ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTARASE O XOVES 13

O libro da polémica xa está na rúa

Edicións Positivas saca do prelo 'Construcións', de Eduardo Estévez. O autor, que gañou o González Garcés en primeiro termo, viu como o perdía logo dunha reclamación

Marcos S. Pérez - 13:42 05/11/2008

O 23 de setembro foille retirado a Eduardo Estévez o Premio González Garcés de Poesía. O xurado considerou, despois dunha reclamación de Xavier Lama, que o poemario que escollera como gañador, Construcións, fora publicado previamente na rede, nun blog que Estévez abrira para amosar o proceso de elaboración do poemario. Nese momento abriuse un debate no mundo cultural galego e nos medios de comunicación sobre os premios literarios e o carácter de obra editada dos textos publicados nos blogs.

Pois ben, o libro da polémica chegará ás librarías o vindeiro luns, publicado por Edicións Positivas na súa colección Di-Versos. "O feito de que me retirasen o premio importábame menos que o feito de non ver publicado o libro, porque era un proxecto moi querido para min", di Estévez. O autor consegue, pois, o seu obxectivo, e a editorial aproveita a oportunidade de publicar a obra que o xurado do González Garcés escollera como a mellor das presentadas.

O proceso foi moi rápido: "ao día seguinte de que o xurado anunciase a súa decisión púxenme en contacto coa editorial, envieille o texto, e dous días despois xa tiña na casa as probas de imprenta", di Eduardo Estévez, que di estar moi satisfeito co resultado: "ao ser unha editorial pequena publicouse rápido, e ademais ten á súa fronte un editor que se preocupa polo libro, porque se distribúa e estea na rúa". Francisco Macías, director de Positivas, xa coñecía o proceso de produción da obra, a través do blog de Estévez, e maniféstase "encantado" co libro.

Eduardo Estévez intentara publicar en Positivas en ocasións anteriores, pero as súas obras foron rexeitadas por non axustarse á liña editorial da colección. O novo libro de Estévez, autor de Só paxaros saíron desta boca (1998), Lúa gris (1999) Caderno apócrifo da pequena defunta (2003) ou Derrotas (2004), é diferente. Os temas son semellantes, pero é máis narrativo e menos lírico, é un libro "que mira menos cara a dentro; nunca fixen libros autobiográficos, pero recoñezo que outros eran máis intimistas", di Estévez, que engade de "xa Derrotas apuntaba nesa liña".

O libro estará na rúa o luns 10, e será presentado o vindeiro xoves 13 na Casa da Crechas, en Santiago de Compostela. Máis ca unha presentación será unha lectura do libro, "o libro debe defender el só, se non é bo, non vale de nada que ninguén fale ben del", di Estévez. Ademais, apunta Macías, nesa presentación "devolveremos o libro á rede, porque imos gravar a lectura en vídeo é ímola colgar en youtube".


Merquei unha parella
de canarios
para facer menos desolada
a orde da casa

morreron aos tres días
de virus ou tristura

non tiñan aínda
nome


4,29/5 (21 votos)


Comentarios (20)

onofresabate #1 6/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo -2 Negativo]

Pois moi ben, e sobre todo alégrome de que o libro volva á rede, e con voz. Se cando se quere a xente é quen de saír ben dunha "desgraza". O xoves estaremos na Casa das Crechas.

Carlinhos #2 6/Novembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Bendito Capital! tudo é mercado, tudo se vende. Amighos amighinhos, mais mesmo a literatura polo que val. Vivam os prémios literários, vivam as SGAEs, viva o Mercado, vivam, tamém, os subsídios as editoras!!!
Abaixo a Internet e a Cultura nom-elitista!

onofresabate #3 6/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo -2 Negativo]

Amigo Carlinhos, ¿e a poesía? Reducilo todo a este combate de café de estar contra todo, ¿é poético? Vivir no mercado e estar contra el non ten nada de poético. ¡Vivan os eremitas!
¿Subsidios ás editoras? ¿De cales falas? Se nolos podes enumerar sería bo, pois eu oio falar deles de cando en vez pero nunca ninguén me di cales son. Obrigado por adiantado.
Ah, o poema que aparece nesta noticia de Vieiros gústame. ¿Falamos de poesía?

Carlinhos #4 6/Novembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

3# "O Carlinhos é um fingidor finge tão completamente que chega a fingir que é dor a dor que deveras sente"
O que me dói é estar no Mercado; ser um "recurso humano".
Pergunta-lhes aos de Fuxan os Ventos o que lhes dixo o Celso Emílio quando iam gravar "Irmaos" sem a sua autorizaçom. Lim que lhes dixo algo semelhante a "que o autor sou eu mais o poema já pertence ao Povo". Saúde e lírica.

Carlinhos #5 6/Novembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#3 Desculpa pola demora:

Grandes proxectos/ editoriais/ Editoriais Promoción, produción e
edición de grandes proxectos editoriais
2007: 91.872 €
2008: 100.128 €
60.000 €
Axudas á tradución/ Editoriais/ Promover a tradución para
outras linguas de obras publicadas en galego e noutras linguas publicadas orixinariamente en galego
2007: 95.700 €
2008: 104.300 €
Nom fai mal (tanto €).

http://culturaedeporte.xunta.e...

onofresabate #6 7/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Moi ben, Carlinhos, ¿e ti cres que isto é ilícito? ¿cres que con estas axudas a Administración xa compra as editoriais? ¿Cres que a Administración non debe gastar diñeiro na cultura? ¿Pensas que todo debe ter axudas menos o mundo do libro? Dime un só sector que non teña ningún tipo de axuda. A verdade é que estou perdido. ¿Que pretendes? ¿Puro liberalismo, a dictadura do mercado? ¡Ah, non! ACRACIA. Pois aí encontrámonos.

onofresabate #7 7/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Todos estes debates ás veces lémbranme as críticas da Voz de Galicia ás subvencións, así, alobotarate, todas malas cando non son para min. A empresa máis subvencionada criticando as subvencións. Xa sei, Carlinhos, porque te coñezo, que a túa postura non é a mesma que a da Voz. Por iso mesmo non me agrada que metas este debate nesta noticia. Un poeta como Eduardo Estévez e unha editora como Positivas, ¿por que os metes neste sarao? Aposto a que na túa vida diaria te aproveitas máis da administración ca estes dous.
Gustaríame que foses o xoves ás Crechas.

Lead_bocas #8 7/Novembro/2008 Lead_bocas
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Precisamente, no fondo deste affaire dos premios hai unha idea podre amplamente aceptada: que o que existe no mundo da literatura ten que convertirse en mercadoría (en premio, en ISBN...).

Paréceme que Carlinhos ten moita razón no que di. E os seus detractores aquí só están a demostrar unha vez máis que o mundo literario e editorial seguen a estar preñados de corporativismo, moitas veces irracional e contraproducente.

No eido da corporación nacional calquera crítica ou discusión acaba sendo promoción. Só queda fóra aquelo que soborda ou trasgrede as leis do paripé literario nacional interpersoal.

Algúns versos de Celso Emilio chegaron a pertencer ao povo. Amosádeme onde está a ocorrer iso hoxe... e veremos cal é o momento que vive a literatura e onde é que se atopa.

Aquí no hay playa!

onofresabate #9 7/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Teño eu as miñas dúbidas de que algúns versos de Celso Emilio "chegaron a pertencer ao povo", acho moi optimista esa opinión. Os tempo ás veces non son distintos. Creo que hoxe a poesía está máis na rúa ca antes. Mamá Cabra, Narf, Xabarín... o rap, creo que sitúan a poesía onde nunca estivo. Pode que a miña opinión sexa optimista de mais, pero xa son maior como para crer mitificacións que nunca tal foron.

onofresabate #10 7/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

E concordo, esta vez, con Lead_bocas e con Carlinhos cando están en desacordo con que se acepte como literatura só aquilo que é mercadoría. Efectivamente. Teñen razón. Un poema é un poema non só cando se pon nun papel. Pode selo aínda que só se cante. E é que nisto da cultura hai moito co que rachar. E creo que ten que ver con certa primacía da palabra escrita, unha maneira bastante conservadora, case medievalizante de ver a cultura. Así que, colegas, tamos dacordo niso.

Carlinhos #11 7/Novembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#6 Nom hó', nom. Deus-Mercado nos livre de fazer acusaçom tamanha!!! O que si sostenho é que essas partidas dos nossos cartinhos tamém podiam destinar-se ao livro português e reintegrado se tivermos um país cumha amplitude de horizonte suficiente para compreeder que isso é tamém normalizaçom lingüística, e tam ou máis efectiva a meu modesto entender.
Nom me parecia correcto (demostraria umha total falta de solidariedade e de consideraçom à tua persoa) deixar a pergunta #3 no ar:
"¿Subsidios ás editoras? ¿De cales falas? Se nolos podes enumerar sería bo, pois eu oio falar deles de cando en vez pero nunca ninguén me di cales son."
Entendo por ser marxista ser crítico com a realidade se o vês como "combate de café de estar contra todo" está bem e mais a falar da lírica; que fundamentalmente é subjectividade.
Quanto à ACRACIA, é um concepto que se pode incluír na utópica sociedade comunista que tenho por farol (há estrelas que podem orientar-nos de miles de anos depois de estouparem, que som pura utopia e ucronia... quê poético! nom é?) aí si nos achamos.

onofresabate #12 7/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Carlinhos, sostés que "essas partidas dos nossos cartinhos tamém podiam destinar-se ao livro português e reintegrado" agora, antes non o sostiveches. E, ¡buf! eí non penso entrar.

E falando de Comunismo, ¿sabes, Carlinhos, que o Paritdo Comunista da China quere mercar bancos norteamericanos? Bai ser bo, divertido, ¿non cres?

sabelinha #13 7/Novembro/2008 sabelinha
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

e o livro que tal? alguém o leu?

onofresabate #14 7/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Eu lino, Sabelinha. A min encantoume. Por certo, está na rede, no blog de Éduardo Estévez. E tanto el coma os de Positivas pretenden, ou así o entendín eu polo que lin na prensa, lelo por enteiro o próximo xoves na Casa das Crechas (Santiago), gravalo en vídeo e devolvelo á rede, con imaxe e voz. Sempre estivo este poemario a disposición GRATUÍTA de tododiós, e, pasando polo papel volverá enriquecido á rede GRATUÍTAMENTE.
Dixen que a min me encantou, pero non vou dicir o porqué, mellor que o leas ti, así non tarás nada condicionada.

onofresabate #15 7/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Carlinhos, o do Partido Comunista Chinés, aínda que é verdade, era unha pequena coña. Eu non son Comunista, nunca o fun, pero respecto que ti o sexas. Un saúdo.

Carlinhos #16 7/Novembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Sociedade comunista, meu, nom capitalismo de Estado chinês.

evagl #17 7/Novembro/2008 evagl
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

e onde se consigue na coruña? en couceiro?

Lead_bocas #18 7/Novembro/2008 Lead_bocas
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Pois sen comunismo libertario, non hai debate...
Hala!

Carlinhos #19 9/Novembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

#18 Boeeeeeeeeeeno, aceitamos comunismo libertário como "Nova Poesia Galega" ;D

onofresabate #20 10/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

evagl, en Santiago xa ta o libro nas librarías. Supoño que na Coruña tamén.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: