Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
INAUGURA DÚAS EXPOSICIÓNS CON FONDOS DO MUSEO

O CGAC amosa os seus tesouros

'Pequena historia da fotografía' está comisariada por Manuel Segade, e 'A mancha humana' por Ellen Blumenstein.

Redacción - 09:15 13/03/2009

O CGAC renova os seus contidos nesta primavera, e faino amosando a riqueza dos seus fondos a dos depósitos das coleccións ARCO e Ordóñez-Falcón. 'Pequena historia da fotografía'. comisariada por Manuel Segade, poderá verse até o 3 de maio. Segade propón unha reflexión persoal sobre a historia da fotografía contemporánea a través da relectura dos xéneros clásicos da arte como recadros interpretativos. O punto de partida da exposición é unha peza homónima do mexicano Iñaki Bonillas, que toma o título dun ensaio de Walter Benjamin. Naquela obra Benjamin propoñía "desmantelar a posibilidade do analfabetismo fotográfico", ofrecer ferramentas para a deconstrución crítica dos procesos de creación das imaxes e, por tanto, cuestionar a produción cotiá e mecánica de individuos en sociedade.

Así pois, a través das fotografías de Wolfgang Tillmans, Pierre Gonord, Tacita Dean, Andrés Serrano, Manuel Vilariño ou Virxilio Viéitez, percórrese a evolución do xénero, da fotografía, que nalgún momento deixou de verse e pasou a lerse. A exposición, segundo Segade, permite "mostrar claramente o modo en que se retorcen os xéneros, o modo no que o seu uso agudiza a posta en crise das súas preconcepcións".

A mancha humana
A outra exposición que abre as súas portas esta semana, A mancha humana, estará até o 31 de maio. Ten como obxectivo presentarlle ao público dende unha perspectiva diferente un dos movementos artísticos máis importantes da segunda metade do século XX, a Arte Conceptual. A tese central da alemá Elle Blumenstein é que a lóxica racionalista coa que adoitamos identificar a Arte Conceptual: a neutralidade, a pureza (moi presente, por exemplo, no minimalismo dos anos setenta), ten matices e é discutíbel.

Blumenstein toma dunha novela de Philip Roth o título da mostra, unha metáfora de que esa presenza subxectiva, carnal, sempre estivo presente na arte conceptual. Por suposto a partir dos neoconceptuais dos anos oitenta e noventa, pero mesmo antes. Na mostra pódense ver obras de Donald Judd, Carl André, Sol LeWitt, Richar Prince, Jac Lernier, Martha Rosler, Ana Mendieta, Helena Almeida, Liam Gillick ou Dora García.


4.86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: