Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na súa primeira sesión parlamentaria

Aprobada a comisión que investigará a Cidade da Cultura

O voceiro do BNG, Carlos Aymerich, deu unha relación de nomes de familiares de altos cargos do PP que accederon a postos relacionados co proxecto.

Redacción - 13:58 11/09/2007

Os tres grupos con representación no Parlamento, PSdeG, BNG e PPdeG aprobaron hoxe por unanimidade a creación dunha comisión que investigue todas as actuacións do Goberno na Cidade da Cultura, dende que comezou, sendo só un proxecto, até a actualidade.

A decisión tomárona na mañá da terza feira, no primeiro pleno após as vacacións de verán. Todos os grupos traían baixo o brazo a proposta, se ben o PPdeG elaborara a súa propia, e os partidos no Goberno fixeran unha conxunta, que obviaba a pretensión popular de que se investigase, "con especial atención" os exercicios que foron feitos após a publicación do informe do Consello de Contas, polo bipartito.

"Investiguemos todo, non imos poñer trabas"
Con estas verbas Carlos Aymerich, do BNG atallaba os pedimentos populares, dicindo que é o PPdeG o que "debe dar explicacións sobre as irregularidades contractuais" que se produciron no Gaiás, tras o que acusou o anterior goberno de incluír a seus familiares entre os responsábeis do proxecto.

Despois de nomear un por un os familiares postos a traballar na Cidade da Cultura, -entre eles a Alfredo Díaz Grande, esposo da deputada e daquela conselleira Pilar Rojo, que era o arquitecto coordinador do proxecto; a Ángel Currás Fernández, irmán do Conselleiro de Educación, que era o director xerente da Fundación; e a Manuel Fernández, cuñado de Mariano Rajoy, que era o director económico e financeiro da Fundación-, Aymerich lembrou que, aínda estando xente da familia no allo, "os resultados foron decepcionantes", de tal xeito que actual goberno recibiu "unha herdanza envelenada" e con "apenas o 35% da obra executada", asegurando despois que o bipartito xa ten terminado o 52% da construción e que foron eles os que puxeron "racionalidade e rigor" na xestión do Gaiás.

Aymerich tamén segurou que o Bloque non ten como obxectivo "esixir responsabilidades políticas, que xa foron depuradas polo pobo galego, mais si coñecer as respostas que o PP tentou agachar co fin de tirar as conclusións e as licións que procedan". Para el foi o actual Goberno o que "puxo racionalidade onde había caos e rigor onde imperaba a improvisación".

As urnas puxeron "a cada un no seu sitio"

Na súa quenda o deputado do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga asegurou que o PPdeG xa depurara as súas responsabilidades ao perder as eleccións que "puxeron a cada un no seu sitio".

Polo seu lado o deputado popular Ignacio López-Chaves defendeu a Cidade da Cultura como "o proxecto cultural de Galiza máis importante do século XXI" e negou que nel se teñan gastado 400 millóns, asegurando que o Consello de Contas cifra o investido no Gaiás en 284 millóns de euros, polo que, segundo el, foi o Goberno actual o que gastou os que 116 millóns que restan. Ao final pechou a rolda de intervencións asegurando que todos os grandes proxectos culturais contaron coa oposición dos "agoreiros do fracaso", e puxo como exemplo o Fórum de Barcelona ou o Guggenheim de Bilbao.


5/5 (4 votos)

Comentarios (5)

O_Castrexo #1 11/Setembro/2007 O_Castrexo

Argh! Por que é o Partido Popular o único que defende a miña postura?? ...

Xabi1 #2 11/Setembro/2007 Xabi1

Carai, por fin aparece Freddy, Alfredo Díaz Grande, amante esposo de Pilar Rojo. Sí, efectivamente estaba a pé de obra na Cidade da Cultura, supervisando cómo só sabe facer él as supervisións. De cando estaba en Pontevedra Pilar Rojo como Delegada Provincial da Consellería de Cultura, habería bastante que falar, sobre todo de certas obras executadas por Freddy que foron visadas pola súa muller en cualidade de Delegada... e que nunca contaron con visto bo do Concello... cando governaba o mesmo o PP.
Algún día, falaremos da Finca do Cura, en Pontevedra, e dos que participaban nesa sociedade para edificar na devandita finca...
De momento, que se saiba que cando era Ministro do Interior o xogador de cartas do Carabela, Mariano Rajoy, Freddy foi nomeado a dedazo como un dos arquitectos que levantaron o novo cuartel ds Garda Cerril de Pontevedra. ¿Disculpa para que o dedazo recaera en esta persoa e outras?. Pois que o cuartel tiña que ser executado por persoas de confianza e non por calquer mangante licenciado en Arquitetura.
En fin. Estamos tan só ao comezo dunha longa lista de despropósitos, que non remata no PP, senón que continuará coas conexións entre BNG e construtores nos concellos de Pontevedra e Poio. Ao loro, que aquí pode haber comisións de investigación para os de Regreso e os de Progreso.
PD: de "Niñada de ratos", ren, colega. Que che miren o fígado, a ver se estás trasplantado, como Montenegro, o chico listo e de chapeau de Marín.

charino #3 11/Setembro/2007 charino

Hoxe fun levar a miña nai ó especialista en endocrinoloxía. Tiven que pedir de novo cita e a deron para o 11 de marzo de 2008. ¿Sabemos realmente qué supón a Cidade da Cultura? ¿Porqué soamente a defenden os partidos políticos? Aínda espero polas razóns dos que a defenden, máis ala dos feitos consumados. Tarde piaron.

ecoe #4 12/Setembro/2007 ecoe

Moi acertada a denuncia de Pontevedra, sendo certa, non topo ós do "Progreso" por parte algunha (mais ben han ser todos do REGRESO!)

As conexións entre concelleiro urbanismo nun lugar e especulador noutro, se houbera algunha vez "democracia" (vouna escrever entre aspas para diferenciala dos que a teñen como verba para todo o antidemocrático, xeralmente desde os poderes, lóxicamente), serían imposibles e imposibilitadas pola acción política da población. Qué descaro!

baltar69 #5 12/Setembro/2007 baltar69

pois eu non estou de acordo con aymerich. os políticos terán que responder co seu patrimonio ante decisións erradas pois roma non pode pagar a traidores e quedarse tan tranquila. si a xestión do anterior alcalde de chantada foi tan desastrosa como se dí, cómo ahora pode estar de diputado provincial? si os tipos se postulan ó cargo e logo cobran o que lles sae da pantorrilla, xusto é que teñan algún tipo de responsabilidade e que o pobo poida esixila. na china os funcionarios corruptos son liquidados en estadio público dun tiro na nuca. aquí témola eta como bush ten a bin laden para espantalas moscas, pero para mín é moito máis delito que un alcalde se poña un de esos soldos abrumadores que un grupo armado pretenda dinamitalo estado, por que fai más dano o estado o funcionario que rouba ou que desidia o seu cometido que o propio cacareado terrorista.
quén sabe, o mellor o aymerich tamén hai que mirarlle o fondillo...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: