Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DEBATE 'CANTOS NA MARÉ REDE'

A música da lusofonía, unha marca de éxito no mundo

Trinta programadores, músicos, promotores e xornalistas debateron en Pontevedra como promover unha etiqueta para a nosa música.

M.S.P. - 09:00 16/12/2008

O obxectivo de calquera rede é a coordinación de iniciativas, a formalización de proxectos de coprodución. Tratábase ademais de que destes dous días en Pontevedra xurdise unha folla de ruta, un manifesto ao que despois se poida unir máis xente. Trátase de animar á iniciativa pública a favorecer estes procesos, de encher os ocos que faltan nas ligazóns, os elos elididos. Prodúcese ás veces, no entanto, que a actividade persoal de moitos promotores, unha vez que ten éxito, o que provoca na administración é unha actitude de desentendimento: se unha iniciativa xa existe non hai por que gastar esforzos en promovelo".

Nestas redes ofrécesense servizos, pero tamén se ofrecen necesidades. Os promotores necesitan músicos, os músicos necesitan promotores, e ambos os dous precisan de espazos. Ás veces os espazos son o primeiro floco que cómpre pechar. Sobre todo neste tempo no que a música deixou de ser algo físico, para se converter os discos en tarxetas de presentación dos artistas. Agora as xiras son unha das principais fontes de ingreso dos autores e dos produtores.

Cómpre, polo tanto, falar do tema máis importante: a creación de público, como chegar aos consumidores de cultura. Os artistas, como Narf, láianse de que ás veces a dificultade de pechar acordos para as actuacións fai que os esforzos da creación non produzan resultados: "ás veces fas unha montaña para parir un rato: fas un espectáculo para dúas actuacións, ou ás veces tes que agardar dous anos para presentalo". Quizais cómpre inverter os termos: crear unha estrutura de distribución no que poidan traballar os artistas.

Avances na creación de estruturas
Vanse producindo avances. A Rede Galega de Música ao Vivo demostrou a existencia dunha forza creadora que, cando menos en número, amosa unha extraordinaria fortaleza, pois até oitocentas bandas e solistas presentaron a súa solicitude para actuar nas máis de cincuenta salas asociadas. Por debaixo está aínda a forza dos grupos emerxentes, os que participan en Nsaio e na rede de salas de ensaio, un total de catrocentos; o futuro da música galega. Non só en Galiza, senón que a través do acordo con Audiência Zero, vinte grupos galegos puideron actuar no norte de Portugal, e outras tantas bandas do sur do Miño fixeron o mesmo en Galiza. Nos vindeiros meses veremos tamén o resultado dos acordos aos que a RGMV chegou cos artistas cataláns no mercado de Vic, polo que os grupos galegos e cataláns actuarán nun e noutro país. As administracións, repetiuse máis dunha vez no foro, non poden dedicar todos os seus esforzos para que as bandas galegas actúen no país, non se debe caer na endogamia, cómpre promover, con reciprocidade, a saída dos nosos músicos ao exterior.

No debate estivo presente o responsábel de Canarias Crea e o MACC (Mercado Atlántico de Creación Contemporánea). Tamén Carlos Seixas, director do Festival de Músicas do Mundo de Sines. Ou tamén Antón Martínez, o representante de Transeurope, unha rede de locais de con ducias de salas en todo o continente. Ou o Benjamin Taubkin, coordinador do Mercado Cultural Iberoamericano de Salvador de Baía, un xigante cultural, referencia no Brasil, que acolle máis de cen eventos nos seus catro días de duración.

Elías Torres, vicerreitor de Cultura da USC, recibiu aos participantes no foro cun "chegaron ao lugar das orixes" e ofreceu un breve relatorio baseado en aspectos teóricos e lingüísticos: "aos galegos a lusofonía fícanos lonxe; nós non somos fillos do luso, somos anteriores. Por que non chamalo 'galeguía'". E destacou a importancia de iniciativas como Cantos na Maré e no valor de acadar os obxectivos propostos e a dificultade de mover os marcos mentais existentes: "Isto é un proceso. Os galego ás veces esquecemos que tamén somos un proceso". Elías Torres leva un tempo traballando na creación na USC dunha cátedra dedicada a Chico Buarque.

"Correr riscos"
Jose Rui, de Tondela, animou a correr riscos. Falou da súa experiencia nesta pequena vila do centro de Portugal, duns seis mil habitantes, que cada ano é quen de organizar tres festivais de música, o máis coñecido de todos o dedicado ás músicas do mundo. Xa dende finais dos anos setenta, coa forza que aínda proviña da revolución de 1974, procedeuse a crear lazos, formar unha rede, para a organización dos primeiros eventos musicais. Todo funciona en rede; músicos, promotores, divulgadores: un traballo de cooperación que agora se realiza a través de Internet. Fíxose por necesidade, pola limitada dimensión da localidade, o seu afastamento dos grandes centros (sitúase a máis de douscentos quilómetros de Lisboa ou de Porto), e polo carácter conservador da rexión na que se asenta. Loitar contra o conservadurismo imperante foi unha das razóns que moveu a Rui e a outras persoas a crear esta alternativa cultural. Hoxe, a rede creada e acrecentada deu lugar a unha estrutura de tres auditorios, un teatro ao aire libre, estudios de gravación e obradoiros; de xeito de bandas de Porto ou Lisboa teñan a Tondela como espazo de creación.

Falou tamén Narf, un dos activistas que vai moitos anos por diante destas iniciativas; de certo que estes proxectos nacen ao abeiro do camiño aberto por estes pioneiros, e nacen tamén como apoio e estrutura para estas ideas. Narf fixo da lusofonía o seu espazo de creación e difusión; Hoje a ahoje, as colaboracións con Manecas Costa, os concertos en Mozambique. En portugués, en galego, e nas linguas autóctonas africanas, algo que sorprendeu e agradou enormemente aos músicos locais: "un branco, un europeo, cantando nas nosas linguas locais". "Trátase de que aquilo que temos en común sirva para apreciar o que temos de diferente.

O portugués é aquí unicamente un instrumento de comunicación", di Narf. Algo co que concorda Xavier Belho: "a lusofonía como instrumento, como etiqueta, non como fin en si mesmo". Conclúe Narf: "O que debería saír de aquí é unha rede de persoas activas e entusiastas: activistas, creadores, espazos e divulgadores, que teñan a vontade de crear cousas. E que a partir desta rede inicial se cree algo meirande". A lusofonía como etiqueta e como valor, por riba das fronteiras e das linguas. De feito Fran Pérez marchou este luns cara á India para ofrecer dous concertos.

Internet como plataforma
Gran parte do éxito da música da lusofonía dependera do uso eficaz que se faga dos medios de comunicación. En boa medida de Internet, o soporte que traspasa as fronteiras estatais con maior eficacia e pode unir a persoas con gustos comúns. Seguramente Internet é aínda incapaz de se converter nun medio de masas da dimensión social da televisión. Non pode selo agora e non o poderá ser, porque Internet non é un medio de masas. A rede permitiu, por exemplo, que os Dealema de Porto enchesen salas de concerto en Galiza sen apenas promoción previa nos medios tradicionais; o público asistiu atraído non pola lingua, senón polo hip-hop da banda, que coñeceran pola rede.

Porén, os usuarios da rede no futuro non serán en conxunto tan activos como os superusuarios pioneiros da web 2.0. Será necesario simplificar os soportes, unificar os proxectos, non duplicar esforzos, dar todo moi mastigado e ofrecer todo (escoita de música, descargas, foros, axenda...) xunto, nos mesmos contedores. E pensando sempre nos usuarios.


5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: