Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A revolución e o retorno do ficticio ao real

13:50 27/06/2007

A revolución consiste nun retorno do ficticio ao real (Os miserables, Víctor Hugo)

Non é xusto. A planta de gas é un desafío á xustiza. E cando un recoñece a torva faciana da inxustiza e resulta interpelado polo argumento moral xa non pode deixar o combate; combate que, quede ben claro, nos impoñen. O exercicio racional léganos deberes ineludibles por máis que o curto alento do oportunismo nos convide a calar e aceptar a tiranía da forza e dos cartos.

Como non será a cousa que non hai gobernante no noso país – dos que manteñen os recursos diante das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia – que non recoñeza que a ubicación da planta é mala; laio que non ven acompañado das medidas que parecen de rigor nestes casos: se a ubicación é mala polo perigo que supón para a nosa seguridade, cambiese. Porén o que temos ante nós resulta pouco aleccionador: recórrense sentenzas como expediente para dilatar os prazos e darlle a planta de gas tempo para a súa política de feitos consumados e máis argállanse caracteres estratéxicos para xustificar o inxustificable: pór en perigo vidas humanas por milleiros e comprometer a riqueza produtiva da ría en troques dun beneficio que van colleitar uns poucos.

Unha non pode deixar de matinar baixo que imperativo moral se reparten paus a unha cidadanía que exerce os seus dereitos democráticos por orden do delegado do goberno e da autoridade portuaria. Nos miolos unha dalle volta a canto hai de renuncia interesada nos nosos gobernantes cando recoñecen que a planta non está ben situada e non fan nada para cambiala. Forza bruta e renuncia sen razóns conforman unha praxe política dun conformismo alarmante cos poderes económicos.

Ameaza perpétua
Reganosa resume a ameaza perpetua que pende sobre o poder político democrático por parte do poder económico: caer na subordinación a intereses privados opostos aos públicos. Democracia minúscula e falaz que hoxendía a globalización capitalista constrúe, na cal o mercado o pode todo e a él hai que subordinar calquera outro criterio; mercado que se configura como o eixo reitor de todos os eidos da vida social, nunha praxe que reduce a política a un guetto no que apenas hai algo máis que un baleiro de contidos e unha elección deturpada das elites gobernantes.

Fronte a Reganosa hai outra concepción da política, a que a entende como ferramenta de transformación social nun sentido de xustiza, igualdade e liberdade. Unha praxe pedagóxica na que o diálogo, as razóns, a legalidade, a mobilización social e cidadá constrúen un bloque social quen de defender os intereses de tod@s. Hai outros emprazamentos e tempo para facer ese traslado ao porto exterior, lugar onde ía radicar na orixen esta infraestrutura. Defender o que din os tribunais e o que recollen as directivas europeas en materia de seguridade debe ser unha tarefa de todo aquel que non se reduza á condición de obsecuente capataz do poder económico. Sen avaliación de impacto ambiental, con dúas sentenzas en contra, coa mobilización cidadá denunciando a súa ubicación, hai que razoar que non é xusto o que nos impoñen aos habitantes de Ferrolterra, non e xusto o que se lle quere impor ao país: cartos para catro, perigo e destrucción da riqueza da ría para milleiros.

A dignidade moral – que xungue ética e política nun intre inescindible – está da nosa parte, da man chea de organizacións que constitúen o Comité de Emerxencia e que van seguir a manter unha batalla coas núas mans da razón e a mobilización. Con cazolas, nas lanchas, nas tribunas institucionais, nas aulas e nas rúas... imos proseguir unha loita xa de anos para vencer o espellismo – feito de cartos e libelos – angosto e asoballador e para facer emerxer unha realidade de razón e xustiza coa planta fora da ría.

3,29/5 (34 votos)


Comentarios (10)

carlosroca #1 27/Xuño/2007 carlosroca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bla, bla, bla.
IU xa rematou coa loita contra a planta en Mugardos, pactastelo co PSOE para governar no Concello de Ferrol.
Por favor, aforradevos literatura e traballade para que unha ampliación de instalacións en Caneliñas acabe no tempo por substituir ás instalacións de Mugardos.

polaesquerda #2 27/Xuño/2007 polaesquerda
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

esquerdaunida-ferrol.blogspot.com , convídavos a visitar esta páxina para que comprobedes o grande traballo e compromiso invariable de Esquerda Unida contra á Planta de Gas dentro da Ría de Ferrol.
Planta de gas, fóra da Ría.

Xiana #3 28/Xuño/2007 Xiana
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo con moitas das cousas que indicas Iolanda pero cando falas de trasladar a planta a Caneliñas podes sinalar que custo aproximado tería para ver a viabilidade financeira. Sen falar do tempo que se trataría en facer esa obra, tempo que aproveitaría sen ningunha dúbida a planta de Xixón (que IU apoia) para posicionarse no mercado en situación de privilexio para o Noroeste.
A Planta de Mugardos e un gran problema pero non se arranxa con lerias e demagoxia, compren solucións intelixentes, posiblemente imaxinativas e sempre factibles. Non dubido que dende o goberno de Ferrol algo se poderá facer.

carlosroca #4 28/Xuño/2007 carlosroca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"o grande traballo e compromiso invariable de Esquerda Unida contra á Planta de Gas dentro da Ría de Ferrol.
Planta de gas, fóra da Ría" Non é tal, senon habia algo no pacto de goberno. Neste o compromiso de traslado da planta é cero patatero.

Moitas declaracións, literatura e caceroladas, pero feitos ningún.

Aplicade o mesmo que lle pedistes a outros e grazas ao que conseguistes entrar no goberno municipal.

Brais #5 28/Xuño/2007 Brais
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Amole a quen lle amole, Reganosa é un disparate

anton #6 28/Xuño/2007 anton
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por que non se fixeron mobilizacións antes de construir reganosa, por que empezan as mobilizacións cando vai a comezar a funcionar esta instalación?

hermes #7 28/Xuño/2007 hermes
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Hai mobilizacións desde hai máis de sete anos e hai un posicionamento público da Alcaldía e Concello-pleno de Ferrol en contra da pranta no interior da ría, cando menos, até o 2003, e do BNG e PSOE até o 2003 con alegacións e recursos xudiciais.O que acontece despois forma parte da historia da ignominia e o oprobio.

carlosroca #8 29/Xuño/2007 carlosroca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois logo que siga, ánimo na presión para o traslado á Caneliñas. Mobilizacións e o que faga falta. Desde o concello e desde todas partes. Que continue a presión popular e desde as institucións.
IU e PSOE desde o governo e o BNG desde a oposición.

MariPepadoPouso #9 29/Xuño/2007 MariPepadoPouso
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ola Yolanda!

Gostaríame que falaras así dentro duns meses, e máis que falaras que fixeras cousas, pero xa veremos, xa veremos si non calades todos como "putas", xa veremos si Bastida non lle fai a ola aos gaseiros cando pasen para Reganosa, xa veremos como buscades algunha excusa para estar dentro do politicamente correcto, xa veremos.

Saúdos
MariPepa

Damch #10 6/Xullo/2007 Damch
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A ficha de Yolanda Diaz em Vieiros, está mal, Yolanda nom naceu em Ferrol, naceu em Fene, Sam Valentim.
http://es.wikipedia.org/wiki/Y...
http://www.lavozdegalicia...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Forma parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán .