Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Joám Peres, responsábel de Ceivar

"Queremos que este proceso político non pase desapercibido para a sociedade"

O colectivo aproveitou unha conferencia de prensa para cualificar de "farsa" o proceso aberto contra Ugio Caamanho e Giana Rodrigues.

Redacción - 17:30 21/10/2008

A Audiencia Nacional vai xulgar, os vindeiros días 3 e 4 de novembro, en Madrid, aos militantes independentistas Ugio Caamanho e Giana Rodrigues, acusados ámbolos dous de colocar un artefacto explosivo na sede central de Caixa Galicia, en Compostela, o 23 de xullo do 2005.

A Fiscalía solicita penas de cárcere de 21 anos para Caamanho e 19 para Gomes. Ao delito de "estragos terroristas" acrecéntase o de manipulación ilexítima de vehículos para ámbolos dous mozos. Alén disto, a Ugio Caamanho impútanlle un outro delito de falsificación de documentación.

Tres anos e tres meses en prisión, sen xuízo
Os dous levan en prisión preventiva dende que foron detidos (hai tres anos e tres meses). A data do xuízo coñeceuse o pasado día 8 de outubro, nove meses antes de que remate o prazo legal de catro anos que estabelece a lei para a prisión preventiva. A semana pasada, o colectivo Ceivar comezou unha campaña nacional "para denunciar este proceso político e mobilizar a solidariedade do pobo galego". Esta terza feira, en conferencia de prensa, Joám Peres, responsábel de organización de Ceivar explicaba os pormenores desta campaña.

Segundo contou Peres, este xuízo é un "intento de escarmento, unha represión durísima contra dous militantes independentistas galegos" aos que lles piden "penas desproporcionadas, en termos xurídicos", que non se poden comparar, pola súa magnitude, coas que se piden en casos, por exemplo "atentados contra a saúde pública, asasinatos ou violacións, que ao final son condenas moito máis reducidas do que supón a destrución dun caixeiro".

A Audiencia Nacional, un tribunal de "excepción"
Para o responsábel de organización de Ceivar, a Audiencia Nacional, tribunal que vai xulgar os dous independentistas, é un "tribunal político especial, ilexítimo, sucesor do extinto Tribunal de Orde Pública (TOP) que existiu no franquismo, até 1977" perseguindo a oposición ao réxime. Segundo Peres, todo este proceso é unha "farsa xudicial que carece de lexitimidade" contra dúas persoas que "non son terroristas, non son delincuentes; son dous militantes independentistas que foron presos por motivos políticos".

Joám Peres tamén lembrou que na actualidade aínda están abertos diversos sumarios na Audiencia Nacional "que teñen como albo a militantes ou colectivos que traballan na defensa do dereito de autodeterminación de Galiza, e que este tribunal está a empregar como un instrumento para arrebolar" contra o movemento independentista galego. Neste sentido, Peres tamén falou da dispersión penitenciaria que, dixo "implica unha sobre-condena" que tamén sofre a contorna inmediata do preso: familiares, amigos... O representante de Ceivar quixo salientar, a seguir, que as familias dos presos e da presa galegos son os que máis sofren esta situación, "chegando a gastar entre catro e seis mil euros ao mes para poder percorrer 1.100 quilómetros -no caso de Ugio, que se atopa preso en Cádiz-, e facer visitas duns ridículos 45 minutos".

Mobilización e apoio da sociedade galega
Dende Ceivar, ademais, anuncian que van seguir coa campaña informativa por todo o país, para dar a coñecer "ao pobo galego a situación na que se atopan Ugio Caamanho e Giana Rodrigues". Ademais, o vindeiro domingo partirán dous autobuses de Galiza cara Madrid, para apoiar os procesados durante a vista do xuízo, que será a segunda feira 3 de novembro. A información sobre esta campaña está dispoñíbel na web do colectivo.


Ligazóns

4,4/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: