Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
FRACASO ELECTORAL DO BIPARTITO

O Partido Popular volve a San Caetano avalado por unha marea de votos

Co 99% dos votos escrutados, os de Núñez Feijoo logran unha cómoda maioría absoluta de 39 deputados, grazas ao amplo apoio conseguido tanto nas cidades coma no rural.

Redacción - 00:10 02/03/2009
Tags: galiza2009

A vitoria do PPdeG non ten volta. Alberto Núñez Feijoo logrou o que semellaba imposíbel até hai ben poucas semanas: lograr a maioría absoluta. Os conservadores fixeron historia ao volver a San Caetano tan só catro anos despois de perder o poder. A entidade da derrota do bipartito queda máis clara se se ten en conta que o PPdeG foi a forza máis votada en todas e cada unha das comarcas galegas, agás na Fonsagrada. Non houbo diferenzas entre voto urbano e rural. As grandes cidades, con Vigo e A Coruña á cabeza, capitanearon un ascenso que foi homoxéneo en todos os municipios.

Unha das ideas preconcibidas que saltaron este domingo polos aires foi a da participación. Todos os analistas afirmaban que unha alta participación ía favorecer os partidos de esquerda pero a realidade foi ben distinta. A participación máis alta da historia galega (70,2%) beneficiou claramente aos “populares”. Con máis do 98% dos votos escrutados, os datos son mási que contundentes: O PPdeG logra 39 deputados (47,10%); PSdeG, 24 actas (29,91%); e BNG, 12 (16,58%). O partido de Rosa Díez UPyD consegue ser a cuarta forza con pouco máis do 1,4% dos votos totais. A pouca distancia, Terra Galega convértese na quinta forza do país (1,1%).

Desesperación no bipartito, euforia no cuartel xeral dos “populares”
O nerviosismo nas filas do PSdeG e do BNG era evidente dende primeiras horas da mañá. As sondaxes a pé de urna eran moi negativas para os seus intereses: O PPdeG voaba cara a maioría absoluta e nada parecía detelo. Pola tarde, co espectacular aumento da participación, volveu o ánimo. Os socialistas estaban convencidos que unha alta participación da cidadanía ía apuntalar o bipartito. O escrutinio demostrou que errados eran estes prognósticos.

Non tardaron en aparecer as bágoas nas caras de militantes e cadros socialistas e nacionalistas. Contra as 21.30 horas da noite, xa case ninguén agardaba un milagre. Os datos que chegaban de todas as mesas do país eran moi claros: os electores dábanlle as costas ao bipartito.

Pola contra, a euforia non tardou en chegar a San Lázaro, á sede do PPdeG. Até a mesma comezaron a chegar, segundo avanzaba a noite, os simpatizantes conservadores. Os “populares” tiñan na man unha vitoria que lembraba a maquinaria invencíbel dos anos 90.

Problemas técnicos en Vieiros

Por problemas técnicos, durante dúas horas e media (entre as 19 e as 21.30 horas), os internautas non puideron entrar en Vieiros. Pregámoslle disculpas.


2.68/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:


Feijoo, na súa primeira comparecencia logo da vitoria
Feijoo, na súa primeira comparecencia logo da vitoria
Touriño deixa a presidencia logo de tres anos e medio á fronte do goberno galego
Touriño deixa a presidencia logo de tres anos e medio á fronte do goberno galego
O nacionalismo só terá 12 representantes no Parlamento, o peor resultado dende 1989
O nacionalismo só terá 12 representantes no Parlamento, o peor resultado dende 1989
Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.