Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTO EN SANTA ISABEL

"Somos nación, temos dereito a selección"

Fartura de goles nun encontro no que o de menos foi o fútbol (9-0) e o de máis a reivindicación de seleccións deportivas de Galiza.

Isabel G. Couso - 21:30 26/12/2009

Máis dun milleiro de seareiros encheron as bancadas do estadio Santa Isabel (Santiago de Compostela) no encontro que na noite do sábado disputaron a selección galega e un combinado estranxeiro de futbolistas que xogan en Galiza. O ambiente foi o das grandes ocasións: continuos cantos dos afeccionados, entrega por parte dos xogadores e un avultado resultado (9-0) que non deixou arrefriar os ánimos, malia o baixo das temperaturas.

Na previa do partido, festa en Compostela
A xornada deu comezou xa na tarde, cunha concorrida manifestación convocada polos Seareir@s Galegos que percorreu as rúas de Compostela. Ante unha desmesurada presenza policial, o milleiro de asistentes berraron proclamas como "Somos nación, queremos selección", "Feijoo fascista, fóra da Galiza" ou o xa clásico "Galegos somos, galegos seremos, por españois nunca pasaremos". Cun ambiente festeiro e reivindicativo de partida, os seareiros chegaron ao Estadio de Santa Isabel, onde queceron os minutos previos ao partido.

De seguido, a xogadora do Español e capitá da selección feminina nos anteriores encontros da Irmandiña, Verónica Boquete leu un manifesto na defensa do combinado nacional e en reivindicación do deporte feminino. "Temos que visibilizar o papel de Galiza e o papel das mulleres no deporte", dixo entre os interminábeis aplausos dos afeccionados.

A seguir, Antón Reixa foi o encargado de ler un segundo manifesto, o que acabou por afoutar ás bancadas. Apelando á forza do pobo galego, pediu "vontade firme" para superar uns tempos que se anticipan como a "travesía polo deserto que resultou ser o fraguismo". "Estamos seguros de que o traballo de siareiros, deportistas, artistas e cidadanía toda servirán para demostrar a forza do noso pobo" e "enfrontarnos ao centralismo español máis rancio", berrou. "Somos nación e temos dereito a selección", concluíu.

O partido, outra celebración
A partir deste momento, iniciouse o partido. O ciclista David Blanco, varias veces campión da Volta a Portugal, foi o encargado de realizar o saque de honra, xunto cun representante da Liga Nacional de Billarda.

A Irmandiña aliñou a un equipo mixto, que estivo composto por Adrian Padrón e Daniel Portela (Ourense); Rubén Márquez, Alberto Domínguez, Alberto Mariño, Anxo Liñares e Óscar Seoane “Jimy” (Compostela); Paulo Saboris, Fernando González e Óscar Río (Céltiga); Quico (Arousa); Manu Rodríguez (Vilalonga); Rubén Pisto e Valentín (Verín); Óscar Comís (Coruxo); Daniel Conde, Xurxo Colón, Nacho Fernández e Marcos Martínez Munín (Negreira);Carolina Baños Ameneiro, Mónica Naval Cortés, Mirian Domínguez Marcos (Arousá); Barca Toba Suarez (Orzán); Sheila e Andrea Carid (Pontevedra).

Os adestradores foron Fernando Vázquez, que contou en todo momento cos aplausos e ánimos dos seareiros galegos e Pilar Neira, quen fora seleccionadora feminina nos últimos anos. O encontro ofreceu goles xa nos primeiros minutos de xogo e os futbolistas foron para o descanso cun 5 a 0 no marcador. Malia que o combinado estranxeiro contou con algunha ocasión na portería galega, en ningún momento houbo serio risco de que a pelota entrase nas mallas. Pola contra, o xogo disputouse sempre en campo contrario e os galegos gozaron de innumerábeis ocasións.

O escenario foi semellante na segunda parte, cando a Irmandiña foi quen de marcar outros catro goles máis para divertimento dunha bancada que xa estaba desbocada. Ao berro de "Galiza Nación, Galiza Selección" apoiaron o equipo até o remate do encontro. Ao final, os seareiros agradeceron a entrega de xogadores, adestradores e organización e os futbolistas marcharon coa satisfacción de xogar un bo encontro no que, con todo, o fútbol volveu ser o de menos.


Nos anos anteriores:


4.89/5 (38 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Irmandiña, antes do encontro
A Irmandiña, antes do encontro
"Somos nación e temos dereito a selección", berrou Antón Reixa
"Somos nación e temos dereito a selección", berrou Antón Reixa
Fernando Vázquez foi un dos máis aclamados polos seareiros
Fernando Vázquez foi un dos máis aclamados polos seareiros
Manifestación previa nas rúas de Compostela
Manifestación previa nas rúas de Compostela
Fotos: Isabel G. Couso
Fotos: Isabel G. Couso