Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Acto no paraninfo da Universidade da Coruña

Manuel Rivas ingresa na RAG con palabras de "memoria, ecoloxía e lingua"

Cunha flor de toxo na man, O'Rivas debullou o seu discurso "A boca da literatura", co que pasa oficialmente a formar parte da Real Academia Galega.

Redacción - 19:25 12/12/2009

"Non é por gloria, nin por riqueza, nin por honores polo que nós loitamos, senón pola liberdade", expresou o escritor coruñés Manuel Rivas durante o seu discurso na mañá deste sábado n'A Coruña. No seu discurso, titulado "A boca da literatura: memoria, ecoloxía e lingua", falou tamén Rivas da literatura como o mellor instrumento para a recuperación da memoria individual e colectiva. De paso, o escritor tivo un recordo para o aínda presidente da Real Academia Galega (RAG), o historiador Xosé Ramón Barreiro, quen proximamente deixará o seu posto. Valorou Rivas que Barreiro foi "cando máis cumpría, sagaz, prudente e valente na defensa da nosa lingua". "A poesía é a maior milagre do mundo", concluíu Manuel Rivas ao remate da súa intervención.

Manuel Rivas Barrós naceu na Coruña en 1957 e é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Colaborador de diversos diarios galegos, como El Ideal Gallego, tamén participou cos seus artigos en revistas como Teima e Man Común e, de xeito fixo, no semanario A Nosa Terra. Cofundador da revista cultural Luzes de Galiza, na actualidade mantén unha columna semanal no xornal El País. Ademais, posúe unha extensa creación literaria en todos os xéneros literarios, como a novela 'O lapis do Carpinteiro', a escolma de relatos 'Un millón de vacas' ou os poemarios 'Costa da Morte Blues' e 'A desaparición da neve'. O plenario RAG acordara o pasado mes de xullo o nomeamento como membro electo do escritor para ocupar a vacante producida tras o falecemento do académico Camilo González Suárez-Llanos.


4.75/5 (53 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: