Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Outro urbanismo (II)

09:31 29/11/2007

A primeira Lei do Solo, a de 1956, acertaba no enfoque xeral (cualificar e clasificar o solo, edificar nas zonas permitidas, obrigar a cesións ) e proclamaba as boas intencións, as de recuperar para a comunidade política as plusvalías obtidas no proceso urbanizador, mais tivo dende o inicio un pecado orixinal: aínda sendo o ente planificador público, o axente urbanizador acostuma ser un promotor privado, beneficiario da súa propia actuación. Supoñía facer deixación da facultade pública de executar o planeamento, que noutros países frenara abusos, aínda que menos nos últimos anos liberais.

Este pecado orixinal levounos á progresiva degradación do territorio, xa ampliamente recoñecida, e á corrupción urbanística, compañeiros dun desenvolvemento do sector da construción que enmascara a decadencia doutras ramas da industria.

Mais as cousas sempre poden empeorar. A Lei 6/1998 sobre Réxime do Solo e Avaliacións, e o posterior Real Decreto- Lei 4/2000 de medidas urxentes de liberalización do sector inmobiliario, dúas fermosas perlas do aznarato, estabeleceron a necesidade de xustificar, non onde se pode edificar, senón onde non se pode. Agora, o solo non protexido expresamente polo planeamento é territorio libre de caza para a especulación.

Razonan os liberais que canto máis solo dispoñamos máis barato será. A realidade amosa o falaz do razoamento, que fai do mercado o factor único do prezo das cousas. Mais os solos ben situados seguen a ser igual de caros. Un solo soamente se abarata polas súas eivas: por estar mal comunicado, por tratarse dunha zona perigosa ou insalubre, polo abrupto do terreo e o caro de urbanizalo...xa que logo, solo barato pode querer dicir dúas cousas: lugar onde desterrar a quen non pode pagar outro mellor, ou solo que se vai encarecer no proceso urbanizador ao dotalo de infraestruturas e servizos. Os custos poden ser diferidos no tempo e recaerán no usuario: transporte privado, tempo perdido en desprazamentos. En definitiva, son gastos que eliminarán a vantaxe inicial, a non ser...

O beneficiario especulador
A non ser que o beneficiario especulador non pague esas consecuencias, que as pague outro: o concello cando arranxe as deficiencias, o comprador da vivenda que terá que se desprazar, o tráfico creado artificialmente que precisará novas estradas... Iso que adoitamos chamar externalización de custos, e que socialmente é simple desbalde.

De xeito paradoxal, nunca houbo tanto solo protexido como con esta lexislación. Os tipos e motivos de protección multiplicáronse. Ao estudar os máis recentes plans xerais obsérvanse boas análises do territorio, crecente racionalidade e detalle ao definir os usos permitidos e prohibidos, protección de áreas naturais, arqueolóxicas ou de valor paisaxística. Xunto a isto, o que en tempos foi solo rústico e logo solo non urbanizable converteuse en solo non protexido do proceso enladrillador, porque é urbanizable todo o solo non específicamente protexido.

Ouvimos dicir a un personaxe, responsable do PXOM de Vigo, que nunca houbo nesa cidade tanto solo protexido. Iso dito dun Concello que cualifica como para edificar outro tanto do xa construido! O certo é que nunca houbo tanto solo ... desprotexido, aínda que o protexido estea máis adornado de estudos que nunca.

Non hai xeito de diminuir o prezo do solo sen sobresaturar o mercado? Pois sí. Hai medidas fiscais, como o imposto sobre solares sen edificar. Hai prazos obrigados de execución, prezos tasados, expropiacións por razón de utilidade pública ou interese social. Mais para o liberal, non. Serían medidas perigosas, que producirían falla de interese e fuga de capitais. Neste planeta tan mal globalizado, hai que atraer con privilexios non xa ao capital foráneo senón ao noso, ao nacional, patria del mesmo, para que non fuxa onde o poidan cebar mellor. Imos listos.

Anterior: Outro urbanismo (I)

3,78/5 (9 votos)


Comentarios (7)

Gaviotero #1 29/Novembro/2007 Gaviotero

"...es posible!" (la parte que le falta al título de cualquier artículo progre que se precio)

Esta chica de urbanismo sabe lo que yo energía nuclear...¡Pero qué le vamos a pedir a alguien que termina en Izquierda Unida! Si todavía no se han dado cuenta de que la Unión Soviética ya no existe...

sanquera #2 29/Novembro/2007 sanquera

"...es posible!" (la parte que le falta al título de cualquier artículo progre que se precio)
Gaviotero ¿conoces el eslogan del PP para las proximas elecciones?
"con Rajoy es posible" ¿que pasa va de progre?

sanquera #3 29/Novembro/2007 sanquera

Yolanda Díaz Pérez (Fene, 6 de mayo de 1971)

Jatopardo #4 29/Novembro/2007 Jatopardo

A calquera, cun mínimo de sensibilidade, caelle a moral ao chan ao ver como deixaron, e seguen a deixar, o medio natural galego, e en especial á costa. Iolanda ofrece a súa opinión, acertada ou non sobre o urbanismo en Galicia, e ofrece o seu punto de vista, penso que se alguén non está dacordo con ela, pode tentar rebatila con argumentos, sen ter que meterse con ela.

Por outro lado, penso que todo o mundo ten dereito a chamarse como lle pete, e se unha persoa quere chamarse Iolanda en vez de Yolanda o mínimo e respectar a súa decisión e deixarse de sacar punta a todo.

verdecanal #5 29/Novembro/2007 verdecanal

Yolanda/Iolanda,IU/PSOE/BNG/UPG/PP, Galego/Castelán,..... Vese que nos últimos tempos o que importa quen eres ou de onde ves, pero pouco análise de contidos. Palmas para os dos meus, pitos para os outros.

xaviersouto #6 29/Novembro/2007 xaviersouto

Os que si sabem são os responsáveis da desfeita que nos assulaga como uma enchente de cimento desde há quarenta anos. Dá-me ganhas de rir certa gente.

ranciadas #7 30/Novembro/2007 ranciadas

Gustaríame que Iolanda me explicase algunha vez porque o seu partido IU está a prol da planta de gas do Musel en Xixón nun proxecto abrasivo fortemente contra a costa e xunto a unha poboación de máis de 300.000 persoas, e en cambio, fai do política barata e demagóxica de Reganosa.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Forma parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán .