Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Samuel Rego, responsábel do Instituto Camões en Galiza

"Hai o risco de que o portugués teña fraca presenza nos institutos galegos"

Samuel Rego está deica o venres coordinando o curso de verán da AGAL. Falamos con el do que opina da relación lingúística, social e política con Portugal.

Redacción - 18:05 11/07/2007
O Instituto Camões en Vigo

O Instituto Camões en Vigo

Collemos a Samuel Rego nun descanso deste curso de verán, que se está a celebrar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), até o vindeiro venres. O curso trata sobre a cultura contemporánea portuguesa; por unha vez, alén da historia doutro tempo, os galegos poderán aprender un chisco sobre os movementos culturais que se están a dar hoxe en día do outro lado da raia: no audiovisual, na música, na arte...

Durante catro días, os alumnos inscritos coñecerán as novidades e as tendencias actuais tamén na moda e nas artes escénicas portuguesas, algo ben necesario, segundo explica Samuel Rego, xa que sempre se fai fincapé na historia pasada, e case se descoñece o que está a acontecer no Portugal contemporáneo.

Como lles está indo o curso? Teñen xa moita xente inscrita?

Está indo moi ben. Temos catro días distintos para desenvolver intensamente, en cada un, o tema ao que está dedicado -o de hoxe foi dedicado aos audiovisuais, por exemplo- Preferimos facelo así, porque daquela hai máis tempo para captar a atención completa dos asistentes ao curso. En Galiza hai moita vontade de aprender da cultura portuguesa e moito interese polo país veciño, e o que tentamos é fornecer ao público de coñecementos sobre a actualidade cultural portuguesa. Hai unha xeración de artistas -realizadores, músicos, escultores...- emerxente en Portugal, que é aquí totalmente descoñecida, mais tamén por moitos portugueses. Hai traballos de xente que ultra-pasan a fronteira e chegan ao mercado galego, ou ao mercado español; algúns músicos, ou bandas portuguesas, mais tamén de países da lusofonía.

En canto ao número de persoas inscritas, son vinte dúas, mais son todas xenuínas. O que hai é un interese efectivo por asistir ao curso. Hai xente que está estudando filoloxía galega, portuguesa ou española, mais tamén profesores de portugués das escolas de idiomas ou xente que pretende ir estudar ou vivir a Portugal o vindeiro ano.

Este curso está enmarcado dentro das actividades que adoitan facer no Instituto Camões de Galiza, non é?

É. Sempre procuramos establecer bos fluxos de comunicación entre Portugal e Galiza, tentando dar a coñecer o que está a acontecer en Portugal neste país. Non queremos que sexa pola falta de comunicación que se descoñece o que pasa do outro lado da raia.

Acha que existe unha boa comunicación entre Galiza e Portugal; un certo interese por que a haxa dende a Xunta ou dende as Universidades galegas, por exemplo?

Si, existe unha boa comunicación e un interese verdadeiro e auténtico por que exista, dende todas as institucións galegas (Xunta, universidades e outras institucións ou organismos). Mais trátase dun interese contemporáneo, máis alá da carga histórica que vencella os dous países. Actualmente existe en Galiza un interese por saber alén do que xa se sabe; saber quen está a facer música, a escribir, a facer filmes, a pintar ou a facer teatro en Portugal. Somos conscientes de que temos unha historia común, pero somos propios.

Mais tamén existe este interese por coñecer do outro lado da raia, en Portugal. A xente alí tamén quere saber un pouco do que aí se está a facer. Dun lado e doutro lado, sempre oio cuestións referidas ao panorama cultural actual do país veciño.

Cre que está pouco explotada a relación Galiza-Portugal? que se poderían facer máis cousas das que se fan?

Non, creo que hai moitas cousas. Hai moito intercambio cultural e un tecido de relacións sociais e políticas creado entre ámbolos dous países. Tamén creo que neste momento hai un grande interese por Portugal, non só en Galiza, mais en todo o Estado Español. Isto estase vendo no número de alumnos que están a escoller o portugués como segunda lingua nos institutos. Está a haber un intercambio cultural que non ten parada, que vai medrando co tempo... o alumnado de Estremadura, ou de Andalucía, por exemplo, está a estudar portugués, e escólleno eles mesmos.

A este respecto, non lle resulta algo contraditorio que en Estremadura, por exemplo, estuden máis alumnos o portugués como segunda lingua que en Galiza?

A verdade é que si, pero en Galiza sempre houbo unha chea de problemas de orde política-lingüística que atrasaron de máis a chegada do portugués aos centros de ensino. Neste sentido, penso que hai un risco, ou máis ben unha hipótese, de que o portugués teña moi fraca presenza no ensino galego, en relación, por exemplo, a outras rexións do Estado, como por exemplo Estremadura ou Andalucía, onde é notábel o número de alumnos que estuda portugués. Non é un problema grave, mais acho que hai que traballar para que Galiza non fique atrás.

Tamén no aspecto económico paréceme un pouco contra natura que se lle dean as costas ao portugués só por cuestións políticas. As outras rexións citadas teñen menos contacto que Galiza con Portugal, no nivel económico. Hai moitas empresas portuguesas que comercian con Galiza e ao revés, e creo que se se lle viran as costas á lingua veciña, o futuro destas relacións sería polémico.


Ligazóns

4.58/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: