Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A SEMANA DE 'DESCARGA AO VIVO'

"Galegos e cubanos somos parecidos musicalmente"

O 23 de xullo a formación debutará na Coruña (Teatro Rosalía), o 25 estará en Compostela (Festigal) e o 30 en Vigo (Teatro Caixanova). Vídeo no interior.

Isabel G. Couso (vídeo) - 09:30 21/07/2009

En febreiro de 2008 o Teatro Mella da Habana asistía á estrea de Descarga ao Vivo, un proxecto que nacera uns meses antes para recuperar e reinventar os sons galego-cubanos, da man dunha formación con músicos de ambos os dous países. Algo máis dun ano despois, os afeccionados galegos poderán escoitar por vez primeira estes temas. Serán tres concertos nos que os integrantes do combo ofrecerán un espectáculo moito máis rodado que aquela primeira experiencia da Habana: "había moita presión, moita incertidume. Non sabiamos a que ía soar; agora xa o sabemos (...) Agora é máis pracenteiro, porque é o momento de desfrutar do que xa sabes que funciona", explica Marcos Teira, un dos directores musicais da formación.

Os outros dous son Pedro Pascual e o cubano Alejandro Vargas, un músico de jazz co que se puxo en contacto Ramom Pinheiro para que, con intérpretes da illa, reinterpretase a herdanza musical de rumbas e jotas que nas primeiras décadas do século XX agromara en Cuba, con ritmos dun e doutro lado do Atlántico. Vargas non tiña moitas referencias previas sobre a música galega: "En Cuba tócase a gaita, hai un grupo de gaiteiros que se propuxeron facer algo, de oído, sen unha formación directa (...) Fóra diso non coñecía nada da cultura galega, nin sequera que en España había outra forma de ser, outra forma de pensar". Os cubanos que participan no proxecto ficaron sorpendidos, especialmente, con algúns dos instrumentos que levaron os músicos galegos, como a zanfona ou o acordeón diatónico.

A integración, malia a distinta procedencia dos músicos, foi total: "Cubanos e Galegos creo que somos bastante parecidos musicalmente (...) Encántanos comer, falar, andar en grupo. E musicalmente somos bastante sensíbeis e sentimos bastante o ritmo", explica Alejandro Vargas. Para Marcos Teira, "as diferenzas quizais teñen máis ver co tipo de músicos que participamos, bebemos de fontes moi distintas; do lado galego hai moitos músicos vinculados á música folque, e os cubanos están vinculados ao jazz"; e engade: "o interesante deste proxecto non foi só xuntar a músicos cubanos e galegos, senón a músicos jazzistas, a outros que veñen do folque, e a outros que tamén son do seu pais e da súa nai. E con iso facer un repertorio case orixinal, porque o que fixemos foi refacer toda a música, compoñela de novo".

O repertorio que se puido escoitar na Habana, e que repetirá nos escenarios galegos, está composto por temas que xa son clásicos da música galega e da música cubana, como Alborada galega, Un adiós á Mariquiña, Del Ferrol a La Habana, Aí vén o maio, ou Miña Ruliña. As entradas para os concertos de Vigo e A Coruña poden adquirirse a través de Servinova, con prezos entre os 12 e os 13 euros.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: