Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica lei

Quintana abre a porta á supresión do plus de altos cargos

Logo de que o vicepresidente apuntara este luns a posibilidade de derrogar a norma, Vieiros conversou con responsábeis dos tres partidos, sindicalistas e con Encarna Otero.

Fernando Arrizado - 15:00 11/09/2007

A intervención do vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, no programa da TVG Hai Debate botou un pouco máis de luz sobre a posición do BNG respecto á polémica disposición adicional 17ª da Lei da Función Pública, que estabelece un suplemento económico anual para altos cargos unha vez estes deixen a política activa para reingresaren nas súas prazas de funcionarios.

A nacionalista Encarna Otero, directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, introduciu o debate na cidadanía e no seo do BNG co artigo publicado neste xornal o pasado 1 de agosto, onde expresaba a súa discrepancia e oposición coa citada disposición adicional e chamaba á "desobediencia política no acatamento desta norma e a insubmisión económica como criterio ético para deste xeito contribuír a que Galiza e o seu Goberno sexan mostra de ética rexenerativa".

Este martes, en declaracións a Vieiros, Encarna Otero sinalaba que "ratifico todo o escrito no artigo", e manifestaba a súa ledicia por que "haxa unha posibilidade de modificar a lei". "Cando deixamos de ser cargos públicos volvemos ser cidadáns cos mesmos dereitos e deberes ca o resto", afirmou.

"Non hai nada pechado", sinalou Quintana este luns á noite. "O proxecto de lei de Función Pública que elabora o Goberno non contemplaba esto, que se introduce no Parlamento porque o PP presenta unha emenda pedíndoo. O Goberno quería sacar a lei por consenso e introduce esta emenda. É normal que se poida revisar, o mesmo conselleiro ten dito que en breve se levará ao Parlamento unha nova lei, e sería un bo momento para facelo".

A posición do BNG: Carlos Aymerich

O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, confirma as declaracións do vicepresidente na Galega, e expón dúas posibilidades para a modificación da disposición adicional 17ª: unha, xa plantexada polo conselleiro da Presidencia, Méndez Romeu, a través da aprobación dunha nova Lei da Función Pública (a actual, do pasado 17 de xullo foi presentada como lei de medidas urxentes); e outra, "moito máis rápida", introducindo as pertinentes modificacións na Lei de Orzamentos Públicos para 2008 e que ten que ser aprobada antes do vindeiro 31 de decembro.

Segundo Aymerich, o BNG sempre foi contrario á norma que "non estaba no proxecto que chegou ao Parlamento", mais que o PPdeG introduciu como emenda (número 41) transaccionada co PSdeG. "Dentro do pacto de goberno, temos o compromiso de apoiar e outorgar a última palabra aos nosos socios responsábeis de cada área, e aquí foi Presidencia quen a tivo como Medio Rural no caso da Lei do Banco de Terras, por exemplo", afirma o voceiro nacionalista.

A posición do PSdeG: Beatriz Sestayo

Dende o PSdeG sosteñen que a información que está a chegar á cidadanía sobre este tema está a ser "confusa". Beatriz Sestayo, voceira socialista de Administración Pública, di que a maioría dos beneficiarios do sobresoldo xa teñen acadado o nivel 30 (o máis alto dentro da Xunta) polo que, segundo os seus cálculos, "a cantidade media a cobrar é dunhas 14.000 pesetas (84 euros) ao mes; en ningún caso a cifra de 15.000 euros é correcta".

Sestayo quere deixar claro, ademais, que a polémica lei "é unha translación da lexislación básica estatal", que a emenda que introduciu o PPdeG "non tivo oposición por parte de ninguén", e que, sobre todo, "ningún partido nin ningún sindicato se opuxeron nunca" á norma. Unha norma que tivo unha "longa vida parlamentaria, porque tivemos que falar con ao redor de 70 colectivos diferentes para podela consensuar", engade.

Por último considera que as lei non está pechada, aínda que "até o de agora non barallamos a posibilidade de modificala, máis alá do plantexado polo propio conselleiro Méndez Romeu". No entanto, afirma respecto a postura revisionista do BNG que "o que eu ouvín hoxe mesmo (por este martes) no Parlamento non coincide co dito por Quintana".

A posición do PPdeG: Antonio Rodríguez Miranda

O homólogo de Beatriz Sestayo no PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, subliña que "os principais responsábeis da aprobación da norma son os grupos que sustentan o Goberno", o PSdeG e o BNG, e amosa a súa sorpresa polas declaracións de Anxo Quintana.

"Como deputado que é, votou favorabelmente á aprobación da lei. Que o diga un parlamentario de a pé, aínda pode ser, mais que o máximo dirixente do BNG diga agora que se pode modificar non ten lóxica a non ser que fixese unha viaxe astral durante a votación e non lembre o que fixo", sinala Rodríguez Miranda.

Ademais, considera ao igual que o PSdeG que se trata dunha translación da lei estatal, e que en ningún caso a cifra de 15.000 euros é correcta, porque desta cantidade "hai que descontar os complementos de destino que todos os funcionarios teñen dende a lei de 1991". Así, afirma que, por exemplo, aos profesores universitarios que agora son directores xerais xa teñen cubertos estes complementos, e polo tanto non lles repercutirá.

Porén, o voceiro popular incide noutros aspectos da lei que segundo el non se lles está a dar importancia como é que "nos dous últimos anos os gastos en persoal eventual de gabinete (cargos de confianza) aumentasen nun 30%". Por último, defende que a emenda introducida polo PPdeG é de xustiza, xa que o que pretende é "recoñecerlles aos cargos públicos certa cantidade polo seu traballo".

A posición da CIG: Bautista Vega Tato

Bautista Vega Tato, membro da dirección nacional do sindicato CIG e un dos máis destacados opositores á disposición adicional 17ª, coida que dende o PSdeG e o PPdeG estase "a tratar de minimizar a historia". Segundo el, é certo que algúns cargos públicos non van recibir o suplemento de 15.000 euros, "porque xa estaban no anterior Goberno e teñen consolidado o nivel 30".

"Non hai xustificación ningunha para que se suban o soldo xente que xa ten salarios moi altos", di Vega Tato. "Hai necesidades máis importantes no país. É curioso que tomen como referencia o Estado para facer esta lei en Galiza, que non se estaba aplicando, e que en troques non miren para el cando se trata de falar de que temos as pensións máis baixas ou dos problemas de listas de espera", afirma.

Respecto ás declaracións do vicepresidente do Goberno, Vega Tato, que nun artigo enviado aos medios recentemente cargaba duramente contra o novo goberno por esta cuestión, manifestou a súa satisfacción e considerou que "rectificar é de sabios". "O Bloque tense que posicionar e cómpre facelo antes de que entre en vigor a lei, porque despois será moito máis difícil modificala", engadiu.


4,67/5 (15 votos)

Comentarios (13)

breixoak #1 11/Setembro/2007 breixoak

O BNG ten que liderar a supresión dos sobresoldos. Ter un pacto co PSOE non significa ter que dicir que si a todo. Os 15.000 euros é unha das decisións máis controvertidas desta lexislatura, sempre hai tempo para rectificar. E é de sabios.

carlosroca #2 11/Setembro/2007 carlosroca

A cousa non é de 15.000 € e a norma ven dunha lei do estado. Pero me é estupendo que o BNG teña a flexibilidade e visión como para repensar o asunto e obrigar a que PSOE se bote para atrás.

A2b2 #3 11/Setembro/2007 A2b2

O que hai é que ter menos "morro". Ata o de agora, cando non gustaba unha Lei, votábase en contra (Non a favor). ¡Poderoso caballero es don dinero! (Esto último polo do bilingüismo armónico... jejejeje..)

sanquera #4 11/Setembro/2007 sanquera

me es igual que sean 15000 que 1€, cuando alguien deja un puesto deja de cobrar los complementos

cissjgv #5 11/Setembro/2007 cissjgv

Ese plus dos 15.000 euros tense que ir, polas boas ou polas malas, mais o que e irse, tense que ir. No meu sentir, e non creo que eu sexa un bicho tan raro, esa ignominia, esa perfidia, é unha invitación a violencia. Poñámo-la cousa en certa perspectiva: 75.000 galegos e galegas tiveron que deixar o país no 2006. E ese o perfil dun país que poida repartir feixes de euros aos nosos supostos servidores civís?
Polas boas ou polas malas, fóra.!!! E senón, que se vaia eles tamén> Espoliadores, traidores, lixo, iso é o que son.

Erasmo #6 12/Setembro/2007 Erasmo

Agora teñen unha oportunidade de ouro para desviar os cartos que ían cobrar os altos cargos da Xunta para Normalizar o Galego no ensino:
con 60 €uros brutos ó mes faríamos máis pola lingua galega do que fixeron os 'altos cargos' en toda a súa vida! jejeje...

Rosamna #7 12/Setembro/2007 Rosamna

Que disculpas tan chapuceiras....primeiro aprovan unha lei coma esta e agora non saben como nin porque o fixeron...que vergoña de politicos...pero sexa polo que sexa QUE SUPRIMAN PRIVILEXIOS VITALICIOS..estamos no seculo XXI ...e segun a constitución todos somos iguais...non hai castas nin clases superiores...

Alberto #8 12/Setembro/2007 Alberto

¡¡Disculpas trapalleiras!! ¡¡vironse coa merda no pescozo e agora tratan de amañalo como se non pasara nada!!.. seguro que xa estan cavilando nun novo xeito de colarse outro complemento por outra via.
Encarna: menos mal que ainda ti tes decencia.
de seguir este bng mirando polos cartiños, penso que nas vindeiras eleccións, inda que chova, voume ir a praia...

outrolector #9 12/Setembro/2007 outrolector

Concordo cos anteriores comentarios. Imos todos no mesmo barco -Galiza- e todos debemos ser iguais en cada momento, sen privilexios vitalicios costeados polo goberno DE TODOS E PARA TODOS. Estas reaccións do BNG non deixan de ser "excusas de mal pagador", e a vergoña xa caiu (tamén) sobre eles por mirar para outro lado cando se votou. Grazas Encarna pola túa dignidade e decencia. Vales un mundo!

É moi urxente que no BNG espabilen de contado, e escorrenten calquera dos síndromes de "novos ricos" que se albiscan. Salvando as distancias, e co permiso de San Mateo, no seu Evanxeo, no Sermón da Montaña aparece que "Vos sodes o sal da terra. Mais se o sal perde o seu sabor, ¿con qué se vai salar? Para nada serve, senon para tirala fora e que a pisen os homes."

carlosroca #10 12/Setembro/2007 carlosroca

Podese ver a entrevista a Quintana en Hai Debate no pasado luns 10:
http://www.crtvg.es/TVG/ficha....

baltar69 #11 12/Setembro/2007 baltar69

nada espero eu xa desta tropa polo que pídolles que se deixen de lerias e falen, as claras, que o séu interés está en encherse os bolsillos cos impostos da meirande parte da cidadanía. eu, no caso de acadar algún posto político no futuro, acredito aquí mesmo e en público que roubarei e estragarei do erario común canto poda e se non me chega o día para o escalo por falta de horas, prometo levantarme de noite a carrear arelas para o meu muiño até construir un chalé máis grande ca cidade da cultura no monte de vilauxe.

BonKarallan #12 12/Setembro/2007 BonKarallan

Pois que vaia abrindo a porta, a ver quen sae primeiro.

carlosroca #13 12/Setembro/2007 carlosroca

Canta tolemia ten este País...sempre estragando o colectivo, por iso o PP sobrevive tan ben coa axuda do noso acratismo -tremendista -individualista.
A primeira vez que o nacionalismo está no poder institucional e se lle pide que faga o que ninguén podería, se lle esixe o que a ninguén se ousa...co ainda cativo apoio social que concita.
En fin, que os bos o xenerosos que sigan a construir, e os duros, imbéciles e escuros a estragar.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: