Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALIZA NA FEIRA DO LIBRO DA HABANA

Luís Bará: "Até hai dous anos desprezábase e ignorábase a cultura galega"

O director xeral de Creación e Difusión Cultural considera que a viaxe a Cuba foi un investimento para a internacionalización da nosa cultura e anunciou que ese gasto ha aumentar.

M. del Río - 09:35 23/02/2008
Luís Bará (esquerda), con Raúl Castro na inauguración da Feira. En segundo termo, Ánxela Bugallo / Nacho Vázquez

Luís Bará (esquerda), con Raúl Castro na inauguración da Feira. En segundo termo, Ánxela Bugallo / Nacho Vázquez

Luís Bara Torres (Vilaboa, 1965), director xeral de Creación e Difusión Cultural, forma parte da delegación da Consellaría de Cultura e Deporte na Feira Internacional do Libro da Habana. A nosa cultura cobrou protagonismo este ano ao ser Galiza o país convidado. O domingo clausúrase o evento, e é o momento de facer balance.

Como valora o resultado da participación galega na Feira da Habana?


O balance é extraordinariamente positivo, tanto no cumprimento do obxectivo de recoñecemento da presenza galega na Habana, que é un aspecto importante da nosa participación aquí, da pegada cultural e histórica que deixou Galiza na Habana e das persoas que foron protagonistas na historia, na construción da nosa identidade nacional, do himno, da bandeira, da academia... e o obxectivo de conseguir o coñecemento da nosa cultura dende unha perspectiva actual e dando unha imaxe nova. Interesábanos moito presentar o libro, e tamén a música, o teatro, a arte e o audiovisual. Creo que acadamos ese obxectivo de dar a imaxe dunha Galiza nova e non dos tópicos que estivo transmitindo moitos anos a dereita que gobernou o noso país. Tivemos o recoñecemento das autoridades e do público cubano da riqueza cultural que ten Galiza. E tamén nos interesaba moito poñer a cultura galega no mundo e sobre todo en Hispanoamérica. A partir de agora haberá outras citas relacionadas co libro. Foi tamén un recoñecemento da nosa capacidade de organizar eventos.

Que supón para a cultura galega ter presenza neste tipo de feiras internacionais?

A cuestión fundamental é romper coa imaxe de Galiza que se estaba a transmitir até agora. Que se vexa que é un país novo, e que a súa imaxe se proxecte fóra. Até hai dous anos desprezábase e ignorábase a cultura galega. Gastáronse miles de millóns de pesetas en traer artistas de fóra e non se confiaba no potencial da cultura galega no mundo. Queremos presentar de xeito potente a nosa cultura no exterior.

Considera que foi rendíbel o custo da participación da delegación na Habana?

O custo da participación da delegación galega en Cuba ten un resultado que non é cuantificábel, que non é material, de darlle visibilidade ao noso país, á nosa cultura. Galiza era unha cultura descoñecida. Vai dar froitos no futuro e hai que apostar por esa liña de traballo. En comparación con outras nacións, como Cataluña, que levan investido moito máis diñeiro, tivo e ten para nós moita rendibilidade de obter beneficios económicos e materiais mediante a súa presenza no mundo, coa posibilidade de conseguir traducións e a presenza dos artistas no exterior. A quen criticou isto, diríalle que imos seguir apostando pola cultura galega, porque ten valía, e imos incrementar no futuro este gasto.

De onde xurdiu a idea de asistir á Feira Internacional do Libro?

A idea naceu hai dous anos, no cambio de Goberno, a instancias de Xosé Neira Vilas e de Anisia Miranda, de que Galiza volvese á feira da Habana. A partir de aí, tamén contou coa iniciativa de Miguel Anxo Fernán Vello, que nese momento lle traslada ao goberno cubano esa posibilidade. A proposta cristalizou ao longo de 2006, e Galiza aceptou o convite. Tamén houbo outra persoa clave, Nancy Pérez, que xa colaborou como coordinadora de todo o programa cultural que houbo este ano.

A pesar de ser unha feira editorial, tamén tivo representación o resto do mundo da cultura?

Tiñamos unha grande oportunidade aquí de traer o libro, pero tamén quixemos darlle importancia ao sector editorial e ás outras manifestacións culturais: exposicións de arte, proxectos musicais. Pasaron cousas que quedarán na nosa historia, como o concerto da Real Filharmonía con Carlos Núñez, ou o proxecto Rosalía, que se vai presentar o sábado coa colaboración de Pablo Milanés. Tamén tiveron o seu lugar as artes escénicas e o audiovisual. Isto fano de xeito intelixente todos os países: aproveitar estes convites para mostrar de maneira integral a súa cultura.

A Feira da Habana abre as portas para participar noutras citas da cultura galega no mundo?

Na Habana presentamos publicamente o proxecto Letras de Galicia, e a revista do mesmo título, unha publicación especial que se fixo co gallo da feira pra dar a coñecer a nosa cultura e a literatura galega actual en Latinoamérica. Temos prevista unha presenza importante nas feiras do libro de Bos Aires, de Montevideo, de Guadalajara (México) e na bienal do Libro do Brasil. Xa en Europa, estaremos no festival marítimo de Brest, en xullo, e en Lorient, xa en agosto de 2009, con Galiza como convidada de honra. Imos ter a oportunidade de mostrar tamén en Europa a nosa cultura, nun territorio tan próximo ao noso como a Bretaña, coa que temos lazos culturais, tanto pola cultura do mar como pola música chamada celta. Galiza ten moito que dicir.


4,75/5 (16 votos)

Comentarios (6)

Sabrexo #1 23/Febreiro/2008 Sabrexo

Parabéns á Consellaría de Cultura polo éxito da participación galega neste evento. É moi ilustrativo que a critiquen quen só van ao estranxeiro con cartos públicos facer turismo e intentar conseguir os votos dos descendentes de emigrantes.

redaccion #2 24/Febreiro/2008 redaccion

A pé desta información foi borrado un comentario.

En Vieiros cremos que a verdade non é propiedade de ninguén, senón que se constrúe entre todos. Por iso, tamén estamos convencidos de que a participación dos lectores e lectoras engade outro valor aos contidos informativos. Pero este xogo ten as súas regras. O insulto, as descualificacións persoais e a linguaxe despectiva atrancan a comunicación libre. O diálogo establécese sobre as ideas, non sobre quen as emite. Por esta razón, eliminaremos os comentarios que non favorezan a liberdade e o razoábel intercambio de opinións. En beneficio da participación e do debate.

Sabrexo #3 24/Febreiro/2008 Sabrexo

Alguén sabe de páxinas de Internet da ideoloxía de Gaviotero que permitan comentarios? Esclavituz Dijital non, que xa non publican os que non lles gusten. Á parte de deixar de entrar en Vieiros mentres permitan os insultos deste troll fascista ao pé de cada noticia, penso que é unha boa idea devolverlles a visita.

ecoe #4 24/Febreiro/2008 ecoe

Moi ben n´Habana: facendo o necesario ("de GZ para o mundo", que dicía algún, terxiversando).

Agora a por Guadalajara, Bós Aires e Montevideo, máximos lugares emblemáticos na historia da nosa Emigración FORZADA, e sen esquecer Brest e L´Orient: Bretaña Esmeraldina (e a tese de Angueira), a tan cunqueirana da Compaña de espíritus pola Bretaña (que non consigo lembrar o título) ou as Cruzes de Pedra de Castelao.

E tamén Fracfurt e London, cando se poida.

Nota sobre os gastos.- Quenes non se adoecen dos do Mausoleo do Gaiás, do TAV/AVE, das subvencións ás empresas (dos que menos temos a quenes máis teñen), de que en tvs, feiras e saraos sempre se traian penosas actuacións de moda (nesto todos teñen que rañar) ante o noso bó (e de fóra bó, que tampouco ven, nin nunca veu), que por favor segana manterse calados, pois vocacionan de CALADIÑOS...

Tino #5 25/Febreiro/2008 Tino

Sabrexo: eu xa o intentei. Nin ElInmundo, nin no EsclavitudDijital, nin en LaDesrazón, todos pechados á intervención externa.
Mais hai algúns en Galiza: LaRegión, LaVoz nalgunhas noticias...

piscus #6 25/Febreiro/2008 piscus

Un dos persoeiros que todos os seus esforzos foron por dignificar a lingua e cultura galega foi F.Martin Sarmiento,os seu orixes familiares son da aldea de Perros,concello de Sarria. A asociacion amigos do "souto" reinvindicamos un area de ocio e descanso, que ben poidera levar unha lapida en seu recordo, e resarcirse do seu esquecemento no ano das Letras Galegas, na aldea e no concello.
SERIA MOITO PEDIR UNHA LAPIDA NA HONRA DE F.MARTIN SARMIENTO NO SOUTO DE PERROS,NUN ENCLAVE PAISAXISTICO NO CAMIÑO DE SANTIAGO?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: