Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Ao bordo do cesamento analóxico

As comarcas galegofalantes estremeiras néganse a quedar sen TVG

Concellos e asociacións na defensa da lingua galega de Eo-Navia, do Bierzo e das Portelas piden un acordo urxente entre os gobernos para que a Galega chegue a través da TDT.

Redacción - 11:15 24/11/2009
Programas como 'Luar' teñen grande aceptación nas comarcas estremeiras

Programas como 'Luar' teñen grande aceptación nas comarcas estremeiras

O anuncio de que a TVG se poderá ver a través da TDT nas áreas estremeiras galegofalantes foi acollido con satisfacción e asemade con escepticismo por parte das asociacións na defensa da lingua desas zonas. O feito de que esa posibilidade só se poida materializar cun acordo entre os dous gobernos, polo que a instalación dos reemisores queda nas mans do Principado de Asturias e da Junta de Castela e León, e que non haxa nada asinado aínda son os principais motivos de preocupación.

Por outra banda, os concellos das áreas galegofalantes acolleron, maioritariamente, con ledicia o anuncio, cando menos na zona de Eo-Navia, segundo informou o xornal La Nueva España.

Para Carlos Varela, da asociación Abertal do Eo-Navia, o anuncio do presidente da Xunta foi "positivo, pero son un pouco escéptico, porque precisa dun acordo co Principado". Tamén confirmou que "dende hai unha semana, a TVG xa non se ve" na zona.

Con respecto á reacción da poboación da zona, Varela ve esperanzador que agora "hai xente que está a pedir que se siga a ver, mentres antes negaba ver a TVG". Sobre como se podería producir o acordo entre a Xunta e o Principado, ve que "eles poden pedir que se vexa a TPA en parte de Galiza. A idea non é tan mala. Nalgunhas zonas da Mariña xa se ve" a canle pública asturiana.

En calquera caso, Abertal considera pouco críbel "que o diga Feijoo", mentres "o Principado aínda non dixo nada". Tamén lembra que hai concellos galegos, como Negueira de Muñiz, onde non chega ben a TVG. A televisión galega si se pode ver en Asturias "a través de Telecable, pero só chega ás grandes cidades, á zona central, polo que non inflúe no Eo-Navia". Porén, prefire agardar a que se confirme o acordo.

No Bierzo, colectivos como Fala Ceibe ou Xarmenta tamén amosaron a súa preocupación por deixar de ver a Galega. Nesa área, o cesamento analóxico está previsto para o 29 de xaneiro de 2010. Segundo Fala Ceibe, hai programas da TVG que nesa comarca son líderes de audiencia, entre eles o inmortal Luar ou series como Padre Casares. Tamén exixiron que a CRTVG conte cunha delegación na faixa galegofalante estremeira para cubrir informativamente todo o que acontece nunha zona co galego como idioma propio.

Na zona das Portelas, os concellos con poboación galegofalante puideron acceder até hai pouco á programación da TVG tanto dende centros emisores galegos como dende repetidores "piratas" municipais. Segundo informou El Norte de Castilla, os habitantes da bisbarra prefiren a televisión galega porque "falan coma nós", aínda que "non é o mesmo galego" e malia que "non teñen moi boa programación".

A chegada do apagamento analóxico tamén pon en dificultades a chegada da TVG a esa zona, que administrativamente foi incluída na provincia de Zamora. Aínda que quedan esperanzas: un acordo Galiza-Castela e León, o satélite ou os mesmos repetidores galegos que están a comezar a emitir serodiamente en TDT e chegan ás Portelas. 

Como a instalación dos reemisores é competencia das comunidades autónomas, é imprescindíbel un acordo entre Galiza e Asturias e Castela e León. Nese senso, o procurador socialista Pedro Nieto, de Zamora, presentou unha proposta non de lei nas Cortes castelá-leonesas reclamando un convenio coa Xunta para que a TVG siga a chegar ás comarcas estremeiras. Porén, esa proposta foi rexeitada esta semana, polo que Nieto deduciu que a Junta non está polo labor de chegar a un acordo co Goberno.

No caso de Castela e León, a posibilidade de que exista un acordo de reciprocidade entre as súas televisións ten aínda un atranco máis: ao contrario do que acontece en Asturias, non existe canle pública na comunidade castelá-leonesa.


4.56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: