Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vicent Partal

Isto que resoa como un trono

09:00 09/02/2008

Non lle será fácil, a Obama, con todo o aparello do partido demócrata envorcado en favor de Hillary Clinton. Pero aquilo que representa, o seu xeito de facer política e a mensaxe transcendente que achegou á campaña electoral asegúranlle a atención e o interese de millóns de persoas dos Estados Unidos e do mundo. Sabemos moi pouco del, e podería pasar que, chegado á Casa Branca, nos sorprendese negativamente, pero, que demo!, como reconforta hoxe escoitar alguén que non che fala cunha linguaxe fría e calculadora e que che alenta dun xeito críbel ás aspiracións máis solemnes, aos soños máis elevados.

Hillary Clinton, nun momento de nerviosismo evidente, dixo que non era xusto que ela debese confrontarse a alguén que só vende soños. Dálle medo porque confrontarse a un soño é moi difícil. Pero tamén fai trampa: sabe que non é así. Ela sabe que Barack Obama ten un pasado sólido e un programa claro. Como o sabe, e como lle doe, que Obama nunca apoiase a guerra de Iraq, e que se opuxese a todo o mundo no Congreso en 2002 mentres ela se aliñaba xunto a Bush nunha decisión que agora querería borrar. Obama entón xa apelou, por impugnar a Bush, aos grandes principios morais, ao soño. E opúxose, e non era fácil, á opinión da maioría dos americanos de entón. Mentres tanto, Hillary argumentaba e calculaba sobre os deberes dos políticos e as limitacións da propia conciencia que impoñen os cargos públicos.

E aquí é onde hai a diferenza. Non teño ningunha dúbida de que Hillary Clinton está preparada para ser unha boa presidenta dos Estados Unidos, nin tampouco de que sería histórico que unha muller chegase ao lugar de máis poder do planeta. Pero, se o fai, seguro que será unha máis, con poucas diferenzas. De Hillary, non podes esperar agora que vaia poñer por diante do que cre aquilo que ela cre que debe crer. Obama non é, ou non o parece, así.

A política, desgraciadamente, é un oficio feo. O desprestixio dos que a fan non sempre é xusto, pero somos moitos os que temos a sensación de que nos nosos políticos o cálculo sobre o eu é máis importante que o cálculo sobre o nós. A política catalá recente é, neste sentido, paradigmática. Tanto que todos os partidos viven unha época convulsa con disidentes públicos que con máis ou menos fortuna cuestionan a pelexa pola máis minúscula migalla de poder, até de poder persoal, na que converteron goberno e oposición as nosas aspiracións, os nosos soños. E isto é un indicio contundente e incuestionable do desalento, pero tamén é unha esperanza. Hai moita xente, en todos os partidos e fóra, que non se conforma, xente que non cre que ter un carné ou votar unha opción política determinada haxa de equivaler a facer de comparsa, a facer subir uns poucos e a observar con paciencia, ou con irritación, como cambian de vez cando están arriba.

A distancia entre aquilo que queremos e soñamos e aquilo que cremos que se pode facer agora mesmo é abismal, deprimente, desesperanzadora. O país vibra como nunca, pero a política é máis plana ca nunca. A rúa estala de cor, pero nos despachos todo parece gris. A ambición fai ferver o sangue, pero a pobreza de espírito tennos paralizados. Aquí. Porque, alá, Obama soubo tocar esta chave precisamente. A que di que os soños e os valores non van rifados coa política, nin a ambición coa xestión. A que proclama que, se o facemos mal e o pasamos mal é porque queremos e porque o aceptamos con resignación, pero ben podemos cambialo, se queremos. A que recorda dun xeito concreto que sempre os grandes momentos que nos reconciliaron con nós mesmos e co propio país naceron grazas ao feito que alguén se plantou e dixo xa que xa era abondo de mediocridade, de miseria intelectual e de deixamento moral. E chamou a ir máis aló do día a día, e convocounos ao cambio grande e non aos pequenos cambios, ao risco e non ao temor.

E, acabe como acabe a campaña americana, esta é a mensaxe de Barack Obama que resoa como un trono.

4,74/5 (19 votos)



Vicent Partal (Bétera, 1960). Fundador e director do diario electrónico VilaWeb, creado en 1995. VilaWeb conseguiu converterse nun medio dixital de referencia e líder de audiencia en lingua catalá.

»



Anteriores...