Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vicent Partal

Samaranch é a proba

11:00 22/04/2010

A morte de Samaranch puxo o dedo na ferida. No medio do debate sobre a Falanxe e Garzón, o falanxista que chegou a ser cabeza do deporte internacional puxo as cousas no lugar que exactamente ocupan. O ataúde recibirá todos os honores no Palau da Generalitat (vergonza!) e a clase política que fixo a transición ocupará o protagonismo diante del. "Atado e ben atado..."

É inaudito. O país oficial entregouse onte á cerimonia de glorificar Samaranch ao vello estilo: pechando filas e agochando a verdade. Un recorrido pola maioría dos diarios ou pola maioría de webs dos partidos e das institucións é ben aleccionador. Non é que destacasen, máis ou menos, o paso polo olimpismo e a contribución a Barcelona 92. Non. Aquilo que facían era diferente e grave: escondían tanto como podían o seu pasado franquista. Como se non tivese existido. Como se tivesen esquecido aquel berro de 'Samaranch fot al camp!', entoado polos demócratas de todas as cores á fin do seu paso aciago polo Palau da Generalitat, que el ocupou, no sentido militar do termo, como presidente da Deputación. Como se non tivesen existido os seus negocios estraños. Como se non tivese vestido nunca o uniforme do Movimiento.

Ontr, ler a prensa internacional e comparala coa catalá e a española devolvíanos aos vellos tempos que tanto añoraba Samaranch. Coa diferencia de que agora nin fai falta a institución da censura. Onde aquí todo eran panexíricos, alá atopabamos información. Que non escondía a súa importancia no movemento olímpico, pero que non aforraba críticas, duras, polo seu pasado fascista, pola corrupción na que caeu o Comité Olímpico durante o seu mandato, pola súa permisividade coa dopaxe ou polo extravagante autoritarismo que manifestaba.

Moitos dos que onte lle botaban afagos a Samaranch, antonte alarmábanse de que a Falanxe puidera levar a xuízo a Garzón. E facíano cunha capacidade de esquecemento selectivo monumental, porque cómpre recordar que a Falanxe era precisamente o partido de Samaranch.

Agora, este esquecemento selectivo non é inocente e ten consecuencias. Por un lado, deixa sen lexitimidade a oportunista campaña pro-Garzón (ou é que diremos agora que hai falanxistas bos e falanxistas malos?) Doutra, lémbranos que o éxito e o poder poden facer bo a quen sexa e que hai momentos en que todo parece que teña un prezo. Finalmente, e esta é a peor, ponnos de cara á pura realidade: somos un país, aínda, impotente á hora de superar o franquismo, incapaz. E no medo reprimido e na incomodidade ridícula de onte era visíbel que iso é así tamén porque a clase política que temos provén da renuncia ou da incapacidade de derrotalo e da acomodación a unhas regras de xogo marcadas e con trampa que trinta e cinco anos despois aínda prevalecen.

4,61/5 (49 votos)



Vicent Partal (Bétera, 1960). Fundador e director do diario electrónico VilaWeb, creado en 1995. VilaWeb conseguiu converterse nun medio dixital de referencia e líder de audiencia en lingua catalá.

»



Anteriores...