Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA AUDIENCIA NACIONAL

Os militares imputados polo asasinato de Couso volven ao banco dos acusados

O xuíz Santiago Pedraz asegura no seu auto que Thomas Gibson foi a persoa que deu a orde directa de disparar e subliña que poderían ter avisado aos xornalistas.

Redacción - 14:00 21/05/2009

O sarxento Thomas Gibson e dous dos seus superiores, o capitán Philip Wolford e o tenente coronel Philip De Camp volveron a ser procesados este xoves pola súa relación coa morte do cámara galego, Xosé Couso. O maxistrado acúsaos da comisión dos delitos de asasinato e crimes contra a humanidade, por estaren implicados no ataque ao Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003.

Esta é a segunda vez que os acusados son xulgados, xa que en abril de 2007 foron procesados polas mesmas causas. Porén, a Sala do Penal sinalou entón que consideraba que a instrución non estaba rematada, polo que o xuíz reabriu a investigación e realizou novas dilixencias. Entre elas, atópase a toma de declaración aos ex-ministros de Defensa, Federico Trillo, e de Asuntos Exteriores, Ana Palacio.

Orde de disparar
No seu auto, feito público este xoves, Pedraz asegura que Gibson foi "a persoa que deu a orde directa de disparar", sen que conste "a existencia de francotirador" ou "observador inimigo", nin disparo algún anterior ou posterior aos feitos que procedese do Hotel Palestina contra as tropas norteamericanas.

Ademais, recorda que en aplicación da Convención de Xenebra e da lexislación española, Couso era unha "persoa protexida". Engade que aspartes contendentes nun conflito armado están obrigadas sempre a distinguir entre a poboación civil e os combatentes. Neste sentido, asegura que "é obvio que era de prever que co proxectil lanzado se puideran provocar mortes ou feridos" e subliña que no tempo previo ao ataque "se podería ter avisado aos xornalistas ou ter desaloxado o hotel".


Ligazóns

3,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: