O 'Financial Times' asegura que o Exército de EUA adestrou comandos xeorxianos pouco antes da ofensiva en Osetia do Sur.
Xeorxia denunciou Rusia este luns ante a Corte Internacional de Xustiza (CIX), con sede na Haia, por violacións dos Dereitos Humanos da poboación de orixe xeorxiana que vive en Abkhazia e Osetia do Sur.
Tiblisi pretende que a CIX, que investiga as disputas entre países e que podería non ter xurisdición neste caso, emita unha orde provisional ou un requirimento xudicial, obrigándolle a Moscova rematar coas "violacións", "incluídos os ataques contra civís (...), os asasinatos, os desprazamentos forzados e o rexeitamento da asistencia humanitaria".
A denuncia pódese analizar como un acto simbólico de Xeorxia que busca prexudicar a imaxe de Rusia. Segundo André de Hoogh, catedrático de Dereito Internacional na Universidade holandesa de Groningen, as posibilidades de que Tiblisi gañe o caso son escasas a menos que demostre que as accións de Moscova estaban motivadas por discriminación racial.
Apoio militar estadounidense
Por outra banda, o diario británico Financial Times publicaba esta fin de semana que o Exército estadounidense facilitou adestramento de combate a 80 comandos xeorxianos de forzas especiais só uns meses antes de que Xeorxia lanzase a ofensiva armada en Osetia do Sur.
O rotativo, que tivo acceso a documentos e entrevistas con responsábeis de formación militar de Estados Unidos, asegura que isto podería reforzar as acusacións do primeiro ministro ruso, Vladimir Putin, neste senso.
1. Onte Financial Times informaba de que o exército estadounidense adiestrara ata oitenta unidades especiais xeorxianas só meses antes do asalto de Xeorxia a Osetia do Sur. O adiestramento foi subministrado por soldados veteranos e dous contratistas militares privados ―MPRI e American Systems―, ambos con base en Virxinia.
2. O un de setembro, baseándose en documentos enviados ao goberno alemán pola OSCE, Der Spiegel informaba de que o goberno de Tbilisi prepara a operación militar contra Osetia do Sur e lanzara a súa ofensiva antes de que os tanques rusos entraran no túnel de Roki, que conecta Rusia e Xeorxia. Os documentos de Der Spiegel tamén apuntan a posibilidade de que as forzas xeorxianas cometeran crimes de guerra durante os ataques contra civís.