Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS NA PEDRERA E NA FUNDACIÓ MIRÓ

Pinturas nas paredes e pinturas aplicadas a teas industriais: arte outsider?

Os graffitis entran nos museos, aplicacións industriais ocupan mostras artísticas. A crise? Será certo que no mundo da arte algo se está a mover?

Lito Caramés - 17:30 17/05/2010

Fortuny Madrazo, o mago de Venecia.

A Fundació Caixa Catalunya presenta na Pedrera, ese espazo arquitectónico único, unha ampla escolma das creacións de Mariano Fortuny Madrazo (1871-1949), na que se poden ver pinturas, teas, lámpadas, fotos e gravados: Fortuny, el mag de Venècia. Non confundir con Marià Fortuny, o seu pai, pintor preciosista -entre o realismo e o impresionismo, autor de La Vicaría ou da grande Batalla de Tetuán. Marià Fortuny morreu novo, despois de casar coa filla do pintor Federico Madrazo, pintor de Isabel II. Dise que a causa da súa prematura morte puido ser o envelenamento coas pinturas que usaba: traballaba dun xeito tan detallista e con pinceis tan miúdos e para limpalos moitas veces metíaos na boca, e así o chumbo e outros produtos tóxicos ían pasando ao seu organismo.

Mariano Fortuny Madrazo, o mago de Venecia como lle chamaba Marcel Proust, foi unha persoa inquieta -artista, inventor e empresario- preocupada polo traballo artesán e polas tecnoloxías aplicadas aos diversos campos aos que dedicou a súa atención. Desde o seu estudo en Venecia (o palazzo Pesaro dei Orfei, hoxe Museo Fortuny), proxectou as súas inquedanzas polos ámbitos artísticos e mais os industriais. Á marxe de pintor, profesión herdada polas dúas familias, foi escenógrafo teatral, empresario, modisto... Como escenógrafo non só colaborou en numerosas representacións (véxanse na Pedrera as pinturas do ciclo wagneriano) senón que inventou un novo sistema de iluminación teatral: a cúpula Fortuny, que acabará producindo industrialmente ao asociarse coa compañía alemá AEG. Do teatro deriva tamén o seu interese polas teas e remata creando estampados moi delicados sobre sedas e outros materiais ricos. Tivo a súa propia empresa. Vendeu os seus vestidos por todos os continentes (entre outros o famoso modelo Delfos, inspirado directamente en esculturas gregas), coas súas roupas bailaba Isadora Duncan, vestían Peggy Guggenheim e protagonistas de obras de Proust ou Ruskin, e eran escollidas por cineastas como Orson Wells para o vestiario dos seus filmes.

Para Mariano Fortuny as artes eran todas unha, non había altas nin baixas, artísticas ou artesáns. Todo era arte. Neste senso, Fortuny (aínda que lonxe dunha clasificación fácil) andaba preto do modernismo e dos seus intentos de facer a obra global, como levou á práctica Gaudí na Pedrera, o edificio no que precisamente agora se poden ver algunhas das creacións de Mariano Fortuny Madrazo.

Murals, graffitis no museo.

A Fundació Miró instala nas súas salas Murals. Pràctiques murals contemporànies, mostras do quefacer de xentes de África, Asia, Europa e América. As obras fixéronse (hai dous meses) directamente sobre as paredes da Fundació Miró, xa dun xeito tradicional, xa usando técnicas modernas. Pintura mural sempre houbo. Do paleolítico é o que máis se coñece, en cambio ao longo da historia de Europa parece que foi desaparecendo. Non é así. O que acontece é que acabaron vistas como artesanías populares ou como pezas de segundo orde, fronte aos canons impostos polo Renacemento. Non hai máis que lembrar toda a pintura románica, gótica, moita da que mesmo se fixo durante o Renacemento (Piero della Francesca, Miquelangelo Buonarrotti, Rafael...), ou as pinturas en bóvedas e cúpulas de Tiépolo. O propio Joan Miró estaba contento, e así o deixou por escrito, do mural que fixo para o Pavillón da República Española na Exposición Universal de París, 1937, que titulou Payés catalán en rebeldía: “Participei no Pavillón español da Exposición de París en 1937 porque me sentía humanamente solidarizado co que representaba. Presentei o grande panel 'Payés catalán en rebeldía' de grandes dimensións, que pintei directamente subido a unhas estadas (...), a execución da obra foi directa e brutal. Escollín este personaxe, cunha estrela azul proxectándose na superficie, porque o payés con fouce é un gran símbolo de Cataluña...”

Agora na súa Fundación pretendeuse o mesmo, que as e os creadores sentisen esa mesma paixón diante das paredes. De Mauritania viñeron mulleres da etnia soninké (Coopérative Féminine de Djajibiné Gandega “Djida”) para reproducir a pintura tradicional que fan nas súas casas do Sahel. Trouxeron todo desde África e fixeron as súas xeometrías polícromas á man, retocadas coas mans. Algo parecido, pero nun senso máis espiritual ou relixioso fixo Sakarin Krue-On (Tailandia) que, sobre un todo de pintura vermella, creou un recinto sagrado, un lugar axeitado para o recollemento. Os graffitis máis urbanos (street art) están representados por Scope One, de Singapur (alí a policía quéntalle o farrapo a quen pilla pintando paredes), e mais pola parella UTR Crew (Saraxevo). Algunha semellanza teñen estes dous co protagonista do relato Coche 143 Camas, do libro E agora pasa un tren, onde se conta como os vixiantes pillan a un graffiteiro pintando nunha estación de tren.

Hai aínda outras propostas interesantes, como a obsesiva plasmación na parede das obsesións dunha persoa mediatizada polos mass-media que crea Brian Rea, a aproximación ao pop art que, con papeis de parede, confecciona a italiana Ludovica Gioscia, ou as pezas en branco e negro que, a partir de dispositivas, elabora o inglés Paul Morrison, aludindo a paisaxes idílicas e fantásticas.


Exposicións:

Murals. Pràctiques murals contemporànies.
Fundació Miró (Barcelona)

Fortuny, el mag de Venècia.
La Pedrera


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Soninké. Ganni bekhindé ado wacha djabandé.
Soninké. Ganni bekhindé ado wacha djabandé.
Delphos de tafetán de seda vermello con contas de pasta vítrea de Murano.
Delphos de tafetán de seda vermello con contas de pasta vítrea de Murano.
Scope One. Alter Ego.
Scope One. Alter Ego.
Tea con motivos ornamentais libremente interpretados.
Tea con motivos ornamentais libremente interpretados.
Brian Rea. Visions and fears.
Brian Rea. Visions and fears.
Nu feminino recostado, 1895.
Nu feminino recostado, 1895.
P. Morrison. Taraxacum Albidum.
P. Morrison. Taraxacum Albidum.