Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Primeiro chanzo do proceso burocrático

O Pazo de Meirás entra no catálogo de Bens de Interese Cultural

A incoación de expediente garante para o Pazo a protección patrimonial e abre o paso aos mecanismos legais da posíbel expropiación.

Redacción - 11:20 01/08/2008

A Consellaría de Cultura confirmou este venres a incoación de expediente a través do cal a Xunta estabelece que o Pazo de Meirás pasa a formar parte do catálogo de Bens de Interese Cultural (BIC). Desde este momento, aplícaselle ao pazo toda a protección xurídica prevista na lexislación, e independentemente de que a familia Franco teña aínda a propiedade, non poderán realizar ningún tipo de obra nin modificación sen a previa autorización da consellaría. Ademais, estarán obrigados a permitir as inspeccións, visitas públicas e investigacións que se estabelezan.

Un proceso que se completará a finais de 2008
Durante o procedemento de declaración BIC do Pazo de Meirás iniciado este venres, a Dirección Xeral de Patrimonio recabará a opinión de até tres organismos consultivos: a Universidade de Santiago, a Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e o Consello da Cultura Galega. Desde a publicación no Diario Oficial de Galicia haberá un prazo dun mes para as posíbeis alegacións.

Completada a declaración como Ben de Interese Cultural, proceso que desde a Consellaría de Cultura prevén que poida concluír antes de que remate este ano, o edificio deberá abrirse ao público catro días ao mes.

A posibilidade da expropiación
Desde o momento en que se fixa esta declaración de Ben de Interese Cultural, existe ademais a posibilidade de proceder no futuro á expropiación forzosa do inmoble. Calquera incumprimento dos propietarios sobre as estritas obrigas de protección e conservación xeral autorizaría á Xunta para decidir ese paso, malia que se incluiría unha indemnización económica aos propietarios.


4.62/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Dirección Xeral estima que o Pazo de Meirás reúne as condicións para poder obter o máximo grao de protección patrimonial / Flickr: merce
A Dirección Xeral estima que o Pazo de Meirás reúne as condicións para poder obter o máximo grao de protección patrimonial / Flickr: merce