Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Galiza-Norte de Portugal

A alta afluencia de galegos fai que a biblioteca de Valença aposte polas nosas letras

Os valencianos tamén poden retirar libros en Tui grazas a un acordo entre os dous concellos.

F. Arrizado - 11:30 03/12/2008
O Bibliomóvel de Valença visita Tui mensualmente dende hai anos

O Bibliomóvel de Valença visita Tui mensualmente dende hai anos

Cada vez máis galegos se achegan á Biblioteca Municipal de Valença. Actualmente, case medio milleiro de persoas procedentes na súa maioría de Tui e dos concellos máis próximos á fronteira son socias do centro, que conta cun total de 2184 rexistros, segundo datos difundidos polo Jornal de Notícias.

Este interese crecente está relacionado entre outras cousas coas visitas mensuais que o Bibliomóvel de Valença (servizo de biblioteca itinerante destinado principalmente ao público infantil e xuvenil) realiza dende hai anos a esta beira do Miño. Entre o concello portugués e o de Tui hai un acordo para que tamén os valencianos poidan usar libremente a biblioteca pública tudense.

Este intercambio "reforza o coñecemento da literatura portuguesa na Galiza", e proporciónalles aos habitantes de Valença "un contacto máis próximo coa vasta produción literaria da Galiza", afirma o presidente da Câmara Municipal desta vila fronteiriza, José Luís Serra.

Froito desta dinámica de intercambio, e para dar resposta á afluencia de galegos á Biblioteca Municipal valenciana, o fondo de publicacións galegas está a aumentar. Segundo os memos datos publicados por este diario portugués, o centro conta con 29 mil monografías, das que 270 son do noso país.


4.67/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: