Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
Galiza2009

Voto emigrante: a primeira prioridade sen atender

A cita do 1M chega sen que a emigración poida votar aínda en urna. Por riba, permanece sen depurar un censo de residentes ausentes do que a administración recoñece que existirían até un 30% de inscricións indebidas.

Roberto Noguerol - 12:00 04/02/2009
Tags: galiza2009

(Achegámoslles un repaso da situación. A pé desta información, poden deixar as súas reflexións ao respecto)

Hai catro anos, o cambio político que saíu das urnas o día da xornada electoral, 19 de xuño, mantívose incerto até finais daquel mesmo mes, agardando que se confirmase se as sacas chegadas da emigración mudaban o reparto expresado polos electores antes dese reconto.

A situación levou a primeiro plano un debate que non era novo, pero que ese episodio recuperou para as portadas unha vez máis. Independentemente de que unha reforma puidese restrinxir o sufraxio dos electores do exterior nalgunha das citas coas urnas, debate que tamén se puxo na mesa, as prioridades nese momento eran ben máis simples: garantir a limpeza e a transparencia no proceso de voto que xa se viña realizando. Nese desafío, dúas prioridades principais: voto en urna e depuración do censo xa que, entre mortos duplicados e outros erros, a administración recoñece a posíbel existencia de até un 30% de inscricións indebidas na emigración.

Como evolucionou o peso do voto emigrante?
O voto emigrante semellaba non ser tido en conta ata a chegada de Manuel Fraga á Xunta en 1989. Daquela, o Censo de Residentes Ausentes (CERA) sumaba en Galiza algo máis de 45 mil cidadáns e só seis mil exerceran o seu dereito nesa elección. O achado do novo nicho electoral estimulou a interese dos populares pola emigración e a duplicación do censo, que en 1993 era de máis de 104 mil persoas, das cales 25 mil votaron. Foi esa por certo a única ocasión onde non sería o partido con goberno en Madrid o que levase a maioría dos votos da emigración. En 1997 o censo de ausentes alcanzaba en Galiza as 232 mil persoas, das que votaban 55 mil, e en 2001 os electores sumaban 268 mil, chegando a Galiza 67 mil votos. En 2005, o CERA galego ascende a un total de 304.660 electores, cifra equivalente ao 13,23% do total galego. Durante os últimos catro anos, e sen que se producise depuración das cifras, o total incrementouse xa até 335.357 electores que en 2009 poderían exercer o dereito ao voto.

Por que non hai garantías de "limpeza" na emisión do voto emigrante?
Sería impensábel que un cidadán censado en calquera concello galego se dirixise o día das eleccións a calquera colexio electoral e presentando os documentos de identidade de dúas ducias de persoas metese as correspondentes papeletas na urna. Paradoxalmente, o que aquí soa a brincadeira irreal é práctica factíbel para un votante do exterior, onde o "votante múltiple" só precisa dos certificados de inscrición no censo dos electores para enviar a Galiza o número de votos que lle dea a gaña. Xa que logo, o funcionario de correos que o atenda non terá obriga ningunha de esixirlle que acredite a súa identidade. O semanario A Nosa Terra publicaba en 2005 e á porta das eleccións a entrevista a Francisco Nogueiras, emigrante galego en Suíza, quen para denunciar a situación votou por correo no lugar de dezasete persoas nas eleccións ao Parlamento Europeo do 13 de xuño de 2004.


Que hai de certo en que poden votar os emigrantes que xa morreron?
Da morte dun cidadán galego incluído no censo de residentes ausentes, toda vez que está censado ademais nese país onde vive habitualmente, queda constancia no rexistro civil do seu país de residencia. A imposibilidade para o goberno español de acceder a eses rexistros supón unha barreira á depuración do CERA. Así, a nome do emigrante morto chegará de igual xeito a súa certificación censal e esta poderá ser usada sen problema por aquel que se faga cargo da súa correspondencia, con probabilidade un parente, caso de que non comunique a defunción. As Xuntas Electorais teñen constancia desta situación que foi denunciada en repetidas ocasións con probas enriba da mesa, a última durante este mesmo proceso electoral. En varios comicios, véñense recibindo votos á beira do certificado de defunción do elector.

Que cambios serían necesarios?
O máis básico: que o emigrante vote "en urna" en colexios electorais e coa presencia de interventores, quedando constancia de que a persoa que mete a papeleta na urna é o propio elector censado. Un segundo eixo é a depuración dos censos da diáspora, desactualizados e onde o propio goberno español admite que unha de cada tres inscricións serían erróneas. Unha terceira prioridade posíbel é o control das posíbeis instrumentalizacións das viaxes institucionais tanto do goberno español como da Xunta, deputacións e gobernos municipais.

E que control se podería ter estabelecido mentres non se cambia a lei?
A iniciativa que xa en 2005 e ás portas da campaña electoral, lle fixeran chegar os nacionalistas á Xunta Electoral de Galiza, pedía entre outras cousas a esixencia de que os envíos postais tivesen o carácter de "certificado" e a comprobación de que unha soa persoa non votase por varias. Ao fío, pedían por exemplo que se vixiase que non houbese casos de reiteración do tipo de letra nos envíos, práctica que evidenciaría a fraude e que se lle dese instrución ás embaixadas e consulados para que o persoal vixiase os posíbeis actos contrarios á lexislación electoral e lle desen traslado á administración central das irregularidades detectadas. Do mesmo xeito, pedían a custodia dos sacos postais que conteñen os votos procedentes do exterior por parte da Administración electoral.

Quen pode cambiar os mecanismos de control?
Ao goberno español correspóndelle tomar iniciativa para modificar a Lei Orgánica do Réxime Electoral. A continuación, a dirección xeral de emigración do ministerio de Exteriores debería fornecer a consulados e embaixadas, ou incluso no seu caso ás sedes das asociacións de emigrantes, da infraestrutura técnica para a realización do voto, garantindo que a presencia de interventores e que se faga en urna.

Por que non se mudou aínda este sistema?
Na primeira etapa do PSOE á fronte do goberno español apenas recibiu atención a situación dos votantes no exterior. O punto de inflexión prodúcese coa chegada á Xunta de Manuel Fraga e a estratexia activa que o PP aplica para a captación do voto exterior. Durante o goberno de Aznar en Madrid, o PPdeG, gran beneficiado do voto emigrante, negou reiteradamente a necesidade dos cambios e opúxose ás peticións da oposición para mudar a lei. Sorprendentemente, logo de perder o goberno español e de ver como na seguinte convocatoria electoral, as Europeas de 2004, o voto da emigración pasaba a beneficiar os socialistas, o PP decidiu apoiar unha proposta do Bloque no Parlamento galego que instaba ao goberno español á modificación da lexislación electoral. Aínda así, os populares pronunciábanse en contra da necesidade de acreditación persoal do elector emigrante antes de votar, argumentando que esa esixencia depende da propia reforma legal que lle corresponde facer ao goberno de Madrid.


Paradoxalmente, malia as repetidas denuncias en tempos de goberno popular en Madrid e aínda sabendo a importancia do voto emigrante nas eleccións galegas, logo de acceder ao goberno en marzo de 2004, o PSOE decidiu deixar no caixón os prometidos cambios sobre o voto dos residentes ausentes, argumentando que non ía dar tempo a tramitar a reforma lexislativa necesaria. O asunto volveu ás portadas coas eleccións en 2005 en Galiza, pero aínda así o executivo estatal non tomou a iniciativa. Mentres, en Galiza, PPdeG, PSdeG e BNG conseguían á fin en 2008 o consenso "de mínimos" que permitía a aprobación no Parlamento nun pacto unánime a trasladarlle ao Congreso, instando a acelerar a reforma que garantise en 2009 o voto en urna nos comicios galegos. Paradoxalmente, cando o asunto chega a Madrid, o grupo do PSOE no Congreso cualifícao como "non prioritario", bloquea a posibilidade dunha reforma específica que permita o voto en urna e o tema volve ao caixón.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:


Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.