Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Moncho Iglesias

Raquel, unha xudía en Palestina

17:26 26/10/2007

Cada ano, o día 11 do mes xudeu de Hexván -23 de outubro nesta ocasión-, celébrase o cabodano da morte de Raquel, matriarca do pobo xudeu. Unha vez máis, milleiros de fieis peregrinaron ata a súa tumba, convertendo Belén, unha pequena cidade dentro da Autoridade Palestina, nun gran territorio xudeu rodeado de soldados israelís.

Raquel -en hebreo Rahel, que significa ovella, quizais connotando inocencia- é a segunda esposa de Xacob, e nai de Xosé e Benxamín. Malia non poder ter fillos durante moitos anos, nunca perdeu a fe e a esperanza en que Deus lle dese descendencia. Por iso, considerada unha das nais fundadoras do xudaísmo, a súa tumba é un dos lugares máis visitados para transmitir pregarias a Deus –é o terceiro lugar en importancia para o xudaísmo. Sobre todo mulleres estériles, pero tamén outras persoas, acoden ao lugar onde está enterrada a nai Raquel na procura de beizóns.

Cando Xacob enterrou a Raquel, fíxoo na estrada que unía Belén con Efrat –hoxe en territorio palestino, aínda que Efrat é un dos asentamentos máis grandes que existen en Cisxordania. O crecemento de Belén provocou que a tumba quedase no medio da cidade, onde se construíu un cemiterio musulmán que rodeou o lugar. Durante o mandato xordano (1948-1967) os xudeus tiveron prohibida a entrada, ata “A Guerra dos Seis Días” (1967). Anos despois, Rabin, que non sabía da importancia da tumba para os relixiosos xudeus, decidiu entregar o control do lugar aos palestinos, como parte dos acordos de Oslo (1993). Isto provocou a ira dun exaltado relixioso que o asasinou, precisamente o mesmo día en que morrera Raquel moito tempo antes.

Hoxe en día, a tumba de Raquel non é máis que unha rocha con once pedras enriba -unha por cada un dos once fillos que tiña Xacob cando Raquel morreu dando a luz. Un edificio e dúas torres pequenas recobren o sitio, ao que se pode acceder só entrando por Israel. Un muro parapeta a estrada que vai dende as comportas da entrada fronteiriza entre Belén e Xerusalén. Unha estrada e unha tumba á que non teñen acceso os belenitas, que nin sequera poden achegarse á muralla.

Os palestinos non poden aproximarse á tumba de Raquel e, ademais, durante os días previos á celebración do cabodano da súa morte, a saída e entrada de Belén é imposible. Centos de militares custodian a entrada, para así protexer aos milleiros de relixiosos que chegan en peregrinación ao lugar santo. Esta custodia impide que calquera que non sexa da fe do pobo elixido entre ou saia de Belén. Con todo, varios belenitas lograron saír do lugar, escoltados por militares israelís, durante unha nova incursión militar no centro da cidade. Outros non puideron entrar, coma un ancián que, tras recibir a alta médica nun hospital de Xerusalén, volvía á súa casa. Ao home, silenciado polo amoreamento de xentes que intentaban entrar na súa cidade, prohibíuselle a entrada. É máis, un dos soldados que lle berraba que liscase de alí, serviuse a acompañalo ata as barreiras de seguridade con pequenas patadas que só respondían ao intento do señor de ir durmir cos seus.

Raquel, que chorou polos seus fillos, e pola fin do sufrimento e exilio dos seus, segue a contemplar, hoxe en día, outro sufrimento e exilio. Moitos séculos despois da súa morte, repítense as persecucións e os maltratos que continuarán facendo que se derramen bágoas.

4,29/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Moncho Iglesias

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »



Anteriores...