Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
O CANDIDATO COMPARECE

“Despois de laiarnos, é o momento para reeditar o noso compromiso con Galiza”, di Quintana

O líder nacionalista agradeceu os apoios recibidos e reeditou o seu compromiso de “manterse ao carón da xente”

Redacción / EP - 22:48 01/03/2009
Tags:

Non se fixo agardar. En canto rematou a comparecencia de Emilio Pérez Touriño, que captou a atención de todos os presentes, Quintana apareceu na sala, rodeado de Francisco Jorquera, Ana Pontón e Francisco Rodríguez. Cun xesto desencaixado e ante os berros de BE-ENE-GA que fixeron oír na sala os militantes e simpatizantes que seguiron a noite electoral, o líder nacionalista informou de que xa chamara a Alberte Núñez Feijoo para felicitalo polos resultados. A partir de aí, e ante a atenta mirada das decenas de medios de comunicación que, ateigados, agardaban as reaccións, o nacionalista agradeceu os apoios recibidos e reeditou o seu compromiso de “manterse ao carón da xente”. “Despois de laiarnos, a partir de mañá será o momento de demostrar o noso compromiso con Galiza”, dixo.


"O pobo galego decidiu"
O voceiro nacional do BNG e candidato nacionalista, Anxo Quintana, admitiu que "non se cumpriron os obxectivos" electorais, pero non aclarou se porá o seu cargo disposición da formación nacionalista. "Hoxe non é noite para iso", dixo.

"É evidente que temos que facer unha reflexión sobre o acontecido", declarou aos medios tras a súa comparecencia ante a militancia. "Imos darnos a oportunidade de poder meditalo con calma e intentar nas solucións non cometer os erros anteriores", comentou. O dirixente nacionalista explicou que non estaba "en condicións de facer unha análise profunda" neste momento, aínda que agregou que "hai que mirar adiante". "Hai que examinar os erros, que sen dúbida son máis dun", recoñeceu, pero garantiu que "o proxecto continuará coa mesma ilusión".

Quintana, que mostrou un rostro serio e de resignación, recoñeceu que, "como é lóxico, esperaban outros resultados", pero entendeu que "o pobo galego decidiu" e dixo que "acatar" a palabra dos cidadáns. "Hoxe podemos lamentarnos, pero a partir de mañá nosa preocupación non é o BNG, senón a xente", asegurou na súa comparecencia ante a militancia na que foi recibido con aclamacións de "BE-ENE-GA". Quintana estivo arroupado polo coordinador executivo, Francisco Jorquera; o secretario de Acción Institucional, Francisco Rodríguez; e o secretario de Organización, Alberte Ansede.

Resultados non esperados
"O pobo é sempre sabio e teño que acatar a decisión. Gustaríame que o resultado fose outro", apuntou o cabeza de cartel nacionalista. "Como é lóxico eu estaba confiado noutros resultados e tivemos miles de votos, que agradecemos e que quero volver agradecer," aseverou o político nacionalista.

Neste sentido, asegurou que "miles de persoas apostan por o proxecto nacionalista" e iso dálles "ánimos" para continuar, sobre todo, "no momento difícil que agora se vai afrontar" e que o BNG afrontará "dende a responsabilidade que os cidadáns lles outorgaron". "Pódese facer unha gran contribución á sociedade dende o goberno e dende a oposición", sentenciou.

Quintana destacou a participación que houbo e que reflicte a xente que "quixo opinar e decidiu que fose o PPdeG", co líder do cal dixo poñerse en contacto para mostrar as súas "felicitacións" polo resultado obtido. O vicepresidente da Xunta en funcións afirmou que o BNG estaba "ilusionado con seguir un labor que considera moi satisfactorio", pero asumiu que a xente maioritariamente "elixiu o PP". "Empeza unha nova etapa con momentos difíciles, pero o noso compromiso, no Goberno ou non, será sempre estar ao lado da xente", agregou. Deste modo, comprometeuse a seguir traballando polo "proxecto propio" de Galiza e para solucionar a crise económica. Así, volveu mostrar a súa "total disposición e compromiso" para estar "ao lado da xente nun momento difícil como este".

En declaracións aos medios, a número dous pola Coruña, Ana Pontón, tamén considerou que "hai que tomar nota e traballar con máis empeño para recuperar o que non se conseguiu" nestes comicios. "O BNG seguirá traballando con moita máis forza coa achega que pode facer", dixo. Ao respecto dos resultados da provincia pola que concorreu, Pontón asegurou que sentía "exactamente igual" os dunha circunscrición que os do resto do país. "Hai que tomar nota", engadiu e afirmou que o "BNG sempre saíu adiante e o que o move é traballar por Galiza".

Agradecemento á militancia
Anxo Quintana agradeceulles aos militantes e amigos do BNG que esta noite electoral traballaron nas mesas e que durante a campaña levaron adiante con "moita ilusión" e "traballo" o proxecto nacionalista. "Quero dar o meu máis sincero agradecemento ás miles de persoas que confiaron no proxecto propio e que nos anima a seguir", resumiu o candidato nacionalista.

A evolución dos datos do escrutinio caeu como unha xerra de auga fría nos militantes e responsábeis nacionalistas, que non esperaban o resultado que finalmente se deu nos comicios. Os nervios foron evolucionando a medida que avanzaban os datos e se daba por feito que non cambiaría a tendencia. As caras foron de escepticismo dende un principio cando se coñeceron as informacións das enquisas e, pouco a pouco, ían sendo asumidas polos poucos membros do BNG que se deixaron ver polas salas da militancia. A Executiva, reunida noutra sala, só saíu para arroupar o candidato na súa comparecencia cos medios e apenas podía disimular as caras de decepción polos resultados.


3.91/5 (34 votos)


Quintana comparece ante os medios
Quintana comparece ante os medios
Arroupado por Jorquera, Rodríguez e Pontón
Arroupado por Jorquera, Rodríguez e Pontón
Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.