Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xulio Ríos, Observatorio da Política Chinesa

"O do Tíbet non é un problema inventado, pero hai máis en xogo"

Residente en Beixín, o tamén director do IGADI comenta con Vieiros os recentes incidentes no Tíbet; as súas causas e as súas consecuencias.

Fernando Arrizado - 14:00 27/03/2008
Xulio Ríos traballa na China dende hai dous anos

Xulio Ríos traballa na China dende hai dous anos

Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e do Observatorio da Política Chinesa reside dende hai dous anos en Beixín, onde traballa para o Buró de Expertos Estranxeiros do Consello de Estado (Consello de Ministros). Ademais da aulas nunha universidade. En 2007 publicou Mercado y control político en China (La Catarata). Outras súas obras son La política exterior de China (Bellaterra, 2005) e Taiwán, el problema de China (La Catarata, 2006).

Vieiros: As información que chegan sobre o Tíbet a Occidente proceden principalmente de Radio Free, emisora financiada por Estados Unidos. Tamén están as declaracións do goberno tibetano no exilio e mais os comunicados oficiais de China. Como comezou realmente esta última rebelión?
Xulio Ríos:
Aquí se di que todo comezou cunha marcha de monxes procedentes da India que tentaban cruzar ilegalmente a fronteira. É habitual o recurso a sinalar que os disturbios internos teñen orixe externa; neste caso, sexa certo ou non, penso que isto é irrelevante.

As causas teñen que ver coas insuficiencias do marco político vixente para poder desenvolver a propia identidade nacional. Esa circunstancia é a que permite que as conspiracións, reais ou non, atopen o camiño aberto para emerxer. Hai que ter en conta que as autonomías en China presentan numerosas carencias.

No Tíbet constátase con claridade a existencia dunha sociedade dual: os tibetanos seguen, na súa inmensa maioría, co sistema tradicional de vida -gandería, agricultura e relixión-, mentres os han -e, en menor medida, os hui, que son musulmáns-, xestionan o comercio, os servizos, a industria, etc.

Quizais por iso víronse sorprendidos polos acontecementos e a súa forza destrutiva, especialmente dirixida contra os han e os hui; nun primeiro momento non a reprimiron, até que Lhasa ardía en numerosos puntos, e os saqueos e ataques a civís se multiplicaban.

Ademais, hai moito incomodo na sociedade han pola, entre comiñas, ingratitude dos tibetanos, que se reviran contra un goberno que nos últimos anos investiu grandes cantidades de diñeiro para propiciar un modelo de desenvolvemento que non comparten ou polo trato privilexiado ás minorías que están exentas de certas obrigas como a política do fillo único. Esta actitude e a tamén entre comiñas solidariedade occidental están a avivar o nacionalismo han.

China considera que o Tíbet é unha parte integrante do seu territorio. Así o recoñece a comunidade internacional. En Occidente pénsase que os chineses invadiron a rexión en 1950. Mais a historia semella ser máis complexa. Cal é o cerne do conflito?

A historia ofrece argumentos para unha cousa e para a contraria. Pero a historia faise tamén todos os días. Non é unha foto fixa. O determinante é que o pobo tibetano teña posibilidades de exercer o seu autogoberno. A autonomía que brinda China é un simulacro, moi limitada, e mesmo inferior á de calquera provincia de maioría han que formalmente non a ten recoñecida.

China non renunciará ao Tíbet. Non só pola súa importancia estratéxica ou polos seus recursos minerais e de auga, senón porque non consentirá facilmente que ninguén estrague o seu proxecto histórico, o renacemento e a volta ao centro do sistema internacional, que é parte inseparable da superación das perdas impostas polos agresores estranxeiros en tempos de debilidade e decadencia. Non é tempo de secesións senón de unificacións: Hong Kong, Macao... Taiwán.

Falando de Taiwán. En que medida influíu a situación do Tíbet nas eleccións presidenciais e nos referendos de adhesión da illa á ONU?

Penso que en pouco, aínda que había certo temor. O Tíbet e Taiwán son dous problemas ben diferentes. O KMT, que gañou as presidenciais e ostenta a maioría absoluta no Yuan lexislativo, non ten dúbidas acerca da pertenza do Tíbet a China. Iso non quita para que o gañador e futuro presidente, Ma, se amosara disposto a boicotear os xogos ou a recibir ao Dalai Lama, como protesta pola represión chinesa.

Por outra banda, case ninguén cuestiona a pertenza de Taiwán a China. Sen remontarse a máis atrás, entre 1945 e 1949, despois da derrota de Xapón -que ocupou Formosa dende 1895-, estivo baixo a administración da China do KMT, en guerra civil co PCCh.

Outra cousa é que os taiwaneses queiran agora decidir libremente o seu futuro, pero é unha cuestión diferente da pertenza dende o punto de vista histórico. Cando estaba na ONU, como República de China, representaba a toda China, non só á illa.

O reingreso na ONU, como República de China ou como Taiwán, require un acordo político co continente, senón, hoxe por hoxe, é totalmente inviábel e a frustración que xera esa reivindicación reduce o espazo internacional de Taipei, moi minguado pola crecente asimetría de forzas e de influencia do continente.

Volvendo ao Tíbet. O potencial de China é coñecido e este tipo de revoltas axudan a desestabilizar a economía do país. Que papel xoga Estados Unidos (sobre todo o goberno, mais tamén os actores de Hollywood) neste conflito? E a Unión Europea?

É evidente que os feitos non son casuais e que obedecen a unha estratexia orientada a aproveitar o feito olímpico para chamar a atención sobre a problemática do Tíbet e tamén para presionar a China e que isto inflúa no seu proceso económico e político. Hai meses que o Dalai Lama fixo a oportuna rolda de visitas por Washington, Camberra, Berlín, ou Tokio, onde conseguiu importantes apoios que agora están a emerxer.

Cando China anuncia que non quere ser máis o taller do mundo, as tensións co exterior que lle reclamaba precisamente iso -pero que se beneficiaba dos baixos salarios, da inexistencia de controis ambientais, etc.- dispáranse, favorecidas tamén polas incertezas existentes na economía internacional.

China resiste, polo momento, as fortes presións, sobre todo estadounidenses, para apreciar a súa moeda, o iuán, as queixas interesadamente sobredimensionadas sobre os defectos dos seus produtos, o en teoría alarmante incremento do gasto militar, que no entanto é inferior ao do Xapón "pacifista"...

O destino de China xógase nos próximos dez anos. Moitos queren que China sexa, como moito, unha especie de Xapón grande, economicamente poderoso, pero inmerso nas redes de dependencia occidental. China vai tentar defender a súa soberanía e está facendo apostas estratéxicas moi fortes. Levan un par de anos dicindo que se aventuran tempos difíciles e que cómpre estar preparados.

A cinco meses do comezo dos Xogos Olímpicos prodúcese esta circunstancia. É unha coincidencia? Fomentouse que este conflito latente se desencadease xusto agora? Haberá finalmente un boicot as Olimpíadas?

Non sei que pasará coas Olimpíadas. O boicot dalgúns países é difícil, pero non imposible. Seguro que haberá máis dun desplante. Coido que se debe aproveitar o evento para denunciar as carencias do sistema, pero dubido que o boicot axude a mellorar a situación dos dereitos humanos, por exemplo.

Eu levo visitando China dende hai vinte anos e a evolución é palpábel, aínda que a un lle gustaría que fose moito máis rápida, claro está. A presión debe ir acompañada do diálogo e de argumentos. Eles teñen os seus e creo que hoxe, a diferenza de hai unha década, por exemplo, asumen que o seu modelo non pode prescindir da democracia e dos dereitos humanos elementais.

Diso falaron en outubro, no congreso do PCCh, e tentarán explorar vías propias nese campo, tendo en conta que nos nosos modelos existen factores positivos, pero tamén moitos negativos. Basta lembrar o retroceso experimentado en materia de dereitos humanos dende o 11-S en diante. Teñen dereito a explorar outras vías e ir a paso a paso, especialmente tendo en conta as dimensións demográficas do país e as múltiples insuficiencias culturais e educativas de boa parte da súa poboación, sen que isto supoña escusa ou argumento para burlar o respecto ás liberdades.

Coincide estes días tamén coa aparición de informacións en todos os medios occidentais sobre a polución en Beixín; é tan grave como se di ou é comparábel á doutras capitais do mundo?

A situación, sen dúbida, mellorou, pero hai días en que a situación é delicada, especialmente agora, na primavera, coas tormentas de area. Ninguén cuestiona o esforzo realizado, pero se é ou non suficiente para celebrar unha olimpíada, supoño que o COI debe sabelo. En calquera caso, os retos ambientais da China son enormes e afrontalos esixirá grandes esforzos nos vindeiros anos.

A organización francesa Reporteiros sen Fronteiras (RSF) é moi activa contra o goberno chinés. Tamén o é contra outros gobernos socialistas, principalmente en Latinoamérica, mais a Unesco xa se desmarcou recentemente dalgunhas das súas iniciativas, e dende diversos ámbitos se lles acusou de estar financiados pola CIA. Ten ou non RSF intereses espurios?

Parece evidente que ten certas preferencias, ao igual que algúns actores de Hollywood, etc. Con independencia de métodos, padriños ou financiamentos, como argumento descalificador paréceme pobre. Forma parte do sistema. Cada un financia os seus.

É evidente que as dobres varas de medir non só as practican os estados, tamén as ONGDs, reais ou presuntas. O que si complica, e moito, é a dificultade de obxectivar porque semella que se un non toma partido é que non se compromete. O triste é que actúan sobre problemas reais que saben explotar.

China debería reaccionar e anticiparse. Niso están, pero van con medo. A experiencia soviética e os intereses estratéxicos doutras potencias alentan moitas desconfianzas. Agora van a remolque. E na concepción do tema nacional precisan instrumentar un cambio ben profundo.

Ou para ben ou para mal, a participación do Dalai Lama é esencial neste conflito. Como analiza a súa actitude e que postura debería de adoptar?

O desconcerto polas revoltas foi maior ante o uso da violencia, pois en Pequín sempre se pensou que o Dalai era un garante da loita pacífica. Mesmo chegaron a pensar que era xa un "tigre morto" e que o problema de maior preocupación pasaba a ser o Xingjiang, con menos apoio internacional -seguramente porque os uigures son musulmáns. Pero unha hipotética desaparición do Dalai non resolvería o problema, mesmo podería radicalizalo.

Outra cousa é deducir diso que se apoie o Dalai Lama, esa mestura de rei e deus, cunhas credenciais democráticas sobradamente discutíbeis. O futuro debería pasar pola construción dunha sociedade civil real e dinámica, pero dáme a impresión de que nin o Dalai nin o goberno chinés están interesados en promovela.


4,23/5 (26 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As revoltas comezaron o pasado 14 de marzo
As revoltas comezaron o pasado 14 de marzo
As forzas de seguridade chinesas reprimiron as protestas
As forzas de seguridade chinesas reprimiron as protestas
O Dalai Lama (na foto de arriba) ten unha gran influencia en toda a comunidade tibetatna
O Dalai Lama (na foto de arriba) ten unha gran influencia en toda a comunidade tibetatna