Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pesca no Índico: Reflexión e análise

Máis que unha historia de piratas

Os grandes medios demonizan os somalís, mais as voces máis críticas subliñan que a súa é unha reacción contra a pesca furtiva masiva e a descarga de lixo nas súas augas.

Redacción - 10:00 15/11/2009
Cando Somalia quedou sen goberno (1991), os intereses estranxeiros aproveitaron a oportunidade para comezar a saquear o mar do país

Cando Somalia quedou sen goberno (1991), os intereses estranxeiros aproveitaron a oportunidade para comezar a saquear o mar do país

Instalados nunha sociedade de masas en que os medios de comunicación teñen un peso decisivo na elaboración da opinión pública, bótase de menos unha análise máis ampla dos condicionantes e das causas que determinaron a actual situación dos 36 tripulantes secuestrados no Índico. Velaquí uns apuntes para a reflexión:

  • A frota atuneira conxeladora española leva faenando en augas do Océano Índico dende 1984, é dicir, 25 anos. Actualmente esta frota está composta por 33 buques, 18 de pavillón español, matriculados en Galiza, Euskadi e Andalucía.
  • No que vai de ano, contabilizáronse un total de 135 ataques a embarcacións de pavillón francés, alemán, belga, italiano ou español. 49 deles remataron coa retención ilegal dos pesqueiros por parte dos piratas.
  • A zona de pesca no Índico abarca máis de 3.200 millas náuticas de augas internacionais e xurisdicionais de varios países: Moçambique, Seychelles, Quenia, Tanzania, Madagascar, Comomores, Mauricio, Illas Chagos e Mayotte e Illas Eparses. A frota española faena con licenzas baixo acordo comunitario ou tamén baixo acordos privados.
  • A historia máis recente de Somalia fálanos dun estado fallado e, na práctica, é un país sen goberno efectivo dende 1991. Considerado un dos puntos máis conflitivos da zona do Corno de África, constitúe un constante foco de inestabilidade rexional e de risco para a seguridade na marxe nororiental do continente africano. (Poden ler aquí a análise do noso colaborador Roberto Mansilla).
  • Segundo o Grupo de Traballo de Alta Mar (HSTF, nas súas siglas en inglés), cando colapsou o goberno de Somalia, os intereses estranxeiros aproveitaron a oportunidade para comezar a saquear as fontes alimentarias do mar do país. Por exemplo, en 2005, máis de 800 barcos pesqueiros adicados á pesca ilegal operaban nestas augas, arrasando anualmente -cunha cifra estimada de 450 millóns de dólares- mariscos e peixes das augas somalís.
  • Ademais, eses mesmos intereses foráneos aproveitaron a falta de vixilancia nas augas somalís para convertelas nun vertedeiro de lixo nuclear e tóxico. Segundo o propio enviado da ONU para Somalia, Ahmedou Ould-Abdallah, as compañías petroleiras pagaban aos ministros daquel país ou aos líderes da milicia para descargar o seu lixo no mar. Con todo, as Nacións Unidas non actuaron activamente para deter esta devastación continua dos recursos mariños somalís.
  • Nun primeiro momento, os mariñeiros de Somalia foron quen, coas súas lanchas e chalanas, de disuadir as embarcacións estranxeiras. Chamáronse a si mesmos "Gardacostas Voluntarios de Somalia" e quixeron pór freo á pesca ilegal e ás descargas nas súas augas ou, cando menos, cobrar un imposto a cambio.
  • O Consello de Seguridade da ONU aprobou diferentes resolucións (en xuño e outubro de 2008) convidando os estados interesados na seguridade das súas actividades marítimas a participar activamente na loita contra a pirataría en alta mar fronte as costas de Somalia, particularmente despregando buques de guerra. Na mesma liña pronunciáronse a OTAN e a Unión Europea. O goberno español decidiu enviar medios navais e aéreos para protexer a súa frota.
  • A ONU estima que actualmente hai entre 1.000 e 1.500 piratas na zona do Índico: os Gardacostas Voluntarios Nacionais; os da rexión de Marka; os de Putlandia (tamén vellos mariñeiros reconvertidos a piratas); e os marines somalís, que tamén viron na presenza de buques estranxeiros a posibilidade de tirar o seu beneficio económico.


4.94/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Unha visión distinta dos piratas somalís'

Somalia, no chamado Corno de África
Somalia, no chamado Corno de África
Divisións estratéxicas empregadas na zona co corredor de seguridade no Golfo de Adén
Divisións estratéxicas empregadas na zona co corredor de seguridade no Golfo de Adén
Mapa da actividade da flota atuneira no Océano Índico (os círculos representan a intensidade da captura) /Imaxes: Cepesca
Mapa da actividade da flota atuneira no Océano Índico (os círculos representan a intensidade da captura) /Imaxes: Cepesca