Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SISTEMA FINANCEIRO

Caixas: a difícil voda das medias verdades

Nun baile de intereses persoais, locais, empresariais e políticos que ensarillan a situación, as dúas entidades intentan pechar un pacto de última hora.

R.Vilar - 17:00 30/03/2010

Nos 'felices anos' da burbulla inmobiliaria as caixas aplicaron a máxima tabernaria: paspán o último. Os directivos das entidades financeiras compartiron mesa e mantel cos amos do ladrillo. Os beneficios multiplicábanse e a parábola do pan e dos peixes semellaba eterna. Mais en 2006 os magnates de máis olfacto, ou mellor informados, comezaban a deixar o barco. Un exemplo dábao a medidados dese mesmo ano o coruñés Manuel Jove que pechaba a venda de Fadesa por máis de 2.200 millóns de euros.

En 2007, con moitos expertos negando a posibilidade dun pinchazo, a burbulla comezou a desincharse e a vertixe comezou a chegar tamén ás dúas principais entidades financeiras do país, especialmente a Caixa Galicia. A morosidade comezou a se disparar e as propiedades inmobiliarias principiaban a perder valor, unha tendencia que se confirmaría ao longo de 2008 e que se acentuaría en 2009.

Aínda que os tremores que se vivían no seo das caixas galegas non trascendían á opinión pública si que chegaban a unhas elites políticas afeitas a ter un trato estreito coas altas finanzas. Dentro do propio bipartito principiou o debate sobre se era sostíbel o modelo de caixas. En novembro de 2007, o dirixente nacionalista Francisco Rodríguez abría en Vieiros (ver vídeo) un debate que semellaba tabú: unha nova lei para controlar o funcionamento das entidades de aforro. Rodríguez apuntaba algúns puntos claves que axiña pasarían ás primeiras páxinas da axenda política: directivos eternos, falta de transparencia na xestión e necesidade dun modelo onde os poderes públicos tivesen un maior control.

Meses de negociación para estar no mesmo punto: Que pasa?
Cando este luns o presidente da Xunta convocou a última hora da tarde os medios de comunicación para falar das caixas todo o mundo daba por feito que a fusión estaba a piques de se pechar. Mais axiña se comprobou que a negociación apenas avanzara e os máximos responsábeis das entidades de aforro só se comprometían a “iniciar oficialmente os contactos aos efectos de analizar unha posíbel confluencia nun proxecto común”.

Pero cales son os nós gordianos para que despois de máis de seis meses de negociación haxa que intentar unha fusión no último minuto e de penalti? A razón principal é a inxente cantidade de intereses cruzados: económicos, persoais, locais e políticos que están enriba da mesa.

Un dos primeiros puntos de conflito é a mala relación persoal entre as dúas persoas que gobernaron con man de ferro as dúas caixas nas últimas décadas: Xulio Fernández Gayoso e Xosé Luís Méndez. O seguinte é a enorme rede que as dúas entidades teceron nas súas cidades de referencia, da que non escapan nin os medios de comuniación.

A isto hai que sumarlle que, dende Madrid, tanto PSOE como PP non ven con demasiados bos ollos unha fusión en clave galega. A razón non é outra ca que dende Ferraz e Génova comparten un mesmo obxectivo: un mapa de caixas moi reducido e moito máis centralizado.

Cales son os datos reais das dúas empresas?
Dende un primeiro momento Caixanova expresou o seu temor a ter que pagar as consecuencias dunha mala xestión de Caixa Galicia. Aínda non sendo para tirar foguetes a situación da entidade con sede en Vigo, os de Gayoso aseguraban que tiñan posibilidades de manter a súa autonomía. No caso de Caixa Galicia, as ligazóns ao ladrillo, tamén existentes na outra caixa, eran un lastre demasiado pesado. Fernández Gayoso aproveita que a situación de Caixa Galicia é máis crítica para negociar unha fusión liderada por Caixanova.

A estas alturas moi poucos coñecen os verdadeiros números das dúas caixas e as conversas entre as mesmas semella por veces un continuo xogo de farois. Unha das mellores probas é a auditoría que encargou a Xunta e que deu a coñecer en xaneiro. Segundo aquel informe da consultora KPMG (que cobrou un millón de euros das arcas públicas) os custes da reestruturación ascenderían a 485 millóns de euros. Porén, agora todos os datos apuntan que o prezo da fusión sería moito máis elevado e incluso se chega a falar de cifras de dous mil millóns de euros. A partida de póquer está perto de rematar e nun prazo dunha semana saberase se hai fusión e canto diñeiro será preciso para a mesma. O que seguramente nunca se coñeza polo miúdo é de quen é a responsabilidade última de que as caixas chegasen espidas a este baile de máscaras.


4.52/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A relación entre Gayoso e Méndez é a historia de dúas personalidades incompatíbeis
A relación entre Gayoso e Méndez é a historia de dúas personalidades incompatíbeis
Feijoo mostra o papel asinado por Gayoso e Méndez no que mostran a disposición a negociar
Feijoo mostra o papel asinado por Gayoso e Méndez no que mostran a disposición a negociar
Sede de Caixanova en Vigo
Sede de Caixanova en Vigo
Os aparatos españois de PP e PSOE ven con bos ollos un mapa de caixas máis centralizado
Os aparatos españois de PP e PSOE ven con bos ollos un mapa de caixas máis centralizado