Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XAVIER LAMA DEFENDE A SÚA POSTURA

"É chocante que algúns arremetan contra quen pretende que se cumpra a legalidade"

O escritor mantén os seus argumentos e afirma sentirse vítima dunha "estratexia de linchamento" logo de ter recorrido o premio González Garcés.

Redacción - 11:10 26/09/2008

A polémica aberta pola retirada a Eduardo Estévez do premio de poesía González Garcés continúa viva, principalmente nos blogs. Pero tamén Xavier Lama quixo entrar no debate, a través dun comunicado no que reafirma os seus argumentos, e explica as razóns que o levaron a impugnar a primeira decisión do xurado. Afirma que tivo a certeza da relación entre o blog de Eduardo Estévez e o poemario gañador a partir das propias declaracións de Estévez nos medios comunicación dixitais e impresos: "Estévez non semellaba consciente dos límites estrictos e precisos que fixan as bases. Non daba creto".

Lama defende, ademais, que "ese blog non contiña tres poemas nin medio dúcia, non. Tratábase dun poemario ben consolidado, que incluía 24 ou 25 poemas" e engade que "non se trataba dunha publicación efémera. Nada que ver cunha eventual lectura dalgúns poemas nun acto público, nin co suposto proceso anterior de work in progress que insinúan algúns". Lama láise finalmente do que cualifica de "estratexia de linchamento" contra el, "parece chocante que algúns pretendan arremeter cunha contundencia insólita contra quen pretende que se cumpra a legalidade". Incide en especial contra "o espectáculo alimentado nalgunha web, sen dúbida por un grupiño de colegas que manexan varias claves en Internet e fan insinuacións dunha repugnante baixeza moral".

Pola súa banda, Manuel Bragado escribe que Eduardo Estévez "é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame" e engade "do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar". E María Lado exprésase en termos parecidos: "non había razón de xustiza para impuganar o libro de Eduardo Estévez e que facelo demostra moi mala fe". E Mario Regueira escribe este venres que "estamos ante o feito terríbel de que, nunha disputa interna, alguén chamou un exército estranxeiro para que entrase na República das Letras a arrebatar un botín polo que xa se combatira en boa lide. E a cousa supera á metáfora".

Mentres, nunha nova anotación, Marcos S. Calveiro, escritor e avogado, dirixe o debate cara ao ámbito xurídico, analizando deste xeito a decisión do xurado: "acudir a Lei de Propiedade intelectual e partir dun erro sobre a normativa xurídica a aplicar, non estamos ante una problema de dereitos de autor senón ante un estrito problema contractual civil". E tamén Juan Blanco Valdés afonda nos aspectos xurídicos da polémica, cualificando de inconcibible ""o ditame dos asesores xurídicos da institución convocante", posto que un blog "non é, baixo ningún punto de vista unha edición (...) é unha forma de comunicación pública".


Eis a carta completa de Xavier Lama:


1.- Hai uns meses comunícanme que fun finalista do González Garcés despois dun disputado debate, que remata con 3 votos a 2 a favor de Estévez, quen me merece todo o respecto. Nada que obxectar, por suposto. Ese mesmo día entérome a través dunha coñecida web galega que unha parte do poemario do gañador fora publicado nun blog (mesmo inclúe enlace de acceso), algo que corrobora o propio autor nunca entrevista. En posteriores intervencións nos medios, indica que ese poemario foi elaborado nun proceso público e que tivo máis lectores na rede dos que podería lograr nunca en formato libro (no xornal La Opinión). Así é como me enterei da conexión do libro gañador co blog: por manifestacións do propio Estévez, que non semellaba consciente dos límites estrictos e precisos que fixan as bases. Non daba creto. Parecíame abraiante, tendo en conta que eu visitara ese blog en varias ocasións (polo menos en cinco), porque estaba interesado na análise de webs e bitácoras literarias cunha finalidade que queda á marxe deste debate.

2.- Ese blog non contiña tres poemas nin medio dúcia, non. Tratábase dun poemario ben consolidado, que incluía 24 ou 25 poemas (cifra máis ca significativa). Certo que uns poucos presentaban dúas versións, que diferían nunha palabra, nunha liña, nun principio ou nun final, pero resultaban total e abolutamente identificables. O blog estaba centrado absolutamente na construción dese poemario e o seu resultado final permaneceu colgado na rede desde o ano 2006 ata o 2008. É decir, non se trataba dunha publicación efémera. Nada que ver cunha eventual lectura dalgúns poemas nun acto público, nin co suposto proceso anterior de work in progress que insinúan algúns. Pero por favor... O material do señor Estévez puido ser baixado da rede, imprimido (como eu fixen no seu momento ao completo, poema a poema ) ou fotocopiado durante dous longos anos. Un material que en absoluto pode considerarse anónimo, porque vai ligado evidentisimamente ao seu nome.

3.- Certo que ese poemario puido completarse con outros textos para a presentación ao premio, claro está. Pero quixera poñer un ejemplo. Imaxinen que un autor vai divulgando unha novela a través da Internet, con obvias derivacións promocionais, e que deixa de publicala cando leva unhas 150 ou 170 páxinas. Despois faille un engadido textual final e preséntaa ao premio Xerais ou ao Torrente Ballester, poñamos por caso. Alguén nos seus cabais podería considerar que esa novela é inédita e anónima, malia que se introduzan correccións, matizacións, etc.? Pois algo semellante ocorría neste caso.

4.- Tendo en conta que o texto de Estévez parecía conculcar flagrantemente a condición de anónimo (ninguén parece incidir nisto) e de inédito, formulei un recurso por se o xurado estimaba cotexar o publicado na Internet co poemario do gañador. En caso de que se reproducisen eses textos no libro premiado, semellaba obvio que procedía considerar como cuestionable a súa presentación ao premio. De feito, veño de coñecer que se rexeitara outro libro, porque apareceran varios dos seus textos publicados nunha revista. Ese si e o outro non?

5.- O xurado decidiu por unanimidade (non por catro votos fronte a un) que incumpría as bases. Os seus integrantes son Luz Pozo Garza, Álvarez Torneiro, Gonzalo Navaza, Manuel Forcadela e Medos Romero. Eses son os "despachos" onde conseguín o premio. Radicalmente afirmo que non tiven xamais, nin teño ata este momento, o máis mínimo trato persoal con ningún deles. Non me quedará máis remedio que poñerme en contacto con algún a partir de agora para recabar informacións que descoñezo. O que está claro é que ese xurado podía ratificar a concesión de premio a Estévez, cambiar de gañador ou declaralo deserto. Só falta que alguén insinúe que lles puxen unha pistola na caluga para lograr o galardón.

6.- Resulta curioso comprobar cómo se organizan algunhas informacións. Toda esta polémica xorde a partir dunha carta aberta do sr. Estévez (a quen tratarei de respectar en todo momento), que se adianta á divulgación da decisión do xurado, supoño que nunha estratexia conducente a preservar a súa imaxe e a definir o debate conforme aos seus intereses. Chama a atención que certos medios de comunicación non parezan interesados por ir ás fontes; é decir, por coñecer, en primeiro lugar, o texto do dictame do xurado. Tamén me consta persoalmente que algunha persoa se sente manipulada neste debate, xa que descoñecía toda a información.

7.- Parece chocante que algúns pretendan arremeter cunha contundencia insólita contra quen pretende que se cumpra a legalidade. Ou o que me suxiren, despois de todo o exposto, é que debía quedar quieto, non impugnar, non comunicar o que eu sabía, vivir no "país dos caladiños" e non cuestionar ren? Semella que o que me propoñen algúns é que hai que mirar para outra beira e deixar que corra o río da vida... Repúgnanme os que van pola vida mendigando premios literarios, buscando valedores nos xurados, os que recorren a camarillas dun xeito impune. Nunca caín nin caerei en semellante baixeza.. De aí o perverso dalgunhas insinuacións.

8.- O máis abraiante é o espectáculo alimentado nalgunha web, sen dúbida por un grupiño de colegas que manexan varias claves en Internet e fan insinuacións dunha repugnante baixeza moral. Desde posibles sopros do xurado ata que eu tamén tiña poemas que non eran inéditos no meu libro, o catálogo resulta alucinante. A insidia, a falsidade e a calumnia campan ás súas anchas. Pero se isto só é un premio literario, non a invasión de Iraq... Un amigo meu defíneo como unha "estratexia de linchamento". Outro recomendábame que non escribira nada, que deixara pasar todo isto, porque a Internet, despois de todo, pode converterse no territorio perfecto para a impunidade. Hai outras opinións, pola contra, con nome e apelidos que respecto absolutamente.


4.14/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: