Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
COMPENSACIÓN AOS AUTORES

A Illa de Man impoñerá un canon ao uso de internet

Por unha libra esterlina ao mes, a cidadanía poderá descargar libremente todo o que queira, fronte aos modelos doutras áreas europeas.

Redacción - 18:45 26/01/2009

A Illa de Man, territorio autónomo británico que non forma parte da Unión Europea, vai experimentar unha nova modalidade que pretende compensar os propietarios de dereitos de autor sen limitar os dereitos dos usuarios. As persoas internautas da illa non terán ningún tipo de restricións á hora de compartir arquivos, aínda que terán que pagar unha libra (1,1 euros) ao mes por gozar desa liberdade.

Segundo informa The New York Times, a iniciativa pretende "compensar" as discográficas polo seu descenso de vendas a causa da "pirataría". O importe recadado entre os provedores de internet irá a parar a unha axencia especial que o distribuirá entre as persoas propietarias dos dereitos. Este concepto de 'canon de carta branca' é comparábel á licenza que se paga en moitos países de Europa por dispoñer de televisión.

Noutros casos, como no Estado Español, impóñense taxas por mercar discos virxes ou equipamento audiovisual e informático, que se adoita destinar a apoiar as industrias culturais. Unha proposta semellante á que se vai poñer en marcha na Illa de Man debateuse no ano 2006 en Francia, pero foi rexeitada por grupos de presión de propietarios de copyright. Despois, o goberno francés decidiu forzar os fornecedores de internet a desconectar os "piratas persistentes".

A idea manesa xa espertou interese no Reino Unido, aínda que os lexisladores británicos son máis partidarios de imitar o modelo francés e estimular o desenvolvemento de "vendas legais de música". Porén, tamén hai voces en contra da medida na illa, que consideran que ese pagamento discrimina as persoas que non descargan arquivos.

A Illa de Man é coñecida pola súa condición de paraíso fiscal, ademais de por prestarlle un importante impulso ás novas tecnoloxías. Así, foi o primeiro lugar do mundo en poñer en marcha a telefonía 3G, en 2001, e todos os seus fogares teñen acceso á banda larga.


4.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: