Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
POESÍA PARA VER/POESÍA PARA LER

Estevez e Lugrís, 'de xira' por Ferrol

O próximo venres 6 de febreiro inauguran a súa exposición cun recital na Galería Sargadelos da cidade.

Redacción - 09:00 02/02/2009

Entre o 6 e o 28 de febreiro poderán visitarse na Galería Sargadelos de Ferrol dúas exposicións dos poetas Eduardo Estévez e Igor Lugrís. Poesía para ver e poesía para ler, polo tanto. Estévez e Lugrís son dous dos autores galegos que máis se teñen preocupado por achegar e fusionar a poesía e a palabra con outros soportes e formatos, e ao tempo, os que de xeito máis constante empregan a rede como espazo de creación e difusión das súas obras. O venres 6 estarán os dous en Ferrol inaugurando senllas exposicións.

Igor Lugrís presenta a mosta Poesía para ver/ poesía para ler. Trátase dun proxecto literario en permanente construción, "que procura novos camiños de expresión, novas formas de contacto co público/lector, convertendo o poema nun obxecto plástico que se poda ao tempo ler e ver, recitar e expor, nun intento de achegar a poesía, e a literatura en xeral a novos públicos, tentando romper o muro que separa a creación da vida cotiá". A exposición puido verse xa en Cabanas Raras e Ponferrada, no Bierzo, e mais en Salvaterra do Miño, Ponteareas e Santiago. Algunhas das imaxes que se exporán en Ferrol poden verse na rede, nunha galeria de Flickr.

Desde internet, Lugris promoveu e coordinou diversas iniciativas literarias, como denominador común da creación colectiva e o achegamento informal á lectura e á escritura. Un dos resultados dese traballo foi a creación do cadáver exquisito Há umha certa luz incompreensível na distáncia, no que participaron máis de 50 autores. Cos case que 100 poemas resultantes, organizou e comisariou unha exposición chamada Expocadáver, en Abril de 2007 na Galeria Domilvacas.arte, en Ponferrada. Coordinou, comisariou e participou na exposición alimetARTE. Encontro artístico, literário e gastronómico, celebrado na mesma galería entre os meses de xuño e xullo de 2007, e na que participaron uns 20 artistas de diversas disciplinas.

En canto a Eduardo Estévez, presenta Os veos da paisaxe. O seu libro homónimo foi publicado por primeira vez en Retagarda Edicións (2000) e del se fixeron, posteriormente, dúas edicións dixitais, en Biblioteca Virtual Galega e luagris.net. Agora expón un conxunto de fotografías que se unen aos poemas e os completan. As imaxes do proxecto fotográfico naceron en 2004 durante unha serie de viaxes periódicas realizadas atravesando o Concello de Xermade. Posteriormente integráronse co libro no proxecto editorial de Edicións Bourel que verá luz ao longo deste mes de febreiro no ámbito da exposición.

'A minha língua quero na tua boca...' (Entrevista a Igor Lugrís)
"A discusión sobre o futuro do libro é arcaica: O futuro é internet" (Entrevista a Eduardo Estévez)


4.5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Tres dos poemas visuais que expón Igor Lugrís
Tres dos poemas visuais que expón Igor Lugrís
Unha das imaxes de 'Os veos da paisaxe' de Eduardo Estévez
Unha das imaxes de 'Os veos da paisaxe' de Eduardo Estévez