Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Seguir traballando" para que sexa canto antes

Touriño sitúa 2018 como data "inamovíbel" para trasladar Ence

O presidente do Goberno lamentou que "non puidese ser" co concurso eólico. Tamén lle restou importancia ás diferenzas entre Medio Ambiente e Industria.

Redacción - 18:20 30/12/2008
Touriño, falando cos xornalistas ao terminar o Consello, esta terza feira

Touriño, falando cos xornalistas ao terminar o Consello, esta terza feira

O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, laiouse esta terza feira de que o traslado de Ence non se puidese vincular ao concurso eólico, a pesar de que esta posibilidade "se prevía". Porén, nun futuro pensou en "acurtar os prazos" para cambiar a situación da papeleira antes de 2018, data na que expira o permiso que ten a compañía para continuar na ría de Pontevedra.

"Non puido ser", díxolles Touriño aos xornalistas presentes no seu resume semanal do Consello da Xunta, cando lle preguntaron pola posibilidade de mudar de situación a empresa, se o proxecto presentado por Inveraván para concorrer a este concurso era incluído entre os adxudicatarios, cousa que non aconteceu finalmente. Porén, o presidente do Goberno amosouse dispostoa a "seguir traballando" para trasladar a papeleira. Con este obxectivo para o que hai, segundo dixo, "moito camiño andado", falou da necesidade de "sentarse" cos dirixentes da empresa e ver as posibilidades que podería haber da súa marcha da ría pontevedresa.

"Hai que rebaixar a tensión, se é que a hai, no concurso eólico"
No seu discurso, Touriño tamén falou sobre o concurso eólico, e chamou a "rebaixar a tensión, se é que a hai", ao tempo que sinalaba que non quería nin había contribuír a "verse envolvido" no cruce de declaracións entre o conselleiro de Industria, Fernando Blanco (BNG) e o de Medio Ambiente, Manuel Vázquez (PSdeG).

Porén, Touriño restoulle importancia a estas discrepancias porque, ao seu ver, "non ten porque coincidir o criterio do responsábel" dunha e doutra consellaría, algo que "sucede en todos os gobernos". Neste sentido e sobre o concurso eólico, o presidente da Xunta resumiu: "Todo terminará no Consello da Xunta, que autorizará, non autorizará ou verá en que condicións", mais considerou que esta sería unha fase posterior á realizada pola Consellaría de Industria, que foi cuberta "de xeito eficaz". Respecto a este procedemento, recalcou que "non o inventa o presidente" senón que é "coñecido" e está "regulamentado".

Respecto á admisión a trámite de proxectos que están fóra do actual plan sectorial vixente, o xefe do executivo sinalou que "terá que haber un novo plan que os ha encaixar", e que este tamén ha ter a súa tramitación.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: