Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PIDEN A PRESENZA DUN MEDIADOR

Os veciños das Encrobas afectados polo carbón rachan as negociacións con Unión Fenosa

A empresa oferece comprar 12 das 17 das casas próximas á central térmica e nega responsabilidade na emisión de folerpas tóxicas.

Redacción - 18:15 22/04/2008

Máis de tres décadas despois, os desencontros entre veciños das Encrobas (Cerceda) e a empresa Unión Fenosa continúan. Coma nos anos 70, as poucas familias que viven a carón da central térmica de Meirama denuncian que seguen a sufrir abusos da compañía eléctrica. O último episodio protagonízano os veciño da aldea da Lousa que dende hai anos denuncian que os depósitos de carbón, o ruido e incluso as “folerpas” de residuos que de cando en vez cuspe o complexo industrial fan imposíbel unha vida digna. Logo de meses de negociacións, os afectados anunciaron este martes que rompen as negociacións coa empresa até que esta teña “unha vontade real de chegar a acordos”.

Xan Castro, un dos voceiros dos veciños da Lousa, sinala que tomaron esta decisión logo de comprobar que non había avances significativos nas conversas con Unión Fenosa. Os afectados reivindican que se busque outro lugar para almacenar o carbón ou, no seu defecto, que se indemnice ás familias para que poidan ir vivir a outro lugar do concello. A empresa asegura que cambiar os depósitos de carbón obrigaría a pechar o complexo. Como contrapartida, oferece mercar doce casas que están a carón da central térmica. Os veciños critican a actitude da empresa e sinalan que só continuarán a negociación se se lle oferece solucións aos dezasete veciños afectados.

A empresa non quere actas das negociacións

Mais os veciños entenden que a empresa non ten vontade real de acordo: “O único que lles importa é que non saian informacións na prensa”. Como exemplo sinalan que en numerosas ocasións solicitaron que se redactasen actas das negociacións, algo ao que, segundo din, se negan os altos cargos de Unión Fenosa: “O problema real é que eles non queren nada por escrito, nada que os comprometa”.


A compañía eléctrica tamén se nega indemnizar os veciños pola choiva de folerpas procedentes das chimineas da central térmica. Os veciños achegaran datos dunha análise que revelaba a existencia de produtos tóxicos nos residuos que caeron enriba das súas propiedades o pasado 18 de decembro. A empresa asegura que ten outros estudos que negan que aquelas emisións teñan relación coa central térmica.

Malestar coas administracións

Mais dende o colectivo de afectados tamén hai críticas cara as administracións públicas. Castro acusa directamente á Consellaría de Medio Ambiente de manterse á marxe, mais tamén pensa que outros departamentos como o de Industria e Innovación, ou o propio Concello de Cerceda, tampouco están a facer todo o que poderían.

Para retomar as negociacións con Unión Fenosa, os veciños reclaman a presenza dun mediador independente na mesa e que se recollan por escrito as conversas entre as partes. Mentres, non descartan mobilizacións diante das administracións.


4.5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: