Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
WELCOME TO TIRUCHY, 8

"Un dedo sinalando o nariz"

"O interese é una responsabilidade individual. Como informarse do que fai unha ONG antes de colaborar con ela. Da escusa "non se sabe onde van os cartos" ten unha xa os oídos cheos". Oitava entrega da crónica da nosa colaboradora María Reimóndez desde a India, onde traballa nun proxecto de cooperación a través da ONGD Implicadas no Desenvolvemento. Capítulos anteriores: 1, 2, 3, 4, 5, 6 e 7.

- 15:55 10/08/2004
Tags:

Coma as demais

Panju Kidanu non é un sitio fácil para traballar. Nin sequera outros dalits queren achegarse á comunidade. Son os que limpan as latrinas e recollen –a man– o lixo da cidade. Malia ter traballos do propio concello e uns ingresos superiores á media dos outros suburbios, a súa situación é igualmente precaria. Na rúa os homes alcolizados esbardallan sen sentido. A taxa de abandono escolar tamen é importante.

Sen embargo non queremos deixar Panju Kidanu. As mulleres crearon xa tres grupos de aforro. Krishnaveni é integrante dun deles. Como as demais, aforra 55 rupias ao mes, está casada e ten dous fillos dos que se sente moi orgullosa. Sabe ler e escribir o suficiente. E está disposta a acudir ao concurso de danza que imos organizar a final de mes para as mulleres do suburbio. A súa é unha historia de esforzo como a de moitas mulleres coas que paso o tempo estes días. A única diferencia é que Krishnaveni é xorda. Para ela as mulleres son un dedo sinalando o nariz (onde se leva o pendente) e os homes un aceno de bigote.


Mensaxe na botella

Un dos nosos últimos proxectos en IND e o de montar una exposición de arte un pouco especial. Arte creada polas mulleres, as nenas e nenos, as persoas con discapacidade... resumindo, as beneficiarias e beneficiarios do proxecto de Tiruchi. Nestas semanas que me quedan comeza a actividade frenética: o concurso de debuxo, relatos e teatro para cada un dos grupos. A filosofía subxacente: que a propia comunidade conte qué é o proxecto.

No meu segundo dia en Panju Kidanu, as nenas e nenos en idade escolar sentaban nos restos dunha choupana derruída cos seus cadernos para a clase de apoio. Un deles, co caderno na man, amósame o debuxo que quere presentar ao concurso. Eu agardo unha estampa de suburbio, unha casa, unha mensaxe ecoloxista, se cadra unha familia, só que a súa non ten nin mai nin pai porque os dous morreron de tuberculose, e unha das súas irmás padece unha discapacidade intelectual. No caderno, nada diso. Un debuxo en dúas partes: un home dentro dunha botella, un home rompendo a botella. Pregúntolle se o debuxo se lle ocorreu a el ou o viu nalgures. Dime con orgullo que é propio. Quén precisa máis portavoces.


Un mínimo interese

O venres á tardiña chegan Eva e Manuel. Eva é socia de IND. Están de vacacións en Tamil Nadu e deciden pasar un par de días no proxecto. Eu aprezo o seu xesto porque creo que o interese é o primeiro paso para cambiar o mundo. E o interese é una responsabilidade individual. Como informarse do que fai unha ONG antes de colaborar con ela. Da escusa "non se sabe onde van os cartos" ten unha xa os oídos cheos.

Eu respondo sempre o mesmo: as ONGs (as que o somos de verdade) deben ter transparencia para saber onde van os cartos. Tamén uns principios de traballo como a autosuficiencia da comunidade, o enfoque de xénero, a responsabilidade social. E é responsabilidade de cada quen comprobar que todo iso é así. Pero para poder facelo, claro está, hai que ter unha mínima idea do que implica traballar en cooperación. E iso é imposible sen un mínimo interese.


Nada de 'memsahibs'

Eu coñezo abondas organizacións onde é habitual recibir as visitas dos países doadores con todo tipo de boato. Aquí, na India, teño visto (algo de lonxe, iso si) un inmenso despregue de grinaldas, cocos, benvidos amigos españois, flotas de todoterreos para os "turistas de proxecto"... Persoalmente todo isto me dá un terrible pudor. E politicamente paréceme totalmente inaceptable. Éntranme calafríos polas costas recordando as épocas coloniais do dominio branco. O servilismo de quen recibe unha esmola, a grandeza de quen dá do que lle sobra. Gran mérito. Eva e Manuel levan no peto outros agasallos. Deses dos que está feito o compromiso por un mundo mellor.


0/5 (0 votos)