Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tal como pedía o PPdeG

TVE quere organizar un debate só con Touriño e Feijoo

Queren repetir a fórmula empregada nas eleccións españolas, mais a idea non sentou ben no bipartito, nin tampouco no seo do BNG, que queda excluído.

Redacción - 10:40 09/01/2009
A proposta dun debate dos dous partidos -PSdeG e PPdeG- encántalle a Feijoo

A proposta dun debate dos dous partidos -PSdeG e PPdeG- encántalle a Feijoo

Dende que Manuel Campo Vidal mediase entre Manuel Fraga (PPdeG) e Antolín Sánchez Presedo (PSdeG) nos comicios de 1993, en Antena 3 -a primeira e única vez que Fraga accedeu a debater en directo-, non houbo ningún outro debate televisado entre os candidatos á presidencia do Goberno no noso país, agás aquel de febreiro de 2007, no que, por primeira a tres bandas, se xuntaron os líderes do PSdeG, PPdeG e BNG, mais daquela era en plena campaña electoral española.

Agora, após semanas de insistencia por parte do líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, Televisión Española (TVE) decidiu propoñerlle ao popular e ao candidato polo PSdeG, Emilio Pérez Touriño, un novo debate bipartidista, que exclúe ás outras formacións, entre elas ao socio de Touriño na Xunta, o BNG de Anxo Quintana.

"A pluralidade queda garantida"
Esta quinta feira TVE fixo formal o seu convite, quince anos despois daquel primeiro debate e semanas após de que Touriño, Quintana e Feijoo garantisen publicamente a súa presenza ante as cámaras, no caso de haber un debate. Desta volta, a televisión estatal volveu optar pola fórmula bipartidista empregada nas eleccións españolas, nas que tamén foi o xornalista Manuel Campo Vidal o que mediou entre Rodríguez Zapatero (PSEO) e Rajoy (PP), nunha decisión que avalou, naquela altura, a Xunta Electoral española.

A canle estatal programou, dentro da cobertura dos comicios galegos, dous espazos en horas de máxima audiencia: un primeiro que lle daría cabida aos candidatos dos tres partidos con representación no Parlamento, e un no que só estarían convidados os líderes dos "grandes partidos políticos maioritarios, PSOE e PP" co que, segundo sinalan, "a pluralidade queda garantida".

Esta fórmula, que é a mesma que presentou hai algunas semanas Antena 3 para emitila en Galiza, satisface ao PPdeG -Feijoo sinalou, antes de coñecer a oferta de TVE, que "é unha obriga democrática o debate entre as dúas persoas que poden ser presidente", non parece convencer ao PSdeG -hai unha parte do grupo que defende un só debate entre os tres candidatos- e non gusta en absoluto ao BNG, que esta mesma sexta feira convocou unha conferencia de prensa na que o deputado Francisco Jorquera para expoñer a súa postura sobre a "organización dos debates eleitorais para os próximos comicios galegos".


1.27/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: