómez Noya

De esquerda a dereita, Iván Raña, Óscar Vicente, Ánxela Bugallo e Xabier Gómez Noya

Esta sexta feira, en Compostela, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, recibiu os triatletas Xabier Gómez Noya e Iván Raña, e o duatleta júnior Óscar Vicente, que acaba de conseguir o bronce no Mundial desta especialidade.

Os tres triatletas xuntos son a mostra da potencia que ten este deporte no noso país. Cada un dunha xeración distinta, dedicáronse e dedícanse de cheo a unha disciplina que hai anos, cando comezaron, apenas tiña seguimento lonxe dos países nórdicos ou Oceanía, pero que co seu traballo conseguiu poñer o nome de Galiza na elite do triatlón mundial.

Os mellores triatletas do mundo
Xabier Gómez Noya é o actual Campión do Mundo absoluto e da Copa do Mundo de triatlón. Ademais de ser o actual número un do globo, gañou tamén 11 probas da BG Copa do Mundo e un campionato de Europa. En Beixín, nas Olimpíadas, onde estaba algo tocado, terminou cuarto, levando diploma olímpico (e unha meta aínda á que chegar en 2012).

Diploma olímpico tamén levou Iván Raña, Campión do Mundo en 2002 e gañador de catro ouros na Copa. Raña é ademais o primeiro triatleta galego en conseguir un Campionato do Mundo da especialidade, o primeiro en vencer nunha proba do mundo e en participar nuns Xogos Olímpicos (Sidney 2000, e despois, Atenas 2004). Ao seus 29 anos segue a estar na elite mundial deste deporte. Este ano tivo importantes éxitos: un primeiro posto na BG Copa do Mundo de Austria, terceiro en Lorient, cuarto en Des Moines e sexto en Hamburgo. A el se debe que o triatlón saltase ás capas dos xornais e soase pola radio ou saíse na TV hai máis dunha década.

Do ronsel que foi deixando o traballo destes dous triatletas xurdiu toda unha xeración enteira de deportistas, polos que os clubes comezaban a apostar. Un deles é Óscar Vicente, quen tamén estaba esta sexta feira na recepción que ofreceu a conselleira de Cultura e Deporte. Vicente, un pontevedrés que compite no Cidade de Lugo Fluvial (un dos clubes que máis fixo por esta disciplina deportiva no noso país), gañou hai quince días o Campionato do Mundo de duatlón na categoría júnior (na proba de relevos, competindo a carón do mallorquino Mario Mola e do catalán Albert Moreno) e a medalla de bronce na proba individual. Este ano, ademais, proclamouse Campión de Europa nesta especialidade.

Na xuntanza desta sexta, os tres deportistas recibiron uns agasallos de man de Ánxela Bugallo, como recordo da súa traxectoria deportiva deste ano. Un chisco despois, a cámara de Vieiros colleunos para preguntarlles polos obxectivos que teñen para esta nova tempada.


Ligazóns

4.86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: